• Blogs
  • silvia
  • Papel do profesorado a través da película "Taare Zameen Par"

Papel do profesorado a través da película "Taare Zameen Par"

Nesta entrada gustaríame reflexionar sobre o papel dos docentes nos procesos de ensino- aprendizaxe dos alumnos, e para isto vou utilizar como referente a película “Taare Zameen Par” que vimos na materia de dificultades de aprendizaxe.

Nesta película podemos ver o papel que adoptaron varios docentes en relación a un neno que presenta problemas de dislexia, pero cuxa dificultade aínda non fora detectada por un profesional. Polo tanto, como moitos profesores non coñecían a dificultade que presentaba o neno, consideraban que o único problema que tiña o seu educando era a falta de disciplina xa que este nunca atendía nin realizaba as tarefas que os mestres lle indicaban. Porén, o neno non podía realizar actividades que os outros compañeiros facían, pero isto debíase á dificultade que presentaba e non aos motivos que pensaba realmente o profesorado.

Pois ben, este aspecto poderíase solucionar se os docentes estivesen debidamente formados, xa que moitas veces catalogan aos alumnos como vagos, cando realmente poderían estar presentando algunha dificultade e o que realmente precisarían sería axuda por parte do profesor, e non que este o botase constantemente da clase nin o castigase cando esas medidas non solucionarían nada, senón que incluso poderían influír negativamente na autoestima dos nenos.

Sen embargo, na película vemos que é o profesor que chega novo ao centro quen se da conta da dificultade que amosa o neno, e para iso analiza os seus cadernos  e investiga para axudar ao seu alumno a superar dita dificultade, de modo que é este docente o único que confía no neno e o anima para realizar as tarefas que máis lle gusta, como sería o debuxo. Polo tanto, debido a esa confianza  e seguridade que o docente transmite ao alumno crease entre ambos unha especie de vínculo, unha conexión de cariño e afecto entre profesor e alumno. Ademais, como indicaba anteriormente vemos como o profesor explota a capacidade artística do seu educando, animándoo para que pintase debuxos, xa que a pintura era un dos seus puntos fortes e que era preciso reforzar.

Finalmente, ao remate da película vemos como o neno agradece ao seu profesor todo o que fixo por el, xa que tamén foi o único docente que confiou nel e o animaba para que debuxase, xa que creía que era un gran pintor. 

Vínculo entre un profesor e un alumno

 

 

 

 

 

 

 

 

Por iso, tras ver a película, pareceume interesante reflexionar sobre a importancia de que os docentes estean ben formados para poder detectar nas aulas posibles dificultades dos alumnos, e que non se deixen levar por impresións erróneas que poden resultar moi negativas para estes nenos. Neste sentido, considero que na formación inicial dos docentes se debería incorporar unha materia que ensinase aos docentes como detectar posibles dificultades nos seus educandos, para deste xeito, intentar buscar unha solución o antes posible. Asemade, tamén sería importante que os profesores se continuaran formando ao longo do seu exercicio profesional, para adptarse e responder axeitadamente aos constantes cambios que se producen con frecuencia no ámbito educativo. 

Para rematar, considero que a tarefa dun profesor non consiste unicamente en entrar na aula e dar un determinado contido, senón tamén en preocuparse polos seus estudantes e lograr que todos se sintan a gusto na aula, xa que son precisamente estes profesores, os que baixo o meu parecer, logran a confianza dos seus alumnos e deixan unha gran pegada nos mesmos. 

Déixovos o vídeo para que poidades ver a película e observar todas as cuestións comentadas anteriormente:

Comentarios

  • Silvia Seren Sampedro

    A verdade é que a película trata moi ben o tema da dislexia. Isto ocórrelle a moitos rapaces e rapazas e tristemente, na maioría dos casos, se asocia a que ó alumno é vago, desobediente, que se rebela, etc. cando o que lle ocorre é algo moito máis complexo ca iso.

    O neno da película reflicte moi ben por todo o que pasan os cativos que teñen este problema e non son diagnosticados. A incomprensión dos familiares, o rexeitamento por parte dos compañeiros, os continuos berros e castigos por parte dos profesores, etc. so fan prexudicar máis ó neno.

    Realmente é necesario un cambio. Un cambio que parta dunha maior e mellor formación do profesorado en temas como poden ser dificultades na aprendizaxe, para que así poidan primeiro comprender e logo axudar ós rapaces.

  • Nuria

    Encantoume esa película e considero que amosa moi ben e define á figura docente, así como o que a súa labor pode chegar a significar na educación dun neno. Neste caso, podemos observar coma o papel do profesor que axuda ao protagonista é vital para a aprendizaxe do neno xa que sen el o rexeitaban e o tiñan coma un vago sen detectar as dificultades de aprendizaxe.

    Moi boa entrada Smile

  • Enelina

    Estou dacordo con ambolas dúas, é unha mostra de que os grandes e bos docentes, implicados coa súa profesión e coa súa labor con estudantes no día a día, aos que non lle importa adicarlles horas non lectivas aos mesmos co fin de ver e comprobar os seus progresos, así como nos da conta de que non se deben facer ideas previas sobre un neno e a súa situación se realmente non se analizou a dimensión real do problema.

     

    E estou dacordo contigo Silvia, en que é necesario un cambio, pero non vai ser fácil lograr que todos os profesores se impliquen no seu traballo tal e como o fai o profesor de arte que chega novo ao colexio, que se implica non só polo neno, senón tamén porque se sinte identificado, é dicir, é capaz de empatizar e porse na situación do problema do propio neno.

     

    Un saúdo.