Práctica 0. ¿De onde vimos?

¿De onde vimos?

Despois de reflexionar sobre as materias impartidas en 4º de psicopedagoxía e a súa relación co asesoramento, cheguei á conclusión de que foi unha a materia na que traballamos directamente os seus contidos co tema do asesoramento educativo; esta materia é Modelos de Orientación e Intervención Psicopedagóxica. Sen embargo, de maneira máis indirecta, poderíamos dicir que vimos esta temática na maioría delas.

En Modelos de Orientación e Intervención Psicopedagóxica, como xa se dixo, traballamos o concepto de asesoramento, entendendo este termo (segundo Miles e Ekholm, 1985) como “os procesos de axuda á mellora escolar, entendida como un esforzo sistemático e constante orientado ao cambio nas condicións da aprendizaxe e a outras condicións internas, para acadar dunha forma máis eficaz as metas educativas”. Polo que se deduce que o asesoramento, xunto cos servizos de apoio, son imprescindibles para a mellora da calidade educativa, algo que repercute de forma directa sobre a sociedade na que vivimos.

A LOXSE (Lei Orgánica de Ordenación Xeral do Sistema Educativo, 1990) tivo como principal obxectivo a mellora da calidade do sistema educativo español, estando enmarcada nun modelo educacional constructivista, cuxas principais finalidades se centran nunha ensinanza diversificada (que se axustan ás necesidades educativas especiais de cada neno e nena) e a xa dita ensinanza de calidade. Estas finalidades repercuten nas institucións educativas, pois deste xeito, tratan de mellorar os recursos, definen a súa estrutura e teñen un funcionamento beneficioso para o sistema.

As citadas finalidades desembocan nun enfoque de asesoramento, polo que a función do psicopedagogo na mellora da calidade educativa é algo fundamental,  xa que debe desenvolver o rol de guía (que promove o cambio e a mellora do sistema educativo, tomando o rol de resolutor de problemas), e de interventor (tanto a nivel individual como colectivo, asumindo a prevención como algo clave para evitar futuros conflitos ou problemas). Este enfoque de asesoramento tamén é aplicable ao ámbito das relacións laborais no centro e na comunidade educativa: por unha banda, a partir da situación contractual do asesor, distinguindo tres tipos de asesores: de carácter libre ou externo, temporal ou de sector e asesor interno; e por outra banda, polo grao de dependencia e proximidade co asesorado.

Debemos ter claro que a figura do asesor non está ligada única e exclusivamente ao Departamento de Orientación dos centros educativos, senón que na actualidade atopamos este rol en diferentes escenarios e “rangos” relacionados co ámbito da educación, tales como asesores curriculares, asesores docentes, de formación do profesorado, dos ministerios, consellerías, da psicopedagoxía, pedagoxía… E incluso, noutros escenarios profesionais que non teñen nada que ver (ou moi pouco) con esta ámbito, como por exemplo no político, deportivo, empresarial e administración, fiscal, de finanzas, de imaxe, médico…

Para finalizar, quero recalcar que seguramente vise anteriormente noutras materias o termo de asesoramento educativo, pero como o volume de información que nos é proporcionado dende as diferentes diplomaturas e licenciaturas (no meu caso diplomatura en maxisterio e licenciatura en psicopedagoxía) é tan elevado, non sabería dicir con exactitude de que xeito foi relacionado ou introducido nos contidos impartidos, polo que a idea do asesoramento perdura nos meus coñecementos pero, non así, o xeito en que foi introducido neles.

 

María Buiturón Lapido