Nube de tags

, , , , , , , , , , , , , , , , , , , , , , , , , , , ,

Tags de todo el sitio

Mirando atrás: O meu profesorado

Volvemos ás andadas na rede social Stellae, esta vez dende o contexto dunha nova materia no noso percorrido académico. A materia Formación e Desenvolvemento Profesional do Profesorado achéganos de novo a esta metodoloxía de traballo que nos permite interaccionar e intercambiar as nosas inquedanzas cos nosos compañeiros e, polo tanto, aprender uns dos outros.  Entón, aquí comezo de novo as miñas aportacións neste novo proceso de ensino-aprendizaxe.

A modo introdutorio, para situarme nesta materia, decidín falar sobre un tema xa tratado na aula que me serve para iniciarme neste novo percorrido, como é a nosa propia experiencia co profesorado. Sinalar que esta actividade xa foi realizada de xeito grupal, pero quería tamén reflexionar de xeito máis persoal sobre este tema.

No tocante ós meus primeiros pasos na educación formal foron nun Centro de Educación Infantil e Primaria nun contexto urbano como é a cidade de Narón. Por motivos obvios, non lembro con claridade eses primeiros anos senón que teño un recordo un pouco borroso deles. Sen embargo, si que podo lembrar a profesora que me acompañou ao longo de toda a etapa de Educación Infantil por medio dos meus recordos e polo que me ten contado a miña familia. Recordo o seu cariño, a súa infinita paciencia, o seu carácter familiar, a súa proximidade aos alumnos que durante os meus días dentro de ese novo espazo, como é un centro educativo para un neno de entre 3 a 5 anos, puiden sentirme como na miña casa.

Na miña opinión, baseándome na miña propia experiencia, considero que é un aspecto importante dos docentes durante esta etapa, xa que é no momento no que a escola se converte como segundo axente socializador para un neno, onde se pasan moitas horas, polo que é moi positivo ter una figura de referencia que sexa agradable e que, polo tanto, sirva de apoio para o alumno.

Con respecto á Educación Primaria tiven dous docentes que considero fundamentais, unha que compartiu con continuidade os dous primeiros ciclos e outra para o terceiro ciclo.

Da primeira profesora teño moi bos recordos, pode ser que isto sexa pola continuidade que tivo o seu quefacer con nós, pero tamén pola súa actitude e pola súa forma de transmitirnos o coñecemento. Era unha persoa amable e ademais, sempre nos presentou os contidos dunha forma atractiva sen limitarse no libro de texto como elemento fundamental da súa labor e do noso aprendizaxe, senón que nos propoñía moitas actividades programadas por ela que nos supoñían o traballo en grupo e polo tanto, a interacción entre compañeiros. Ademais, en moitas ocasións, as actividades propostas as podíamos realizar fora da aula, tanto no patio escolar, como no invernadoiro ou noutros lugares próximos ó centro.

Doutra banda, a profesora do último ciclo da educación primaria, pasou co meu grupo escolar dous anos consecutivos, pero tamén gardo un grato recordo dela. Nun principio, despois de estar catro anos coa mesma docente, non tomamos moi ben o cambio pero rapidamente gañou a nosa confianza. Era unha docente implicada no seu traballo, cariñosa, cercana e preocupada por cada un dos seus alumnos.

Dicir que durante esta etapa escolar, tamén tiven outros profesores concretos doutras materias como inglés, educación física, música, etc. Con respecto a isto, recordo o medo que lle tiña a profesora de inglés, o temor que sentía previamente ás horas antes de ter esa clase, o silencio absoluto que tiñamos que gardar durante esa materia. Tratábase dunha profesora moi autoritaria, non nos permitía falar entre nós, senón que tiñamos que limitarnos a escoitala e reproducir o que ela dicía e facer o que mandaba. Tamén recordo os seus berros o mal humor que a caracterizaba. Estes eran os ingredientes que, baixo o meu punto de vista, a definían como unha mala docente xa que máis que as ganas de aprender nos transmitía temor.

A Educación Secundaria Obrigatoria así como o Bacharelato o realicei no I.E.S As Telleiras, tamén no medio urbano de Narón. Nesta etapa xa tiven un profesor para cada materia, polo que durante estes anos pasaron pola miña vida un gran número de docentes.

En xeral, considero que nesta etapa os docentes son máis distantes e establecen relacións máis impersoais, posto que a visión que me levo de forma global é que a maioría tiña como obxectivo chegar a aula, dar os contidos que teñen establecidos e cando toque o timbre marchar sen máis. Considero que este aspecto, incide enormemente na motivación do alumno á hora de afrontar unha determinada materia, engadido á actitude de “rebeldía” que amosa o alumnado durante a adolescencia. Tamén se trata dun profesorado que emprega unha metodoloxía tradicional, limitada no libro de texto o que tamén limita enormemente as expectativas do alumnado.

Polo tanto, o problema que atopei durante estes anos no instituto é que os docentes están moi formados en contidos, pero quizais non tanto na forma de transmitilos e que a súa actitude é o reflexo da actitude que van ter os alumnos acerca del e da materia. Aínda así, so é unha reflexión xeral, posto que tamén teño bos recordos acerca dalgúns profesores/as que ademais de limitarse a transmitir contidos se preocupaban polas nosas necesidades específicas, polas nosas inquedanzas, polos nosos intereses e amosaban actitudes máis próximas que propiciaban un ambiente máis agradable na aula.

Finalmente, a miña experiencia cos docentes na Universidade tamén é un pouco dispar, posto que me atopei mellores e peores profesores/as. Nesta etapa tamén tiven relación moi distantes no que o profesorado nin sequera coñece os nomes dos seus alumnos a outras moito máis familiares. Aínda así, considero que foi o profesorado desta etapa da miña vida o que aflorou en min unha actitude moito máis crítica, unha visión máis ampla da realidade e as verdadeiras ganas de aprender e de investigar acerca do que me interesa.

Remato a miña narración con esta cita do historiador estadounidense Henry Adams Un maestro afecta a la eternidad, nunca sabe donde termina su influencia”.

Maestro.jpg