De onde ven a crise da profesión docente?

            A continuación realizo unha recapitulación e comentario dos aspectos máis relevantes tratados na pasada clase do día 6 de novembro de 2013 na cal realizamos a técnica do acuario tendo como base o texto de Gimeno Sancristán (2007) “¿De dónde viene la crisis de la profesión docente?”.

Descrición da técnica

            A “técnica do acuario” ou tamén coñecida como de “cáscara da cebola” é unha técnica grupal que está orientada para levarse a cabo cun bo número de persoas, máis de 10 a ser posible, xa que é necesario dividilos en varios subgrupos: peixes, quenllas e observadores.

            A súa realización consiste en que un grupo de persoas se prepare sobre un tema. No noso caso, a profesora encomendou a lectura do texto de Gimeno Sancristán (2007) anteriormente citado.

            Divídese a clase en 3 grupos e pódense colocar en círculos, de xeito que formen 3 círculos concéntricos estando no interior os peixes, no seguinte círculo as quenllas e no exterior o resto da clase, que actuarían como observadores, nun principio. Tamén é coñecida co nome de cáscara da cebola, xa que ten varias capas.

 

                                              Gráfico técnica do acuario

 

Cada grupo ten que realizar unhas funcións:

            - Os peixes expoñen toda a información que eles atoparon sobre o tema escollido e as súas opinións sobre o mesmo.

            - As quenllas son os encargados de complementar aspectos que os peixes esqueceron comentar, ou ben discrepar e criticar co que non estean dacordo.

            - Os observadores deben ter idea sobre o tema que se está a tratar. Non teñen o papel principal nesta técnica, sen embargo unha vez que os outros grupos rematen a súa intervención poden participar expoñendo a súa opinión que dará pe a un debate entre os 3 grupos.

            Entre os seus obxectivos desta técnica destacan:

  • Desenvolver a capacidade de expresar os diferentes puntos de vista de cada un.
  • Fomentar a intervención democrática.
  • Profundizar no coñecemento dun tema.
  • Propiciar o diálogo, reflexión e o debate final.

 

Resumo do seu desenvolvemento e principais aportacións

            Nunha clase anterior, foi cando a profesora propuxo a realización da técnica do acuario e pediu varios voluntarios. Actuarían como peixes: Jorge, Nerea e Kely e como quenllas: María, Coral e Marta, mentres que o resto da clase serían os observadores.

            A condición indispensable que nos puxo a profesora foi que todos realizásemos unha lectura detida do documento, xa que doutra maneira a técnica non daría resultado.

            A clase do 6 de novembro foi o día escollido para a posta en práctica da citada técnica. Antes de comezar pediuse que alguén actuase como moderador da técnica, e Brais presentouse como voluntario.

            Os peixes situáronse no centro da clase e comezaron coa súa lectura do artigo. Este grupo expuxo as seguintes ideas sobre o texto de Gimeno Sancristán:

  • Os cambios no medio social, cultural, político e económico inflúen directamente na crise pola que está pasando a educación.
  • Dúas posturas ante unha crise: adaptarse e facer algo por cambiar a situación ou ben esperar a que pase sen facer nada.
  • A crise está provocada por máis de vinte anos de leis educativas que na teoría eran boas pero que na práctica non o foron tanto.
  • Os profesores deben aprender a sentirse sempre en crise.
  • Non todo é negativo nunha situación de crise, senón que pode ser un elemento motivador para o cambio.
  • Unha serie de motivos que desestabilizan ó profesorado como son: as dúbidas; a maior relevancia dos obxectivos e contidos ca adquisición de competencias; a sociedade da información vs. a escola (antes a escola era a única fonte para acceder á información e agora non); creación dun ambiente produtivo tanto na escola como na casa (ambos teñen importancia na educación do neno, sen embargo a familia pasou a ser máis permisiva e menos estricta); o proxecto unitario de formación é moi xeral e non ten en conta as características específicas de cada un; dáselle máis importancia ós resultados cuantitativos que ós cualitativos; deben abordar os problemas que conleva unha sociedade multiétnica (alumnos con características diversas); a inquietude por un futuro incerto, etc.
  • Hai unha falta de formación do profesorado sobre todo a nivel pedagóxico.
  • Esíxeselles ós profesores ter un papel activo pero eles non teñen a formación necesaria para asumir ese papel.
  • Os medios de comunicación dan una imaxe “catastrofista” da educación, como por exemplo a través dos informes PISA.

Unha vez que os peixes remataran a súa intervención, era o turno das quenllas que ou ben complementaron ou ben criticaron a información exposta.

  • Destacar o papel da crise non só como aspecto negativo, senón tamén positivo xa que é unha motivación para cambiar a situación.
  • O profesorado non debe asustarse ante os cambios.
  • En relación ó anterior, exponse de novo a idea de Hargreaves do docente como catalizador, que é quen moverse para atopar solucións e estar receptivo ante os cambios.
  • O obxectivo é mellorar pero realmente cas diferentes leis como ocorre agora coa LOMCE, non se conta co profesorado para a súa elaboración, por iso non teñen éxito.
  • O informe PISA debe ter en conta o contexto e as diferenzas entre existentes entre os países e non dar só importancia ós datos cuantitativos.
  • Nomeouse a Z. Bauman e o seu concepto de “modernidade líquida” referíndose á falta de compromiso que se nota nos docentes, como por exemplo, o querer xubilarse canto antes para esquecerse dos problemas e non loitar por cambiar a situación.
  • Tema da vocación docente relacionada cos desexos de mellorar e formarse o máximo posible ou simplemente estancarse.

Cando rematou este segundo grupo, foi a quenda dos observadores, que unha vez que escoitamos a ambos grupos era o momento para comentar aqueles aspectos que chamaran a nosa atención e quixésemos someter a debate. Destacan:

  • Importancia de adaptar o informe PISA ó contexto, xa que como comentou un compañeiro, en España os resultados por comunidades neste informe son diferentes, polo tanto, son unhas comunidades mellores ca outras? Non, cada unha ten unhas características propias polo que se debería adaptar o informe a comunidade.
  • Falta de confianza no profesorado por parte do sistema, entón este colectivo non terá confianza en si mesmos e isto transmitirallo ós seu alumnado.
  • Para arranxar o sistema educativo necesítase tempo pero temos unha cultura impaciente. Isto provoca que queremos resultados inmediatos e por iso se cambian as leis educativas constantemente.
  • Lograr separar a educación da ideoloxía política.
  • O papel das familias. “Non dar tanto amor e si máis disciplina”.
  • Quen ten a responsabilidade de educar? É unha responsabilidade compartida.
  • Necesidade dunha reforma para cambiar a situación pero contando coa colaboración dos axentes implicados.
  • Lograr que os profesores traballen en equipo e se apoien uns noutros ante os problemas.
  • Problema da falta de motivación do profesorado.
  • Apréndese a ser profesor por imitación?
  • Que significa aprender na práctica e na teoría? É determinante na formación dun docente haber recibido práctica?
  • Falta de compromiso como a causante da crise.

 

Conclusións

            Grazas á lectura do texto e á realización da técnica do acuario puidemos analizar de maneira conxunta o importante papel do profesorado. Un papel que cobra máis relevancia, se cabe, nun momento de crise como a que estamos a vivir e que sen dúbida está afectando a este colectivo.

             As aportacións dos peixes, das quenllas e posteriormente dos observadores axudaron a poñer a debate temas (os cales recollín anteriormente) moi interesantes e de gran relevancia na materia que estamos a cursar.

            Ante os continuos cambios, proponse a necesidade de realizar un pacto educativo para que a educación sexa intocable ante un cambio de dirixentes políticos, e como moito que se analicen os posibles erros e fallos que a lei educativa teña e se cambien e melloren, sen substituíla radicalmente.

            Penso que a ningunha persoa lle resulta doado adaptarse ós cambios, sen embargo, esta é a situación pola que están pasando os docentes. Que ven que a súas condicións de traballo van empeorando (despidos, baixos salarios, máis horas lectivas…) á par que o desprestixio cara a súa profesión aumenta, isto todo provoca, como ben recolle Gimeno Sancristán, que o profesorado se “desestabilice”.

            Ademais, destaco dúas ideas do citado texto que para min e para moitos dos meus compañeiros da clase teñen importancia, xa que se comentaron no debate grupal, e son:

            “La crisis es un conflicto, no algo necesariamente negativo, y la salida de él no está predeterminada. El profesorado está llamado a tener un papel activo en la resolución del conflicto”

            “Creemos que el profesorado debe aprender a sentirse siempre en crisis, en la medida en que sus funciones las desempeña en contextos inestables, sometidos a cambios que hoy son más rápidos, amplios, complejos y decisivos”.

            Disto, recollo como conclusión que ser docente non é en absoluto, unha tarefa doada e imaxínome a figura do profesor como un profesional cunha elevada formación tanto en contidos como pedagóxica. Que conte cunha serie de valores, habilidades e aptitudes, que saiba transmitir e chegar ós alumnos, e sobre todo que estea preparado para actuar ante calquera revés ou complicación, xa que estamos nun continuo cambio e debe saber adaptarse tanto para ben como para mal.

            Para min ten un gran valor a labor que realizan estes profesionais e venme á mente a idea de que un docente en tempos de crise poderíanse asemellar a un “superheroe” que debe loitar a contracorrente contra todas as adversidades como serían as condicións de traballo, o desprestixio, a desmotivación, o fracaso escolar, o absentismo, etc.  para salvar a educación e  o porvir dos seus educandos.

 

Referencias bibliográficas empregadas:

         Gimeno Sancristán, J. (2007). ¿De dónde viene la crisis de la profesión docente? Cuadernos de Pedagogía, 374, 17-20. Consultado o 04 de novembro de 2013.

http://dinamicasgrupalesugm.blogspot.com.es/2011/12/el-acuario.html Consultado o 10 de novembro de 2013.