• Blogs
  • silvia
  • ¿De onde vén a crise da profesión docente?

¿De onde vén a crise da profesión docente?

Na sesión expositiva do pasado mércores 6 de novembro levouse a cabo a “técnica do acuario”, tamén denominada “cáscara da cebola”. Para levala a cabo pedíusenos que leramos o documento: ¿De donde viene la crisis de la profesión docente?, de José Gimeno Sacristán.

1. Explicación “ técnica do acuario”

Dita técnica debe o seu nome á colocación dos participantes durante o desenvolvemento da mesma. No noso caso, para levar a cabo esta dinámica, dividimos ao grupo- clase en tres subgrupos (Peixes, Quenllas e observadores) os cales tiñan asignadas diferentes funcións: 

image


 1. O grupo dos peixes, constituído por tres compañeiros/as, tiña como misión  transmitir ao grupo-clase as principais ideas do texto de Gimeno Sacristán.

 2. O grupo das quenllas tiñan como tarefa complementar as ideas expostas   previamente polos peixes, ampliando, así, os coñecementos que non recibiran un  tratamento extenso por parte do anterior grupo.

 3. Por último, os   observadores, constituído polo grupo-clase, aportabamos a nosa  opinión en base ás ideas transmitidas tanto pologrupo dos peixes como polo das  quenllas.

 Despois de explicar brevemente en qué consiste dita técnica, é importante indicar os  obxectivos que persegue a mesma, destacando os seguintes:


- Propiciar o aprendizaxe dun tema a través da análise e a síntese da información.
- Afondar no coñecemento dun tema.
- Avaliar o grao de dominio que posúe o grupo sobre un tema concreto.
- Propiciar un ambiente informal para a análise dun tema.

2. Desenvolvemento da técnica

A técnica desenvolveuse en varios pasos. Primeiro comezou o grupo dos peixes expoñendo as ideas principais do texto, destacando as seguintes: 

En primeiro lugar, o grupo dos peixes comezou facendo referencia a como afecta a crise que estamos vivindo actualmente á identidade persoal e profesional dos docentes, xa que en moitas ocasións os profesores non saben como responder aos cambios que se están producindo continuamente no contexto educativo. Por iso no documento dise que os docentes deben estar constantemente en “crise” para que deste xeito os cambios se convertan en algo positivo e non nun obstáculo para a súa labor como docentes.

Respecto dos motivos que desestabilizan ao profesorado, destacar os seguintes:
- Por un lado, cuestiónase o papel que ten a escola como institución informadora, debido ás numerosas fontes de información que existen na actualidade. Sen embargo, ante esta diversidade de información, os docentes teñen un papel fundamental, xa que deben ensinar aos alumnos estratexias que lles permitan discriminar a información fiable daquela que non é veraz e que circula igualmente pola rede.
- Existe a necesidade de buscar unha estratexia pedagóxica adecuada para crear un ambiente produtivo nas aulas, e que á súa vez, resulte motivadora para os alumnos. Non se trata de transmitir un contido teórico aos alumnos de forma memorística, senón de empregar estratexias e métodos que fomenten o interese dos alumnos cara a ese coñecemento que queremos ensinarlles.

- A existencia dun plan de estudos que se centra en transmitir aos futuros docentes coñecementos xerais, sen centrarse en aspectos concretos que os axuden a resolver as dificultades que se presentan no seu día a día e sen apenas prestar atención á diversidade.
- Fronte á importancia que antigamente tiñan os contidos e obxectivos no currículo, agora concédeselle unha maior relevancia ás competencias que deben alcanzar os alumnos, competencias que non se alcanzan nin a curto nin a longo prazo. ¿Pero a que se refiren con adquirir unha determinada competencia? E ¿Qué medios se poñen a disposición do profesorado para que axuden aos alumnos a alcanzar ditas competencias?

- A todos os motivos comentados anteriormente, hai que engadir un novo, como é a incertidume de saber si os esforzos realizados polos docentes terán resultados positivos a longo prazo.


Por último, no tocante á deslexitimación e imaxe do profesorado, fíxose referencia ao escaso recoñecemento que ten a labor docente na actualidade, xa que realmente non se valora todo o traballo que o profesorado realiza. Fíxose tamén alusión á escasa formación dos docentes e ao sistema de premiar ao profesorado que acude a cursos, aínda que non aplique na práctica os coñecementos que se lles ensinan nos mesmos.
Todas as ideas citadas, levan a que moitos docentes se sintan “queimados” ante as trabas que teñen que superar para realizar o seu traballo, e que ao mesmo tempo, non teñan a consideración que deberían. 

A continuación, o grupo das quenllas ampliou a información sobre algúns aspectos xa mencionados polo primeiro grupo: 

- Necesidade de ver a crise como algo positivo e que axude
- O profesorado é unha peza clave no proceso de cambio, e polo tanto, non deben asustarse ante as innovacións que van aparecendo.
- Os docentes deben formarse continuamente para poder responder aos constantes cambios que se van producindo.
- O informe PISA debería ter en conta aspectos como o contexto ou as diferenzas existentes entre os países e non so os resultados obtidos a través de probas “obxectivas”.
- Fíxose alusión ao concepto de “sociedade líquida” para aludir á falta de compromiso por parte do profesorado, citando como exemplo a xubilación anticipada.
- Profesorado catalizador na medida en que este debería ser capaz de asumir os retos e as dificultades que se lles van presentado.

Finalmente, o grupo dos observadores aportaba as súas opinións en relación á información presentada tanto polo grupo dos peixes como das quenllas, establecéndose un debate entre os tres grupos. As ideas do debate son as seguintes:

- Condicións difíciles para o profesorado. Estamos afeitos a escoitar cuestións como: “os profesores quéixanse por vicio”, pero moitas veces ignorase o traballo que conleva ser profesor, pois a parte das horas lectivas nos institutos hai que sumarlle tempo corrixindo exames ou preparando as sesións do día seguinte, pero ese traballo non é visible e iso da lugar a opinións descontextualizadas e alonxadas da realidade.

- Necesidade de que a educación non estea ligada a ideoloxía dos partidos políticos, e que polo tanto, non se elabore unha nova lei educativa cada vez que cambiamos de goberno. Neste sentido, sería necesario que existise un pacto sobre a educación como existen noutros países, como no caso de Finlandia.
- Importancia de que nos informes PISA non se valoren unicamente os resultados acadados polo alumnado en ditas probas estandarizadas, senón que se analicen os resultados en base ao contexto nos que se ubica cada centro.
- Respecto da formación permanente do profesorado, indicar que moitas veces non aplican os contidos aprendidos no curso na súa aula, aspecto negativo que sería preciso cambiar.
- Por último, engadir a controversia entre teoría e práctica na formación dos docentes, posto que nas universidades céntranse en transmitir principalmente contidos teóricos, pero o período dedicada ás prácticas é escaso,polo que este aspecto debería mellorarse nos plans de estudo.


3. Valoración persoal

Despois das ideas explicadas anteriormente, resaltar algúns aspectos que, ao meu parecer, dificultan a labor dos docentes, e que provocan un gran malestar entre ditos profesionais: 
En primeiro lugar, considero que a profesión dos docentes é unha tarefa complicada que esixe formación continua para poder responder ás dificultades e necesidades que xorden nas aulas. Pero esta formación continua non consiste unicamente en asistir a cursos de formación nos que se aprenden determinados contidos teóricos e "xa está", senón que o importante sería trasladar á aula os coñecementos adquiridos en ditos cursos, para así mellorar os procesos de ensino aprendizaxe.
Ademais, é importante indicar a forte presión social á que están sometidos os docentes, posto que son “atacados” unha e outra vez polos políticos, medios de comunicación e poboación en xeral, considerándoos os únicos responsables dos malos resultados do noso sistema educativo. Pero que pasa cos recortes no ámbito da educación? ¿Cómo afecta á ensinanza o despido masivo do profesorado? Estas cuestións son un exemplo do panorama que se vive neste momento na educación e das dificultades coas que teñen que lidiar os docentes. 
Por outro lado, ao non ter en conta ao profesorado á hora de elaborar as leis educativas, a pesar de que son os únicos coñecedores da realidade que se vive diariamente nas aulas, provoca que os docentes non se sintan a gusto co traballo que realizan, xa que dende as administracións non se recoñece a labor que estes desenvolven. 

Para rematar, déixovos unha imaxe de Forges, que fai referencia algúns dos aspectos abordados ao longo da entrada, e que trata das diversas "profesións" do profesorado: 

 

Bibliografía: 

- Gimeno Sacristán, J. (2007). ¿De dónde viene la crisis de la profesión docente? En Cuadernos de Pedagogía, nº374, pp.17-21.

http://www.slideshare.net/astaroht84/acuario-2562295 (Consultada o 12/11/2013)