A profesionalización do profesorado

A PROFESIONALIZACIÓN DO PROFESORADO

Esta semana chegou ás miñas mans de maneira moi oportuna o libro “Profesionalización e deontoloxía da función docente”, posto que os dous primeiros artigos incluídos nel versan sobre a profesionalización dentro do ámbito da educación; tema que abordamos na última sesión de clase.

Tras a súa lectura gustaríame compartir aqueles aspectos que me pareceron máis relevantes en relación co tema tratado e realizar unha reflexión persoal acerca dos mesmos.

Para empezar cómpre distinguir entreos termos profesionalización e profesionalismo, xa que aínda que están relacionados entre si, denotan significados diferentes, relacionándose este último termo máis cun movemento a través do cal os profesionais buscan acadar un maior recoñecemento da súa actividade; é dicir, vinculase coa categoría ou status profesional.

Na nosa sociedade existe unha tendencia social cara a profesionalización, pero isto non quere dicir que calqueira ocupación poida ser  profesionalizable. Para que iso suceda esíxese que esa determinada ocupación cumpra cuns criterios internos mínimos que definen xenericamente a condición de profesión (Moore, 1970; Pou,1990; Touriñan, 1984 e 1990): 

  • Formación técnica regrada mediante procedemento institucionalizado que capacita ao profesional para explicar e decidir a intervención propia da súa función.
  • Recoñecemento social da actividade a realizar.
  • Orientación á prestación dun servizo público, é dicir, á satisfacción dunha necesidade social.
  • Coñecemento especializado, con nivel de competencia nunha determinada actividades específica, é dicir, cun campo de acción no que o profesional resolve problemas que outros coñecementos especializados non solucionarían.

Polo tanto a profesión enténdese como unha “actividade específica, con fundamento en coñecemento especializado, que está recoñecida socialmente para cubrir unha determinada necesidade social” (Touriñan, 1987).

De este modo, debemos ter en conta que no proceso de profesionalización interveñen dous axentes: os membros da profesión que aspiran a tal recoñecemento, e o Estado, que establece que existe unha necesidade social e que os servizos prestados por dito colectivo é capaz de subsanala de maneira axeitada e pertinente.

Se trasladamos esta definición ao campo do ensino, atopariámonos con que efectivamente a educación é unha necesidade social recoñecida que é subsanada polo profesionais da educación; os cales reciben unha formación técnica regrada e que polo tanto posúen un coñecemento específico que os dota de competencias para desenvolver a súa actividade.

Centrándonos no profesorado, é nese coñecemento, é dicir, na súa formación, onde dende o meu parecer débese centrar o debate.

Primeiramente cómpre definir o que se entende por formación do profesorado. Tal como recolle a profesora Lourdes Montero na obra anteriormente mencionada, trátase dun “conxunto de medidas que teñen como meta o desenvolvemento persoal e profesional de profesoras e profesores e o desenvolvemento da escola; un proceso necesariamente permanente, organizado en etapas, que comeza coa preparación para a carreira e remata no momento da xubilación.”

Diferenciamos pois unha formación inicial e unha formación continua.

Durante as primeiras sesións de clase, vimos como a formación inicial dos profesores era diferente segundo a etapa na que fosen a desenvolver a súa labor. No caso da Educación Infantil e da Educación Primaria consiste nunha titulación específica, sen embargo, na Educación Secundaria, trátase dunha formación complementaria á titulación dun campo do saber concreto (matemáticas, bioloxía, historia…). Xorden aquí varias cuestións: ¿A que se debe esta diferenza? ¿Debe saber máis sobre educación un profesor das primeiras etapas  educativas que un das seguintes? ¿Son as necesidades dos alumnos tan diferentes dunha etapa a outra? ¿Existen uns coñecementos comúns a todo o profesorado ou deben ser estes diferentes?

Os docentes deben adecuar a súa actividades ao nivel madurativo dos alumnos e as esixencias recollidas no currículo, mais hai certas competencias ligadas principalmente a valores, actitudes, destrezas e coñecementos que todo profesor debe posuír para poder dar solucións aos problemas cos que se atopa no desenvolvemento da súa actividade e dar así cobertura as necesidades que os alumnos e a sociedade en xeral lles demanda. Sen embargo, baixo o meu punto de vista, o actual sistema pon en dúbida a existencia deste coñecemento común.image

Sabemos que a formación inicial que reciben os profesores de secundaria é insuficiente para poder desenvolver a súa actividade de maneira adecuada. Tal e como está establecido o sistema parece que se sabemos moito dun tema específico tamén somos capaces de facer chegar os nosos coñecementos aos demais; converténdose dende esta perspectiva innecesaria a adquisición de competencias do ámbito do coñecemento da educación. Dende esta formulación -quizais un pouco esaxerada pola miña parte- e atendendo aos criterios anteriormente citados, os problemas que se formulan dende o campo do ensino poderían ser resoltos por outros coñecementos específicos, polo que ese último criterio non podería cumprirse.

A formación continua presentase como un imprescindible no proceso de profesionalización da actividade docente, xa que se aceptamos a idea de que esta debe dar resposta a unha necesidade social e a sociedade cambia constantemente, entendemos pois que é necesario unha actualización constante por parte do profesorado para adaptarse a esas novas demandas sociais.

Neste senso é preciso facer unha distinción entre o tipo de necesidades de formación que presenta o profesorado, pero sobre este tema espero afondar máis adiante.

Gustaríame concluír indicando que existen moitas dúbidas que xiran en torno á problemática da profesionalización do profesorado, converténdose nunha cuestión moi complexa pola cantidade de variables implicadas e que a formación do profesorado non da resposta a todas, xa que a profesionalización dos docentes non depende soamente dela.

 

 

Bibliografía:


González Fernández, A. e Requejo Osorio, A. (coords). (1996). Profesionalización e deontoloxía da función docente. Santiago de Compostela: Consellería de Educación e Ordenación Universitaria