Nube de tags

, , , , , , , , , , , , , , , , , , , , , , , , , , , ,

Tags de todo el sitio

Pola educación pública: Non a LOMCE

Tras unha xornada de folga educativa, vexo a necesidade de clarificar aspectos e tratar o tema da imposición dunha nova lei educativa, a xa coñecida por todos como a LOMCE “Ley Orgánica para la Mejora de la Calidad Educativa” ou tamén denominada “Lei Wert”.

Dicir que nesta entrada non centrarei toda a miña atención dende un punto de vista de cómo afecta isto ó profesorado, posto que de xeito grupal publicaremos unha entrada comparando a LOE “Ley Orgánica de Educación” coa LOMCE co noso punto de mira no profesorado.

Para comezar, imos situarnos no punto de inicio desta polémica lei. Tras a chegada do Partido Popular ó poder no ano 2011, se formula a necesidade dunha reforma no sistema educativo español para combater o fracaso escolar, tras o análise de informes e de estatísticas. No momento no que se coñece o primeiro borrador do anteproxecto de lei, en setembro de 2012, se desata un rexeitamento xeneralizado por parte dos partidos de esquerda, dos sindicatos, da comunidade educativa e do conxunto da poboación expresado por medio de manifestacións, concentracións e folgas.

O proxecto de lei definitivo foi presentado o 17 de maio deste ano 2013 polo ministro de Educación, Cultura e Deporte do goberno popular, José Ignacio Wert. Finalmente, foi aprobada no Congreso o pasado 10 de outubro exclusivamente cos votos do Partido Popular. Deste modo, a oposición afirma que é unha lei que “nace morta” posto que se pon en marcha sen un diálogo previo entre as forzas políticas e moito máis importante, sen a opinión e aprobación da comunidade educativa.

A continuación, imos analizar os puntos clave da lei así como as modificacións que introduce con respecto a normativa vixente.

  • O papel do Consello Escolar formado por todos os axentes da comunidade educativa (administración,  dirección,  profesorado, pais e alumnos) continúa a ser o órgano de goberno dos centros educativos pero perde competencias que pasan a mans da directiva do centro.  Ademais, este órgano pasa a ser puramente consultivo, non fundamental á hora da toma de decisións.

Este aspecto resulta paradóxico, como moitos outros que se inclúen nesta lei, posto que se afirma a importancia que teñen as familias e os alumnos na educación e o que realmente se está a promover é unha escola menos participativa, centralizándose a participación exclusiva do director, cuxa figura será elixida pola Administración.

  • Outro aspecto, relacionando co dito anteriormente, e o reforzo da figura do director. Os directores dos centros serán elixidos pola Administración, posto que deben pasar un proceso de formación previo.  Deste modo, se aumenta o control externo nos centros e o Consello Escolar perde peso, posto que era o encargado na elección do director. Ademais, con esta nova lei os directores poderán contratar directamente a profesores, sen necesidade de superar unha oposición.
  • Centralización da Educación, xa que se realizará desde o Goberno central a selección dos contidos das materiais consideradas troncais de primaria, secundaria e bacharelato (Lingua Castelá, Matemáticas, Ciencias  e Idioma Estranxeiro). Neste senso, as comunidades autónomas terán un certo poder fronte as materias denominadas de especialidade (Educación física, Plástica, Música...) e nas linguas cooficiais, pero aínda así será o goberno central o que determina os obxectivos e os criterios de avaliación.

Cabe dicir que na introdución desta lei se afirma que aumentará a autonomía dos centros e sen embargo o que se propón é todo o contrario. Unha vez máis se está a reducir a participación da comunidade educativa, neste caso en materia de selección de contidos, obxectivos e no método de avaliación. Considero importante resaltar este aspecto, xa que os contidos estarán determinados por axentes externos á realidade que se vive en cada centro, polo que serán contidos totalmente descontextualizados.

984216_480696478684454_1907333277_n.jpg

  • Importancia do castelán fronte as linguas cooficiais. Elimínase o trato igualitario entre as linguas do territorio, considerándose a lingua castelá como materia troncal e relegándose as linguas propias de cada territorio a un nivel de materia de especialidade. Deste modo se volve a atentar contra a inmersión lingüística.

Polo tanto, isto supón un ataque á lingua propia, á cultura, dándolle un valor menor ás linguas de cada territorio e fomentando a súa desaparición.

  • Outorgáselle un peso maior a materia de Relixión Católica e se elimina a materia de Educación para a Cidadanía. A Relixión pasa a ser unha materia que conta para a nota media e se equipara en horas ao resto das materias. Non é de carácter obrigatorio, senón que se establecen alternativas: Valores culturais e sociais en Primaria e Valores éticos en Secundaria.

Persoalmente, este valor que se lle outorga a Relixión Católica non é máis que outro intento de adoutrinamento da sociedade a favor da creación do pensamento único e do menosprezo ao resto de relixións, crenzas e valores.

VI_ETA_Recortes_en_educacion.jpg

  • No tocante á avaliación tamén se introducen cambios. A selectividade desaparece e se establecen avaliacións e reválidas externas, estas últimas serán realizadas ao fin de cada ciclo e serán necesarias para pasar de curso. Por outra banda, na Universidade se poderán realizar probas de acceso específicas.

Deste xeito, se establece un control externo que avaliará o que se ensina nas aulas e por medio de esas reválidas externas e alleas ao contexto do centro escolar, se determinará se os nenos son “válidos” para seguir estudando. Deste modo, é preciso sinalar desde un punto de vista crítico, que a través desta lei se está fomentando a segregación dos alumnos en función das súas capacidades, sendo estas determinadas por unha única proba subxectiva promovida por un órgano externo.

É dicir, esta nova lei, para “asegurar a mellora da calidade educativa” confía en probas subxectivas e externas, as cales porán énfase nos resultados acadados e non se valora nin sequera os procesos polos que pasa o alumno.

  • Modificacións nas condicións dos funcionarios: cámbianse as condicións laborais do profesorado, de modo que poderá aumentar o horario lectivo dos mesmos e, ademais, aumentará o ratio por aula en un 10%.  Ademais, se determina a súa mobilidade, de xeito que poderán impartir materias que non sexan da súa especialidade.
  • Desaparece o carácter público da educación posto que desaparece a cita “prestación servizo público da educación” e incorpora “prestación de servizos”. É dicir, se afirma que se terá en conta “a demanda social” á hora de planificar a oferta de prazas, pero xa non se específica que esa praza teña que ser pública. Ademais, se permitirá a construción e xestión de centros concertados sobre chan público e se financiarán os centros concertados que dividan os alumnos por sexo.

Estes son os puntos máis relevantes sobre esta reforma educativa, o que non quere dicir que non haxa máis aspectos obxecto de análise.

Polo tanto, trátase dunha lei sen xustificación que non ten en conta a palabra da comunidade educativa, que nin se leva a un debate previo coa participación de todos os axentes implicados en materia educativa para verdadeiramente promover a mellora da calidade educativa. É dicir, é unha lei autoritaria, unha imposición que omite a valoración que ofrecen as asociacións, docentes, sindicatos, pais, nais, alumnos e demais persoas interesadas pola educación.

Ademais, é unha reforma que impón a ideoloxía dominante, concretamente a ideoloxía do Partido Popular xa que é o único axente a favor de dita lei. Ademais, se sustitue a necesidade de educar a cidadáns reflexivos e críticos pola necesidade de formar man de obra para o mercado laboral.

Doutra banda, estamos a falar dunha lei segregadora e clasista, posto que ofrece menos oportunidades aos grupos sociais máis desfavorecidos, facendo ver que as súas capacidades son inadecuadas ou menos pertinentes para seguir ascendendo nos diferentes niveis educativos. Ademais, falamos dunha lei sexista, posto que promove os colexios que separan ó alumnado por sexo, ignorando a declaración da UNESCO de 1960.

Finalmente dicir que se trata dunha reforma que desconfía do papel do profesorado, que amosa un certo medo a que o profesorado de resposta as verdadeiras necesidades do alumnado e de que promova a formación de “cabezas pensantes”. Ademais, se trata dunha lei que rexeita determinadas materias e contidos as cales son fundamentais para educar a unha cidadanía democrática, reflexiva e crítica.

Xa para rematar, quero compartir con vos un vídeo que atopei e que considero que resume moi ben o redactado anteriormente e que ademais, resulta moi agradable de ver xa que por medio de animacións e imaxes representa de forma clara a esencia da LOMCE.


Webgrafía

http://es.wikipedia.org/wiki/Ley_Org%C3%A1nica_para_la_Mejora_de_la_Calidad_Educativa (Consultada o 25/10/2013)

http://www.lavanguardia.com/politica/20131010/54390851723/congreso-aprueba-lomce-solo-votos-pp.html (Consultada o 26/10/2013)

http://sociedad.elpais.com/sociedad/2013/05/08/actualidad/1368031468_320468.html (Consultada o 26/10/2013)

http://www.eitb.com/es/noticias/sociedad/detalle/1516638/lomce-cambios-clave--resumen-lineas-generales-ley-wert/ (Consultada o 26/10/2013)

http://es.wikipedia.org/wiki/Marea_Verde#Huelga_General_en_la_Ense.C3.B1anza_P.C3.BAblica_de_24_de_octubre_de_2013 (Consultada o 29/10/2013)

http://www.diariocritico.com/nacional/ley-de-mejora-de-la-calidad-educativa-lomce/lomce/ley-wert/novedades-de-la-lomce/443787 (Consultada o 29/10/2013)

https://www.yoestudieenlapublica.org/descargas/16articulo12RazonesLeyLOMCE.pdf (Consultada o 29/10/2013)