A cultura do profesorado na nosa sociedade

Nunha sociedade de constantes cambios na que estamos mergullados, ou tal como denomina Bauman, nunha sociedade líquida, na que o transpaso e transmisión da información e do coñecemento se produce de xeito continuo, requírese cada vez máis á nosa sociedade o desenvolvemento dunha reflexión propia sobre todos aqueles feitos que lle suceden na actualidade. Estamos expostos á manipulación, á publicidade enganosa, ás mentiras mediante as redes sociais, a valores totalmente incorrectos implícitos na sociedade que o procuran todo menos o ben común, o sentido real de comunidade. Así que, ante todo isto, somos reflexivos en todas as prácticas que levamos a cabo ó longo do día, no noso quefacer?

image

            Día tras día escoitamos como se ten que dotar de competencias ó alumnado dos diversos niveis educativos. Unha competencia que se destaca e que se require dun modo completamente transversal en calquera plan de estudos ou currículo escolar é o desenvolvemento da conciencia reflexiva ou crítica. Se nos retemos a pensar, dende o meu punto de vista o profesor é o encargado de velar porque o alumno desplegue esta competencia, ten que ser capaz de descubrila, sacala á luz, pero, realmente o profesor desenvolve nas súas prácticas educativas diarias unha reflexión sobre aquilo que pon en marcha? A miña experiencia constátame que na maioría dos casos a resposta á cuestión é negativa.

            Afondando un pouco máis neste tema, recurro á figura de Donald Schön, o cal posúe un enorme coñecemento sobre o tema en cuestión. Comezaremos internándonos nas súas propias verbas co fin de explicar do xeito máis claro posible o tema en cuestión desta presente entrada.

            Schön denomina como “coñecemento na acción” aquel coñecemento que nós en educación designamos co termo tantas veces empregado do saber facer. O problema radica cando ante unha acción normal e frecuente que sabemos como desenvolver (cociñar, por exemplo) ocorre algunha situación na tarefa que nos produce incertidume, así “un práctico competente piensa sin por ello dejar de actuar y reorganiza lo que está haciendo mientras lo está haciendo; Schön denomina este accionar ” (Cassís, A.J., 2011). Neste senso, debo destacar a importancia deste reorganizar o que estábamos facendo para adaptalo á situación imprevista que aconteceu, cantas veces sucede isto nunha aula ordinaria na que o profesor non contaba con que un alumno lle preguntase sobre un aspecto do temario que este non tiña preparado e este se evade do tema? Estaríamos ante un profesional que non afronta o problema (a cuestión plantexada), só se dedica a continuar co guión preparado de antemán, non realiza unha “reflexión na acción”.

            Para definir o concepto de “práctica reflexiva”, Schön conxuga os termos, “coñecemento na acción”, “reflexión na acción” e “reflexión sobre a reflexión en acción”, entendida esta última como a capacidade de repensar no que sucedeu na nosa práctica pasada (cociñar), como sucedeu o imprevisto (que o alumno nos preguntara un aspecto que explicamos), ou o que dende a miña perspectiva polo traducir por realizar unha autocrítica sobre as miñas prácticas que desenvolvín, “descubrir cómo nuestro conocimiento en la acción pudo haber contribuido a ese resultado inesperado” (Schön, D., 1992).

                       image

            Considero que se os docentes puxeran en práctica en sentido estrito o que supón a “práctica reflexiva” moitos dos seus alumnos veríanse máis motivados a aprender, xa que estes preguntarían aspectos que se saen dos temarios explícitos no currículo, o profesor estaría máis pendente de crear o interese no alumno, facer real a capacidade de improvisación e innovación na aula, que o alumno reflexione sobre o que pregunta mediante as contestacións do profesor, sendo este un guía para que o alumno consiga chegar o coñecemento que desexa. En palabras de Meirieu, dar sede a aqueles que non queren beber.

            A  través disto, propoño que reflexionemos sobre as nosas experiencias educativas, cantos profesores se desviaron do temario programado para contestar algunha cuestión na que un alumno estaba interesado? A vós tamén vos poñían a mesma escusa de: “non temos tempo, imos xustos de tempo e non imos dar rematado este tema, noutro momento atendemos a esa cuestión”. Que sucede? Só temos que aprender e interesarnos polo que está planificado polos centros educativos, os profesores, a administración e as políticas educativas? Temos que saír todos cos mesmos coñecementos? Non nos soa isto a prácticas pasadas do século XX nas que prevalecía o adoutrinamento? Extraio a tan coñecida viñeta de Frato para que reflexionemos sobre o tema.

image

            Os profesionais da educación son formados para situacións problemáticas que acontezan no día a día dos seus alumnos (como dispoñer na aula a aqueles alumnos que posúen déficits de atención, por exemplo) co fin de resolvelos. Pero que acontece cando son os profesionais os que formulan o problema? Dende esta visión prescindimos do proceso polo cal se opta por unha decisión que xa está estudada, os medios, recursos ou os fins que deben guiar a nosa práctica. É neste senso no que o docente dende un enfoque totalmente construtivista, procura unha solución ás dificultades que se presentan, tomando unha real competencia e habilidade reflexiva nas súas labores educativas mediante as percepciones, apreciaciones y creencias tienen sus raíces en los mundos que nosotros mismos configuramos y que terminamos por aceptar como realidad (Schön, D, 1992).

            É importante aludir ó que comentábamos con anterioridade, esa inmersión nunha sociedade actual totalmente cambiante, na que xa non nos serven aqueles métodos ou procedementos planificados para unha situación problemática en concreto, por seren ineficaces de cara ás novas situacións que se van xerando no seo da nosa sociedade. Deste modo, “comienza así a darse un vacío entre el conocimiento profesional y las nuevas demandas de la práctica” (Cassís, A.J., 2011).

            Deste xeito, comprobamos como non chegamos a ningures mediante un coñecemento único e obxectivo, precisamos unir e combinar variables diversas, razoar, reflexionar sobre os factores, non operando dende a obxectividade, xa que a subxectividade entregaranos aquelas experiencias xa vividas amosando solucións en base ós erros cometidos, destacamos aquí a célebre expresión: aprenderás dos teus erros. Segundo as verbas de Schön (1998) :  “la idea de la práctica reflexiva conduce a una visión de los profesionales como agentes de una conversación reflexiva de la sociedad con su situación, agentes que se dedican a una investigación cooperativa dentro de la estructura de una contienda institucionalizada”. Subliñar a idea da investigación cooperativa, entendida dende o meu punto de vista como ese compartir os coñecementos entre os profesionais, acadar solucións conxuntamente, enriquecéndonos os uns dos outros, traballar en equipo para afrontar aquelas dificultades que vaian xurdindo, posuír eses apoios dos que nos comentaba a profesora Lourdes Montero nunha sesión de clase pasada da materia “Formación e Desenvolvemento Profesional do Profesorado”. A importancia que lle debemos conceder a este aspecto ó vivirmos nunha sociedade na que a información vai e ven, pérdese, descúbrese, redescúbrese e vólvese a perder.

            Nesta liña, debemos facer fincapé nos obstáculos que supón ensinar na sociedade do coñecemento. A globalización, o consumismo no que nos envolvemos, as diferenzas entre persoas (clases sociais moi xerarquizadas), egocentrismo exacerbado, etc, aspectos cos que os docentes teñen que lidiar, deben desenvolver nos estudantes ese interese pola aprendizaxe, innovar, ser flexibles, pero de igual modo, deben enfrontarse ós numerosos problemas que acontecen e evolucionan na nosa sociedade como os que citabamos. Así, o profesor, como Andy Hargreaves expón, atópase nunha paradoxa, nunha paradoxa na que, como viñemos desenvolvendo ata este intre, o docente debe ser un profesional reflexivo.

            A educación move as realidades, xa non só se precisan máquinas ou aparellos como acontecía na pasada sociedade industrial, o fervor da mecanización e as producións en cadea,“el éxito económico y una cultura de innovación continua dependen de la capacidad de los trabajadores para seguir aprendiendo por sí mismos y de los otros” (Hargreaves, A., 2003). Apúntase á formación continua e permanente, esa formación que nos ensina nas novas comunidades de aprendizaxe na que obtemos múltiple coñecemento e información dende todas as perspectivas, é aí a importancia dos apoios entre traballadores e profesionais que tamén citabamos en parágrafos anteriores. Aprender por un mesmo, reflexionar, interiorizar, aprehender, levar á práctica os nosos discursos que construímos, finalmente compartilos, e que outros nos compartan os seus, coñecer diversas visións, abrir a mente e ser flexibles. Neste senso referímonos á intelixencia colectiva, ese compartir do que falamos, a intelixencia non é única, só dun suxeito, invariable e fixa, todo o contrario, esta debe ser cambiante, creativa, diversa, dar as máximas posibilidades de intelixencia como individuos hai, como mínimo. E isto, que mellor que fundalo xa dende a escola? A escola como entidade de aprendizaxe que fai brotar e medrar as intelixencias de cadaquén.

image

            Considero que as políticas educativas e as xa abundantes reformas educativas actuais baséanse máis na cantidade máis que na calidade do que se ofrece na educación. Isto tradúcese en accións na sociedade que repercuten na calidade de vida dos máis cativos, quero dicir, véxase como moitos pais envían ós seus fillos a clases extraescolares, non deixando apenas tempo durante a semana para o xogo, ese elemento que debe ser primordial no día a día de calquera neno, elemento que configura a personalidade do neno, xa que crea o interese nel, actívanse mediante os xogos, son impulsos fundamentais no recorrer das súas vidas, ese deixarse levar, ser creativos nunha sociedade na que non existe nada planificado, senón que está en incesantes transformacións.

            A nosa sociedade precisa de creatividade, o que Homer Dixon denomina como aquelas ideas que poden aplicarse para resolver problemas prácticos, técnicos e sociais. A nosa sociedade non está exenta de novos conflitos dos que descoñecemos hoxe por hoxe, polo tanto, máis que nunca precisamos de persoas que deixen aflorar a súa imaxinación, que atopen a cura a esas enfermidades raras que están a aparecer, os cancros producidos, etc, Se somos ensinados cos mesmos coñecementos, nas mesmas reflexións, senón nos deixan saírnos dese camiño común, non construiremos novas ideas, todos iremos parar á mesma luz.

image

            Indicamos neste senso, a relevancia da función do profesor, sendo este o que ten que ser capaz de arrincar de cadaquén esa creatividade inmersa en cada un de nós e diferente a dos outros. Como presentaba nunha entrada anterior (profesorado finés fronte profesorado español), en Finlandia bríndaselle máis recoñecemento e valoración ós mestres da Educación Primaria (EP) que ós da Educación Secundaria Obrigatoria (ESO), porque son estes os encargados de inculcar os coñecementos base, que fundamentan os alicerces de cara ó coñecemento propio. En España, caso contrario, retémonos máis en valorar ó profesorado da ESO, como portador de coñecemento específico, pero se xa impartimos determinado coñecemento nos alumnos non deixando que reflexionen sobre o mesmo, e dirixíndoos ó que xa aparece escrito, onde queda esa creatividade? Así, non estamos fomentando e promovendo a ansia por aprender, as ganas por ser partícipes do coñecemento, así somos meros suxeitos pasivos do coñecemento, así non construímos, así non reflexionamos.

            Non podo finalizar esta entrada sen facer referencia a Goleman, coa súa recoñecida intelixencia emocional. Hargreaves (2003) distínguenos 5 competencias principais que conforman esta intelixencia:

  • Conocer y ser capaz de expresar las propias emociones
  • Ser capaz de identificarse con las emociones de los otros
  • Ser capaz de supervisar y regular las propias emociones para que no escapen a nuestro control
  • Tener la capacidad para motivarse a uno mismo y a los demás
  • Poseer las habilidades sociales para poner las cuatro primeras competencias en acción

            Alegando ó que antes nos remitíamos, á creatividade entendida como a solución para a resolución dos conflitos do hoxe, considero que a intelixencia emocional é un aspecto que tamén teñen que traballar os docentes nas súas aulas. O esforzo, a superación, a resiliencia, comprender ós demais, empatizar, motivarnos, etc, elementos que levados a cabo inflúen de cheo nas nosas actuacións diarias, en acadar ou non o éxito das nosas accións. Estas competencias mellorán as nosas interaccións e relacións cos demais, “la inteligencia emocional proporciona los fundamentos emocionales para el aprendizaje profesional compartido y el trabajo en grupo entre los docentes” (Hargreaves, A., 2003).

 

“Asumir los errores, aceptar la confusión y reflexionar críticamente sobre sus supuestos anteriormente no examinados” (Schön, D., 1996)

 

BIBLIOGRAFÍA

 

Cassís, A.J., (2011). Donald Schön: una práctica profesional reflexiva en la universidad. Compás empresarial, 5, (3), pp. 54-58

Correa Gorospe, J.M., Gutiérrez Cuenca, L., et al (2009). El modelo reflexivo en la formación de maestros y el pensamiento narrativo: estudio de un caso de innovación educativa en el Prácticum de Magisterio. Revista de Educación, 350, pp. 493-505

Hargreaves, A. (1996). Profesorado, cultura y posmodernidad. Cambian los tiempos, cambian los profesores. Madrid: Morata.

Hargreaves, A., (2003). Enseñar en la sociedad del conocimiento. Barcelona: Octaedro.

Schön, D. (1992). La formación de profesionales reflexivos. Hacia un nuevo diseño de la enseñanzay el aprendizaje de los profesionales. Barcelona: Paidós.

Schön, D. (1996). La crisis del conocimiento profesional y la búsqueda de una epistemología de la práctica. En Pakman, M., Construcciones de la experiencia humana (1). Barcelona: Gedisa.

Schön, D. (1998). El profesional reflexivo. Cómo piensan los profesionales cuando actúan. Barcelona: Paidós.