Técnica do acuario

Técnica do acuario

Na sesión do pasado luns día 21 de outubro, probamos por primeira vez (ou polo menos eu) a “técnica do acuario” (tamén coñecida como“técnica da cáscara de cebola”ou “técnica dos tres círculos”).

A técnica do acuario debe o seu nome á colocación que se fai dos participantes xa que se forman tres grupos: os primeiros (os da “capa”, triángulo ou grupo interno) son os peixes; os segundos son os retroalimentadores ou tiburóns; e os terceiros os sintetizadores. Emprégase como unha técnica de discusión en grupo para chegar a dominar dunha forma experta un tema e o tempo recomendado para a súa aplicación é de unha hora (aproximadamente).

Os obxectivos principais desta técnica son:

-          Propiciar a aprendizaxe dun tema mediante a análise e a síntese da información.

-          Afondar no coñecemento dun tema.

-          Avaliar o grao de dominio que posúe o grupo sobre o tema.

-          Propiciar un ambiente informal para o análise dun tema.

Considérase como número óptimo de participantes entre 9 e 27, de non poder contar con estas cifras, debe considerarse un número que non sexa múltiplo de tres (despois de nove). A posición dos participantes debe ser en círculos concéntricos, de xeito que cada retroalimentador quede situado detrás dun peixe e cada sintetizador detrás dun retroalimentador (o tamén se poden posicionar os grupos en círculos concéntricos.

Para realizar esta técnica os participantes deben ter traballado a información sobre a que van a tratar, e así permitirlle a análise e a síntese dos seus compoñentes. Logo, o instrutor ten que dividir o grupo en tres partes (como xa dixemos anteriormente) en peixes, tiburóns e sintetizadores, designándolle a cada grupo unha función: os peixes deben analizar a información, e recoller os puntos fundamentais da información coa que traballaron, ademais, de poder ofrecer varias cuestións para propiciar o debate; os tiburóns deben facer unha observación crítica e reflexiva sobre as achegas que realizaron os peixes e o comportamento que mostraron, e tamén deben complementar as ideas principais; e os sintetizadores deben recoller e mostrar a información máis relevante que presentaron os dous grupos anteriores, e comentar o comportamento de ambos.

No proceso, o instrutor ademais de clasificar o grupo, pode dar as quendas de palabra, controlar o tempo… e ao finalizar a sesión pode aportar observacións sobre a conduta do grupo en xeral e pode realizar un análise global da información que ofreceron os grupos.

Na sesión de clase tiven a oportunidade, xunto coas miñas compañeiras do grupo de APM: Alguna pregunta més?, de desenvolver o rol de peixes, polo que a nosa función foi a de “desglosar” a información da lectura e a de propoñer liñas de debate, neste caso dun texto de Jesús Domingo Segovia chamado Comprender y redireccionar las prácticas de asesoría. A verdade é que ao principio non entendíamos a dinámica desta técnica, polo que dende o meu punto de vista, e a pesar de que traballamos o texto, faltounos profundizar un pouco máis nos contidos que nos ofrecía; de todos os xeitos, comentamos os puntos principais da lectura e propuxemos unhas liñas de debate bastante interesantes.

O grupo que desenvolveu o rol de tiburóns, tamén fixo un bo traballo, facendo algún apunte e corrección onde era necesario e propoñendo, así mesmo, algunhas cuestións para reflexionar.

En canto ao grupo dos sintetizadores, pódese dicir, que non tivo unha participación demasiado activa, en parte polas dificultades que tivemos a maior parte do grupo para atopar o texto no grupo Stellae e polo tanto para facer a lectura que se merecía.

Debo dicir que é unha técnica que merece a pena realizar, xa que é un bo método para aprender sobre unha temática e para traballar en grupo. Podo afirmar que estaría encantada de repetila agora que entendín o seu funcionamento e obxectivos.

 

María Buiturón Lapido

 

Enlaces de interese:

http://www.slideshare.net/astaroht84/acuario-2562295

http://espanol.answers.yahoo.com/question/index?qid=20071028130852AAIiGzL

http://www.encuentro-practico.com/pdf10/tecnicas_participacion.pdf

https://www.google.es/url?sa=t&rct=j&q=&esrc=s&source=web&cd=2&cad=rja&ved=0CDkQFjAB&url=http%3A%2F%2Fstellae.usc.es%2Fred%2Ffile%2Fdownload%2F22981&ei=xNBnUs66BoSp0QXtvoHwDA&usg=AFQjCNET0A0OGuWzpICG9SPKxqU1pMjZcw&bvm=bv.55123115,d.d2k

http://innovaeduc.wordpress.com/tecnicas-grupales-para-dinamizar-el-proceso-de-ensenanza-aprendizaje/

http://innovaeduc.files.wordpress.com/2008/09/acuario.pdf