A vocación docente

Nas últimas sesións de clase estivemos repetindo unha serie de conceptos que definen a profesión docente. Entre estes, considero importante destacar o concepto de vocación.

Que é a vocación?, É necesario ter vocación para ser docente?, A vocación é innata ou pode ir afianzándose coa formación nun ámbito?

En primeiro lugar debo indicar que o termo vocación provén do latín vocatio e acostuma aparecer relacionada cos anhelos, así como todos aqueles aspectos que resulten inspiradores para cada suxeito. Por outro lado, este termo acostuma estar vencellado á inclinación que ten unha persoa para elixir unha profesión concreta, neste caso maxisterio . Para Castaño (1983), pola súa parte, a vocación inclúe connotacións psicolóxicas como a motivación.

Será Encarnación sánchez (2002) a que determine que a vocación docente segue un proceso  formándose en tres momentos.

-          Pre-vocacional: é o primeiro período de achegamento á profesión que queremos realizar.

-          Peri-vocacional: Prodúcese ao largo da formación inicial na profesión elixida, é dicir a través da formación nas facultades.

-          Vocacional: neste momento é cando o profesional se introduce no seu traballo, sendo o momento no que máis se manifesta este sentimento.

Atendendo a isto para moitos autores a vocación non ten porque ser intrínseca á persoa senón que pode ir formándose ao largo da formación así como posteriormente no desenvolvemento desta a través do traballo. Con todo, considero que un punto primordial na formación da vocación é a propia personalidade do suxeito, así como a súa motivación e aspiracións. Atendendo a isto, creo que aínda que a vocación se poida formar a través do estudo ou do traballo, a personalidade do suxeito e  clave na consecución desta.

Ante isto, considero interesante recoller a clasificación de vocación realizada por Ferrero (1994)na cal aborda tres tipos de vocación, os cales se producen no proceso de formación dos suxeitos :

-          Vocación subxectiva: Se o suxeito está interesado nunha actividade, mais carece daquelas cualidades necesarias.

-          Vocación Obxectiva: Posúe as cualidades necesarias, mais non posúe o interese necesario para levar a cabo esa tarefa.

-          Vocación auténtica: Cando posúe as cualidades así como está interesado na mesma.

Neste senso recoñecer a tarefa que se está a realizar e a importancia da mesma, así como ter motivación pola actividade a realizar, son feitos claves no afianzamento da vocación auténtica, así mesmo o esforzo realizado para acadar os obxectivos que nos formulamos e a autoestima dos suxeitos son todos os ingredientes necesarios para mellorar e incrementar a vocación dunha persoa.

Tendo en conta o analizado anteriormente e dando resposta ás cuestións formuladas ao comezo, podo dicir que a vocación, e neste caso a vocación docente ten un eixe clave na personalidade dos suxeitos así como na formación que reciban. Distintos aspectos como o recoñecemento da tarefa que se está a realizar ou a motivación son clave na constitución e no desenvolvemento da vocación. Así mesmo considero moi interesante ter en conta que a vocación se pode formar ao tomar contacto cun eido. Deste xeito podemos indicar que aínda que a profesión docente poida estar nun primeiro momento afastada das preferencias de moitas persoas e se acceda a ela debido a que é unha titulación de fácil acceso, todos fomos alumnos e todos coñecemos como son os profesores. Atendendo a isto, considero que non sería de todo incorrecto entender que comezar a formarte nunha titulación poida chegar a ser a profesión da túa vida e sen dúbida, a vocación pode comezar a desenvolverse.

Con todo, considero a vocación, e máis no caso da docencia, unha característica fundamental dos docentes, sen esta cualidade o proceso de ensinanza non sería o mesmo, posto que a motivación, a autoestima ou o esforzo en mellorar continuamente non estaría presente de non ser grazas ao recoñecemento que implica ser profesor e identificarse como tal.

Sen vocación estaríamos realizando unha actividade profesional afastada de dous aspectos claves das persoas, a súa personalidade e os seus intereses, producindo sen dúbida a un profesional con carencias claras para exercer a súa profesión. Ante isto, recordar a vocación auténtica e clave para entender a necesidade que implica que un profesional posúa estas características. Pero que credes vós Considerades que a vocación é un feito vital na docencia? Ademais, Entendedes que a vocación pode chegar a desenvolverse, Ou máis ben, Credes que é intrínseca á persoa?



Bibliografía

Sánchez Lissen, E.(2002). La vocación entre los aspirantes a maestro. Recuperado o 14 de outubro de 2013 de http://www.uned.es/educacionXX1/pdfs/06-08.pdf 

http://www.slideshare.net/WendyCastilloMartinez/importancia-de-la-vocacin-docente-12819660. Consultada o 14 de outubro de 2013

http://definicion.de/?s=vocacion .Consultada o 14 de outubro de 2013