Comparación LOE Vs LOMCE (Daniel Peña Alborés / Fernando Marino Lugaresi)


 Neste momento de incertidume por mor dunha lei retrograda e inxusta que, coa escusa de mellorar a calidade da educación do noso pobo, está a afundir a diversidade e a identidade dos propios cidadáns no contexto educativo. Esta nova lei centrase en satisfacer a uns poucos en detrimento da maioría. Dende que está en vigor o anteproxecto desta lei, tamén coñecida como a Lei Wert, xa foron moitos os colectivos que se opuxeron a ela, colectivos integramente formados por especialistas e membros do mundo da educación, ademais das familias e, por suposto, o propio estudantado (como por exemplo a Marea Verde).

 Debemos ter en conta que dos colexios, institutos e universidades do presente sairán os futuros cidadáns da nosa sociedade polo que resulta crucial establecer un marco lexislativo, dentro da educación, onde se vexa reflectida a realidade heteroxénea na que desenvolverán as súas vidas, e que podan chegar a facelo libremente e con identidade propia. 

 As forzas políticas están a demostrar que se interesan pola educación para crear unha sociedade alienada e que non pense por si mesma para, deste xeito, manter o seu poder, a súa xerarquía e aproveitarse dos beneficios disto. O modelo que introduce nas aulas a ideoloxía neoliberal basease na competitividade, na homoxenización, no mercantilismo e na privatización, o que dificulta a verdadeira educación de calidade para todos os cidadáns.

 Á hora de comparar a LOE e a LOMCE podemos identificar claramente certas diferenzas que a nós nos pareceron máis salientables.

 Mentres que na LOE o tema de Atención á Diversidade busca conseguir o éxito escolar de todos e axustar a calidade da educación coa equidade da súa distribución. Segundo a LOE, cada alumno é único e o profesor debe coñecelos a todos para poder atendelos de xeito correcto . Na LOMCE afirmase que a natureza do talento (capacidade) difire dun estudante a outro, motivo polo cal o Sistema Educativo debe encargarse de identificalos e potencialos, polo que aposta polo aumento da ratio, é dicir, a masificación das aulas, o que provoca máis uniformidade no contexto educativo.

 Por outra banda, a LOE propón Sistema Educativo flexible que axude a facilitar ó longo da vida baseado nunha educación común con atención á diversidade e con conexión a distintos tipos de ensinanzas e formacións. Nesta lei aínda vixente podemos observar como se lle dá importancia as materias de carácter reflexivo e creativo como son educación artística, Educación para a cidadanía, filosofía e historia. De maneira máis concreta podémolo identificar como un modelo de tronco único, cunha diversidade de vías internas de valores equivalentes e procesos bidireccionais entre a formación e a vida activa. En oposición a isto, a LOMCE dálle máis peso a asignaturas como Relixión católica e inclúe Educación Financieira e propón unha estrutura de abanico con opcións progresivamente diverxentes cara as que se vai dirixindo ós individuos segundo a súa fortaleza e as súas aspiracións. Trátase dun modelo ramificado que separa ó alumnado mediante probas externas en vías unidireccionais e irreversibles. Ademais, resulta facilmente entendible que o que se busca con isto é a marxinación de posibles alumnos universitarios cara a opción da Formación Profesional, reforzando así a idea de que se busca un tipo de sociedade mercantilista e manexable.

 A LOE ten unha función social dentro da educación, e pon de manifesto principios como os de equidade, inclusión, cohesión social e democracia. Sen embargo, a LOMCE aposta pola competitividade, a mobilidade social, a integración e a empregabilidade, nin sequera menciona o principio de equidade. Isto, observase facilmente no punto das revalidas ó final de cada ciclo formativo. Este tipo de avaliacións provocan maior competitividade dentro dos propios alumnos/as e centros, priorizando o resultado por enriba do proceso, é dicir, céntranse máis na superación destas probas que na propia calidade do proceso educativo.

 A nivel técnico destacar que o preámbulo da LOE é máis concreto e explícito e responde a un sentido inclusivo da educación. Pola súa parte, o preámbulo da LOMCE é máis xeral e exclusivo e responde a unha concepción ideolóxica individualista e diferenciadora.

 Outro tema que debemos ter presente en canto a esta nova lei é o dos recortes. Esta nova lei da pé a recortes educativos que deterioran cada vez máis a calidade da educación. Cando nos referimos ós “recortes” falamos dos casos concretos de: eliminación das clases de reforzo públicas, supresión das bibliotecas e laboratorios, peche de escolas de música e idiomas, a contratación de docentes substitutos nos casos de baixa por enfermidade dos profesores titulares do centro, eliminación de becas de comedor e das rutas escolares de liñas de autobús, así como o aumento dos requisitos á hora de solicitar becas de formación e becas Erasmus. Ademais cométense atentados contra o proceso democrático de igualdade dentro do Sistema educativo ó suprimir a elección democrática do Director do centro fronte a elección autoritaria por parte das institucións e sen consenso dentro do propio centro.

 Mención a parte é o das linguas propias das Comunidades Autónomas. Co incendiario decreto da “Lei Wert” as linguas cooficiais vénse atacadas e menospreciadas por un centralismo cultural desmedido. Como afirmou o propio ministro, esta lei busca “españolizar” os territorios con identidade propia. Máis que o propio cosmopolitivismo o que se pretende é a homoxeneización da sociedade a través dunha malentendida globalización.

 A pregunta sería, cómo entendes ti a educación? Como un proceso formativo que nos axude a formarnos como individuos libres e con opinión? Ou como un proceso que busca a instrución e mercatilismo dos individuos como base do Sistema Educativo?

 Persoalmente, entendemos que a educación basease en procesos e non en resultados, que a competitividade produce distanciamento entre os membros dunha comunidade, que a equidade é necesaria para crear un sistema comunitario xusto para todos os seus individuos, que debemos pensar en inclusión e non en integración, que os principios democráticos deben estar presentes en todos os ámbitos dunha sociedade demócrata, que cada suxeito debe ter a posibilidade de pensar libremente e crear a súa propia identidade. Por todo isto, a nosa posición fronte a LOMCE é de rexeitamento.

Fontes:

Ministerio de Educación 

Lei Orgánica de Educación

Lei Orgánica Mellora da Calidade Educativa

Comparación da LOE Vs LOMCE sacado da obra "Os motivos das leis" de Alejandro Tiana Ferrer


Traballo realizado por:


Daniel Peña Alborés 

Fernando Daniel Marino Lugaresi