Reflexión sobre a sesión de clase pasada na que desenvolvemos a técnica do "Acuario".

            Ó longo desta entrada adicareime a desenvolver, reflexionar e profundizar sobre aqueles aspectos que se trataron na sesión de clase da materia “Formación e Desenvolvemento Profesional do Profesorado” do pasado día 6 de novembro cando analizábamos mediante a técnica do “Acuario” ou das “Cascas da cebola” o texto de José Gimeno Sancristán “¿De donde viene la crisis de la profesión docente?”.

            Nun primeiro intre, vamos facer mención ó contexto, a importancia do contexto no que nos atopamos inmersos, sobre todo o contexto temporal e histórico, moi relevante á hora de interpretar e comprender os cambios que se suceden na realidade. Na nosa actualidade encontrámonos nun ambiente temporal de cambios constantes, pero non só debido á crise económica mundial que estamos a vivir que tamén leva aparelladas consigo outras crises: crise social, crise educativa, etc., senón que vivimos nunha sociedade da información na que estamos expostos a multitude de información e de coñecementos, á inmediatez  dos mesmos, feitos que fan que esteamos en constante cambio, con novas e novas modificacións das realidades que ocorren o noso arredor.

            Mergullados nesta situación, o profesorado, como figura que debe ensinar ós futuros cidadáns das próximas realidades, debe ter en conta isto que, segundo o meu punto de vista non o ten. Ollamos como moito profesorado segue a desenvolver prácticas cos seus alumnos que quedaron suxeitas a un pasado, clases expositivas nas que, atención!, empréganse as novas tecnoloxías mediante o uso dun proxector e unhas diapositivas, pero, iso é innovar cando o único que se fai é ler as diapositivas? Hai que educar para e por os medios, non só nos medios, senón estaríamos a seguir cos mesmos exercicios que se levaban a cabo en anos do século anterior, trocando o libro de texto polas dispositivas. Vemos esta situación totalmente clarificada na viñeta que nos comentaba a profesora da materia “Formación e Desenvolvemento Profesional do Profesorado” na sesión pasada: unha profesora levando ó alumnado a fóra da clase, e no exterior mediante un proxector ensinaba como caen as follas no outono, podendo observar isto “in situ” e da propia realidade. Aspectos totalmente absurdos que se desenvolven hoxe en día en moitas clases de moitos colexios.

image

            Destacamos da viñeta, como moitos profesores de novo ingreso teñen unhas concepcións diferentes a como educar ós alumnos e que valores transmitir a diferenza dos profesores que xa levan un tempiño na profesión. Os tempos cambian, os valores da sociedade impregnan todo o seu entorno, cada día escoitamos falar do fracaso escolar que asolaga o noso país, pero que sucede? Tamén se deixa ver mediante a viñeta (dende a miña óptica) a escasa comunicación existente entre o profesorado, só se comunican para cuestións específicas ou outros temas que non están relacionados coas actividades que levan a cabo na aula. Isto observeino cando desenvolvín o meu Practicum I, como o profesorado na sala de profesores falaba de aspectos que non tiñan que ver cos alumnos, ou se tiñan que ver con estes eran elementos concretos que non se reflexionaban conxuntamente, senón que se establecían negativas ou afirmativas sobre algún aspecto en cuestión e xa se quedaba aí o tema. Desta maneira, estamos entrevendo o celularismo do profesorado, ese tan coñecido illamento.

            Precisamos adaptarnos ós cambios sucesivos da nosa sociedade, e o profesorado máis que ninguén posúe unha función fundamental na vida das persoas, xa que as persoas son educadas por profesores, os valores dos profesores deben ser os correctos, deben desplegar unha capacidade de iniciativa e solución fronte ós problemas enorme, aspectos que os alumnos deben ollar e tomar como guías a seguir, sendo críticos ó igual con toda a labor que desenvolve o docente, o profesorado “es parte del conflicto, ante el que cabe adaptarse a lo que exige de nuevo, resistirse y trabajar en contra, negociar, presentar soluciones propias y defenderlas, ignorar la crisis, pensar que no va con uno, dimitir y salirse del conflicto (el "a mí, que me jubilen")” (Gimeno, J., 2007) son actitudes nas que ningún profesor debería posicionarse.

            Así, unimos isto ó que nos amosaba tamén a profesora da nosa materia, a importancia dos apoios entre profesionais, compartir experiencias, preocupacións, coñecer e saber que non somos os únicos ante as problemáticas do hoxe, afrontar os cambios de modo conxunto. Indagando un pouco máis sobre este aspecto en concreto, sobre o porque do celularismo docente, rescato e expoño algunhas ideas de algúns autores:

  • Predominio do individualismo, actuando o profesor moi independente na súa aula, sendo este un motivo de insatisfacción e malestar do mesmo (Revenga, 2001:124).
  • Escasa interdependencia respecto ás demais áreas de coñecemento que se imparten. (De Martín Rojo, E., 2005). Este, dende a miña perspectiva é un problema enorme, no sentido de que cada profesor opera na súa área en concreto e transmite estas percepcións ó alumnado. Deste modo, lembro como na miña cabeza estaba todo artellado en seccións dividas: castelán por un lado, inglés polo outro, matemáticas doutra banda, química doutra, debuxo pola outra..., sen caer na conta de que todos teñen elementos comúns, feito polo cal os profesores son os encargados de transmitir os contidos das súas respectivas materias dun modo transversal ás outras áreas de coñecemento, non cinguíndose a un ámbito concreto sen posibilidade de ligalo a outros.
  • A non existencia dun equipo docente real, debido á división dos claustros, afectado isto pola competitividade e a intolerancia entre eles (Yus, 1999: 242). Debo facer mención a este respecto ó que comentaba un compañeiro na sesión de clase: como os futuros mestres de Educación Infantil e Educación Primaria que se están a formar nestes intres na universidade non fan ceas conxuntas, porque non están realizando o mesmo grado. Estamos neste senso ante un problema real de valores? A competitividade existente entre eles? Ese desprezo que existe entre profesionais da educación xa se inicia cando estes se están formando? Pero porque? Porque non se tenta aprender dos outros, enriquecerse, deixar fóra aspectos como a competitividade, traballar colaborativamente, e sobre todo na educación, onde os prexudicados son persoas, son nenos? Quizais se trate dun problema de valores desta nosa sociedade?

            Os prexudicados son os nenos, e isto considero que non se ten moi en conta e que se pasa por alto. Examínase como Gimeno Sancristán (2007) nos comenta que “la literatura acerca del profesorado respecto de la que trata el alumnado es casi tres veces más frecuente que la del médico respecto del paciente”, ante isto veñen a nosa mente moitas preguntas: onde se fundamenta o saber facer do profesor, que necesita saber? Como sabemos o que precisan realmente os alumnos da actualidade?

image

image

            Dende a miña óptica e dende algunha análise documental que realicei sobre estas cuestións, a resposta non é nada sinxela. Por unha parte, o saber facer do profesorado vese influído directamente pola política, por todas aquelas reformas educativas que se levan a cabo e que afectan de cheo ó docente; tamén doutra banda, temos as investigacións realizadas sobre cal sería unha boa docencia, así obtemos informacións que nos chaman a atención como:  “las conductas de los docentes que habían sido identificadas como efectivas en las investigaciones empíricas fueron traducidas en competencias deseables para los profesores en las aulas. De hecho se convirtieron en ítems de tests o de escalas de referencia para la observación de clases”, debemos sinalar que os mesmos investigadores subliñaban que estas conclusións eran moi reducionistas e incompletas, pero foron todos aqueles os que formulaban as políticas os que pensaron que serían datos suficientes para poder determinar uns estándares nos que fundamentar unha práctica docente (Shulman, L., 2005). Aquí, observamos esa ausencia de pacto educativo entre investigadores e políticos, aspecto que se desvelou na sesión de clase pasada.

            “El pacto educativo no es un hecho aislado. Forma parte de un proceso social anclado en el principio de construcción de una sociedad justa” (Tedesco, J.C., 2010). Dito isto, onde queda a visión dos especialistas en educación ou a opinión do profesores en todas as reformas educativas que se levan a cabo? Estamos realmente nunha sociedade asentada en valores de xustiza e democracia? É aquí, onde destaco os argumentos que nos amosaba a profesora Lourdes Montero, “la educación se salvaguarda, gobierne quien gobierne” ó extrapolar o sistema educativo alemán ó noso, no que non ten que ver que un grupo político ou outro entre no poder para que de novo se teña que mudar a lei educativa que xa estaba instaurada polo partido anterior, en Alemaña respéctase isto, porque en España non? Seguro que todos os manifestantes da Marea Verde Balear, entre outros moitos, se cuestionan isto.

image

            Outros autores deixan ver a importancia da autoeficacia do profesor no proceso de ensino-aprendizaxe, fundamentándose nunha autocrítica a si mesmos e nas prácticas educativas que desenvolven, así as “creencias de autoeficacia docente pueden marcar diferencias en la enseñanza y en el uso de las estrategias didácticas que utiliza el profesorado para potenciar la calidad del aprendizaje, para poder mejorar y para dar respuesta al reto didáctico que han de afrontar” (Prieto, L., 2009). É neste senso onde entran aspectos como a autorrealización do profesorado, a súa vocación, interese, compromiso coa labor que realiza, motivación, a súa valoración, etc. Debo indicar tamén que, a visión que posúa ese profesor sobre os profesores que tivo como alumno, axudaralle a mellorar aquilo no que os seus profesores podían cometer erros, polo que o ter esa experiencia previa tamén lle axudará a comprender ó seu alumnado e desenvolver o mellor quefacer educativo que considere oportuno.

            Ante estes elementos, destacar que todos eles son complementarios, xa que un profesor fundamentará as súas actuacións en base ó que dita a lei correspondente, as investigacións e algúns deixaranse levar en maior medida polo que consideran é o mellor para o proceso de ensino-aprendizaxe para os seus alumnos tendo en conta cuestións como a autoeficacia e a autocrítica.  

            Valorando e reflexionando sobre todo o disposto anteriormente, considero que hai un telón de fondo clave en todo o exposto, os valores implícitos na sociedade. Ante isto, recupero algunhas afirmacións interpretadas por min e dende a miña perspectiva, de algúns compañeiros de clase que non comparto como:

  • Moitos alumnos están preocupados sobre o porque de estudar se ó fin e ó cabo non lles van sacar rendemento ós contidos aprendidos ó dirixirse directamente ó paro.
  • Desenvolvemos as prácticas por imitación, e o profesorado fai o mesmo.
  • Carencia dunha práctica fronte a teoría, sendo as prácticas que se desenvolven pouco proveitosas.

            Dende o meu punto de vista, estes son claros exemplos de problemáticas que levan aparelladas unha concepción ou outra segundo os valores das persoas, quero dicir, estamos fartos de escoitar estes argumentos, pero en que nos baseamos para dicilos ou transmitilos? Porque estudar aínda que vaiamos logo ó paro non nos vai servir para a nosa vida? Sabemos se realmente todas as persoas desenvolven prácticas en base a imitación dos demais? Porque as prácticas que se desenvolven son malas? Baixo que criterios dicimos todo isto?

            Considero que non somos críticos nin racionais con todo o que dicimos, falamos por falar, seguimos unha moda sen saber realmente porque a seguimos, transmitimos o que nos transmiten, pero porque? Espertemos, non todos somos iguais, non todos reproducimos as mesmas prácticas, non imitemos, non nos queixemos ante as situacións, realicémolas, un profesor desenvolve o seu quefacer movido polos valores que posúe, valores configurados pola sociedade e pola súa experiencia como persoa.

 

WEBGRAFÍA E BIBLIOGRAFÍA


Gimeno Sancristán, G. (2007). ¿De donde viene la crisis de la profesión docente? Cuadernos de Pedagogía, 374, 17-20

Shulman, L. (2005). Conocimiento y enseñanza: fundamentos de la nueva reforma. Profesorado. Revista de currículum y formación del profesorado, 9, 2, pp. 1-30

Prieto, L. (2009). Autoeficacia del profesor universitario. Eficacia percibida y práctica docente. Madrid: Narcea

Tedesco, J.C., (2010). Diez notas sobre el pacto social y educativo. Revista de la Asociación de Inspectores de Educación de España, 12. Recuperado o día 6/11/2013,de: http://www.adide.org/revista/index.php?option=com_content&task=view&id=348&Itemid=68

http://pepeolivercabrera.blogspot.com.es/2010/09/bienvenidos-empezamos-otro-curso.html (Consultada o día 6/11/2013)