O regreso dos profesores, a onde se foron?

O pasado día 14 de novembro, na sesión de clase da materia de “Formación e Desenvolvemento Profesional do Profesorado” levamos a cabo unha técnica “experimental” proposta pola profesora Lourdes Montero. A citada técnica consistía en entregar ó resto dos nosos compañeiros do grupo-clase aquelas percepcións nosas sobre o que ollábamos mediante unha presentación, en resposta a tres cuestións principais:

  • Que interpretamos?
  • Que significa para nós?
  • Onde o situamos?

Preguntas as que lle íamos dando resposta en función do que nos ían semellando as dispositivas contidas na presentación sobre: Cien años más tarde. El regreso de los profesores, pertencente a unha conferencia concedida por António Nóvoa o día 6 de abril de 2011, e desenvolta na cidade cántabra de Santander.

image

            Dende a miña experiencia persoal podo sinalar que nun primeiro intre a técnica produciume incertidume, xa que non sabía o sentido real da mesma, pero considero que, como calquera outra técnica ou metodoloxía novidosa non ”camiñamos” por un camiño firme e polo tanto sempre imos “tanteando” o terreo. Así que, aínda que comecei con aportacións sinxelas e rápidas, co desenvolvemento da sesión, estes aportes foron medrando, ó igual que as miñas reflexións sobre a presentación que se nos ía amosando. Tamén penso que, os meus compañeiros de un modo ou outro lles aconteceu o mesmo, xa que dende un inicio non establecemos diálogos ou discusións entre nós, pero no transcurso da sesión xa compartíamos aspectos, asentíamos, rebatíamos, etc. Feito totalmente enriquecedor ó conxugar diversas perspectivas a unha mesma cuestión.

            Sen máis facer fincapé na técnica nun sentido estrito, xa que fomos os protagonistas da acción como poucas veces o somos nas sesións de clase de calquera materia, sempre acostumados ás meras sesións expositivas nas que permanecemos como suxeitos pasivos, non desenvolvendo aprendizaxes significativas. Neste caso, e en varios da presente materia, as sesións de clase interactiva ofrecéronnos ser partícipes do coñecemento, construír conxuntamente información, aprender por nós mesmos, aínda que en moitos casos, como foi o meu nesta sesión, expoñía algún que outro argumento sen fundamentos ou bases sólidas, sen apoiarme en ningún autor en concreto, polo que desenvolvía percepcións propias e opinións, e non tanto reflexións fundamentadas e contrastadas con outros ideais formulados por autores. Indicar que foi unha técnica diferente, á que non estou acostumada a realizar, moi próspera para o noso desenvolvemento persoal (aprendemos a comunicarnos, escoitar, o feed-back) e tamén profesional (desenvolvemos cuestións relacionadas co noso eido, a educación).

            Logo de examinar o documento de António Nóvoa (2007), propóñome elaborar unha reflexión profunda sobre aqueles aspectos contidos no mesmo e nos que máis interese me espertaron.

            Nun primeiro momento, xa se nos entrega esa resposta á cuestión que plantexaba no título desta entrada ó blog: de onde regresaron os profesores? A onde se foran? Pois ben, dende os anos 70 ata a entrada do século XXI os profesores permaneceron ocultos, non se reparaba na importancia da súa función para a sociedade. Nos anos 70 prestóuselle atención ó control educativo, á racionalización, á planificación escolar, etc; nunha década posterior ponse a mirada no currículo escolar, na estruturación do sistema escolar; e xa nos anos 90 se atende a todo aquilo que atinxe á xestión e organización da escola. Non é ata finais dos 90 no que se repara na figura como tal dos profesores, medra cada vez máis da man da política e da sociedade unha preocupación por estes profesionais. Así, os profesores como portadores das aprendizaxes gardan unha posición relevante nas nosas realidades, e aparellado a isto todo aquilo que ten que ver con aspectos como as novas tecnoloxías que invaden os nosos espazos e tempos actuais ou a diversidade, como compoñente esencial para a inclusión das persoas nas comunidades.

image

            Dende o meu punto de vista, dos profesores parte, en gran medida (aínda que tamén das familias, e dun modo xeral, da sociedade), que a sociedade do mañá estea configurada por persoas educadas, con valores como o respecto polo alleo ou a igualdade, entre outros. Son estes os encargados de integrarse e mesturarse nos cambios e evolucións da sociedade, permanecer actualizados (é aquí a importancia da formación continua nos profesionais da educación) para transmitir, desde estes novos coñecementos, todos aqueles sucesos básicos e fundamentais ó alumnado, e que estes a partires disto constrúan as súas propias aprendizaxes. Considero que os profesores débense anticipar ós acontecementos, prever problemáticas, guiar ó alumnado, facilitando unha ponte entre estes e os coñecementos para que adquiran aquelas metas individuais e singulares a cada suxeito.

            Volvemos sinalar neste senso, ó igual que indiquei noutras entradas, a gran transcendencia que ocupa o período histórico no que nos inserimos e o contexto no que se desenvolven uns feitos ou outros. Así, como verificamos mediante o parágrafo anterior, nuns anos concédeselle máis valor a uns elementos que a outros, deixando verse deste modo, as ideoloxías que primaban nunha época e noutra, que valores existían, que se enfatizaba, onde se poñía o interese.

            No documento sobre a conferencia de António Nóvoa distínguense dous epígrafes principais: un primeiro no que Nóvoa considera como “uma boa noticia”, e outro no que nos relata “uma má noticia”, brindándonos medidas de cara a solucionar a devandita noticia.

            Considérase como boa noticia á perspectiva actual de aprendizaxe do profesorado ó longo da vida, a formación en base á investigación, o traballo en equipo, as novas competencias dos profesores, o ser un profesional reflexivo, etc. Aspectos que escoitamos cada día no noso campo da educación, pero realmente todo isto se leva á práctica? Forma parte das realidades educativas nos colexios? Forma parte dos discursos políticos? Porque aínda ante estas tan valiosas ideas, se segue minusvalorizando ó profesor?

            A resposta é complexa e Nóvoa exprésaa do seguinte xeito: “a inflação retórica sobre a missão dos professores implica dar-lhes uma maior visibilidade social, o que reforça o seu prestígio, mas provoca também controlos estatais e científicos mais apertados, conduzindo assim a uma desvalorização das suas competências próprias e da sua autonomia profissional”.

            Ó igual que sucede coa educación, dende o meu punto de vista, co transcurso dos anos fomos conseguindo progresos, pouco a pouco, pero acadamos grandes logros como a escolarización da toda a poboación ou a non existencia de maltrato físico nas aulas. Penso que acontece o mesmo coa figura do profesor, é certo que temos interiorizado a este profesional con funcións utópicas, ó igual que a educación, e cando logremos os obxectivos que pretendíamos fai 10 anos atrás, continuaremos reclamando outras actuacións de mellora, máis óptimas que as anteriores. Por isto, o importante creo que se concentra en que os docentes leven a cabo os ideais que posuímos hoxe en día, que os practiquen, que non queden retidos en meros diálogos, discusións ou discursos, o “kid” atópase na mobilización, ser activos, ser consecuentes, ser reflexivos coas prácticas educativas. Existirán esas auditorías e avaliacións de calidade por parte das administracións ou do Estado que fagan que o profesorado quede nunha posición social de pouca estima e valoración, porén, estamos ante unha profesión que non é sinxela, da que toda a sociedade pode opinar porque mantivo algunha vez algún contacto con algún profesor (a diferenza de con outras ocupacións ou profesións), polo que sempre existirán perspectivas diversas, ilusorias ou optimizadoras. Dende a miña maneira de ollar ten a súa lóxica, pero o que non pode facer o profesor é renderse, debe crer na súa profesión, valorarse, non deixando eses discursos tan ideais só en discursos.

image

            Hai que subliñar a este respecto tamén que, “não conseguiremos evitar a “pobreza das práticas” se não tivermos políticas que reforcem os professores, os seus saberes e os seus campos de actuação” (Nóvoa, A., 2007). Esa carencia dun pacto educativo entre os responsables das políticas educativas e os especialistas en educación, tamén comentado en outras entradas que xa publiquei. Os discursos políticos deben ser coherentes coas realidades educativas, non poden incrementar as horas de ensino do profesorado e manter as mesmas condicións económicas, non poden aumentar as ratios profesor-alumno e continuar cos mesmos recursos ós que non pode acceder todo o alumnado, por exemplo. Así que, se ó profesorado se lle esixe unas prácticas determinadas, pero non se se entregan as condicións básicas para levalas a cabo, é tamén moi razoable que o docente non desenvolva esas prácticas ideais educativas que se pretenden conseguir.

Establécense tres solucións a esta problemática no texto de António Nóvoa:

  1. 1.      É preciso passar a formação de professores para dentro da profissão”

            Por unha banda, “persistência profissional para responder às necessidades e anseios dos alunos”. Debemos subliñar que o centro de atención ten que ser o alumno, el é o obxectivo polo que o docente desplega a súa función, feito polo hai que ser responsable e comprometidos con todas as labores educativas que se levan a cabo, que teñan un fin realmente educativo e pedagóxico. Isto pode ser analizado dende unha perspectiva de intelixencia colectiva, dende un exercicio profundo de reflexión.

            “Reforçar dispositivos e práticas de formação de profesores baseados na investigação”. Considero a educación como un dos quefaceres máis importantes na sociedade, e polo tanto, este debe ser sometido a investigación, coa finalidade clave de colleitar os mellores resultados educativos, formando a persoas competentes. A profesión docente máis que ningunha outra debe ter presente a formación, xa que se constitúe como unha profesión que ela mesma forma, e xa que logo débese actualizar constantemente, non quedando ancorada no pasado.

  1. É preciso promover novos modelos de organização da profissão

image

            “A colegialidade, a partilha e as culturas colaborativas não se impõem por via administrativa ou por decisão superior”, estas accións colaborativas teñen que saír dos docentes, como aspectos intrínsecos e implícitos á súa persoa, confiando na autonomía do profesor, aínda que neste sentido, non se lle ofrece dende as administracións competentes e o Estado a autonomía da que se lle debería de dotar. Dáse pouca marxe ó docente para realizar as tarefas educativas dunha maneira totalmente independente, aspecto este no que se debería de reparar, xa que, todas as labores do profesorado teñen que ser iguais? Que é o que procuran realmente as políticas educativas? Continuamos con discursos utópicos, pero habería que transformalos e traducilos en actuacións, acordos e responsabilidades políticas, tendo en conta as realidades, sendo conscientes do que supoñen para o profesorado unhas reformas ou outras.

  1. É preciso reforçar a presença pessoal e pública dos professores

            “O sucesso de qualquer reforma depende do envolvimento activo dos professores no seu desenvolvimento e concretização”. Isto vémolo exemplificado claramente no caso da Marea Verde das Illas Baleares, aínda que se presentase o Decreto do Tratamento Integrado de Linguas (TIL) por parte do Goberno, o profesorado non o puxo en marcha ó non estar de acordo co mesmo. Ante isto, unha vez máis volvemos sinalar esa falta de consenso entre as partes, a falta da presenza de persoal da educación ostentando o poder político, tan preciso na nosa sociedade, e tan preciso na educación, para garantir o éxito do alumnado, que ó fin é a vítima de todos os procesos educativos.

            Expoñer tamén, a “ausência dos professores, uma espécie de silêncio de uma profissão que perdeu visibilidade no espaço público”. Moitas veces reflexionei sobre este aspecto, non atopando apenas bibliografía ó respecto que me entregara unha solución á cuestión que me dá voltas na cabeza, porque os docentes non falan, comentan, relatan ou expoñen aspectos ou accións da súa profesión? Porque non saen en espazos públicos presentando o seu traballo, a súa labor, porque? Dende o meu punto de vista, considero que o seu recoñecemento social é tan baixo a diferenza doutras profesións ou da mesma profesión pero noutros países, porque non desexan arriscarse a ser aínda máis criticados. Porén, é verdade que, nestes intres os docentes están saíndo máis que nunca a rúa, reivindicando os seus dereitos, reclamando reformas educativas políticas que presenten unha educación real, non artellada baixo parámetros antipedagóxicos (número de horas de ensino elevado ó alumnado con respecto á media europea, reducidos descansos para o alumnado entre as sesións de clase, entre outros aspectos). Pero, porque non saen tamén para comentar o que fan no seu día a día, porque só se deixan ver á hora de reclamar calquera cuestión que consideran inxusta?

            Neste sentido, logo de elaborar unha análise sobre o documento de António Nóvoa, e estudada a perspectiva que dende a miña óptica pretendía transmitir na conferencia concedida, dispóñome a examinar de novo a presentación presentada pola profesora da materia Lourdes Montero, co propósito de comparar as reflexións que construín na sesión de clase pasada na que non obtivera ningún tipo de información sobre o citado documento da conferencia, e a posición na que me atopo neste intre a continuación de examinalo polo miúdo.

            Constátase ó longo da presentación como conflúen dúas revolucións: unha a comezos do século XX, e outra a comezos do século XXI. A diferenza principal vémola reflectida basicamente mediante o seguinte: * Enganeime na imaxe de:máis sociedade, xa que me esquecín de añadir o I, ó século XX, feito polo cal, a principios do século XXI, existiría máis sociedade, etc.

                    

imageimage

 

Coido importante plantexar mediante unha táboa o que a min me semella son os principios fundamentais nos que se artellan estas revolucións:

 

1.Espazo público da educación

2.Posta en valor da cultura e as aprendizaxes

3.Perspectivas reflexivas

3.Comprensión da diversidade e construción do diálogo

1. Educación integral

2. Nenos no centro

3.Metodoloxías activas

4.Pedagoxías diferenciadas

 

            Deste modo, vense desenvolvendo xa a finais do século XX unha preocupación pola educación integral, a escola como escola da vida, que debe integrar diversos aspectos (educación civil, ecoloxía, educación nutricional, etc.), proporcionando interaccións entre os diferentes axentes sociais (empresas ou asociacións, por exemplo) cun papel claro de socialización. Doutra banda, aparece o neno como o centro das prácticas educativas, no que o óptimo sería que o profesor actuase como mediador entre o neno e o coñecemento, co fin de desenvolver a súa total creatividade e imaxinación. Isto é unha tarefa moi complexa para o docente, xa que realmente ten que coñecer en profundidade todos os alumnos coa finalidade de guialos correctamente naquilo que lle interesan. Os métodos activos tamén teñen gran interese neste período, o docente debe proporcionar métodos participativos, estratexias e procedementos que favorezan as interaccións entre os alumnos, que se movan, que xoguen, que falen, que aprendan en función dos seus esforzos e experiencias. Finalmente, proponse unha pedagoxía diferenciada, na que se atenda á diversidade de alumnado, á heteroxeneización, non que todos sexamos iguais ós outros e abrindo camiño de cara a unha sociedade realmente democrática, non só nos seus discursos, senón tamén nas súas prácticas. Comprender, escoitar, fundamentanse no diálogo, na negociación entre tódolos axentes, sen existiren intereses de fondo como moitas veces se explicita en moitas prácticas que se levan a cabo, qué interesa na realidade? A educación? A economía? Móvese a educación en base á economía? Ou viceversa?

image

            Todos estes supostos fan que entremos no século XXI con máis actividade, máis atención á diversidade, máis atención á infancia, e polo tanto, máis sociedade. Así, aínda que dende a miña óptica estas bases non se conseguiron por completo en moitos casos, xa que considero se esconderon baixo palabras e non feitos concretos, en maior medida, constituíronse como principios polos que poder mellorar e optimizas as tarefas educativas que levaremos a cabo nun futuro. Isto vese traducido na creación dun espazo público de educación no que a acción pública se tome en consideración, actuando sempre a mediación no proceso educativo de cara a conseguir todo aquilo que se desexa, e non brindando xa de antemán as solucións ás que se pretende chegar, senón construílas por un mesmo e en colaboración cos demais axentes públicos. Poñer en valor a cultura e as aprendizaxes, organizar consecuentemente o traballo escolar, entregar aqueles aportes básicos e importantes, baixo unha perspectiva reflexiva, na que conformemos coñecemento mediante a nosa propia experiencia e a nosa propia reflexións dos sucesos, non deixando a un lado a relevancia da comprensión da diversidade, o diálogo que funda os alicerces dos compromisos éticos e sociais.

            Logo de reflexionar sobre todos os aspectos mencionados nesta entrada, unha vez máis, tomamos constancia de que o profesor ten que desenvolver unha tarefa ardua, pero sobre todo hai que ter en consideración que, en verbas de Gimeno, “el profesor transmite lo que es”, polo que ten que desplegar un xogo continuo entre a súa personalidade e a súa profesionalidade, creando a nova profesionalidade docente, feito este no que reparar á hora de formar ó profesorado. O profesorado regresou, dende os anos trinta ata case ven chegado o noso século no que estamos inmersos, vólveselle conceder a importancia das súas prácticas, a súa función principal, o desafío enorme ó que está exposto e no que a sociedade ten que cavilar. Pero, a cuestión é, regresou? Ou sempre estivo aí pero non soubemos como ollalo? Realmente o profesorado se foi algunha vez? Unha vez máis compróbase como o contexto no que estamos mergullados fai que posuamos unha perspectiva ou outra, que miremos para un lugar ou para o outro.

            Para rematar, considero conveniente amosar un vídeo sobre a tan coñecida película "A lingua das bolboretas", no que ollaremos como un profesor real, coñece ós alumnos, fai que mediante o seu interese cheguen ó coñecemento. O profesor supón a ponte, supón a mediación, sen deixar de ser el mesmo, coa súa propia personalidade:

                                                                     

 

Apesar da urgência, é necessário que as pessoas possuam o tempo e as condições humanas e materiais para ir mais longe. O trabalho de formação deve estar próximo da realidade escolar e dos problemas sentidos pelos professores. É isto que não temos feito. Quando os professores aprendem mais, os alunos têm melhores resultados” (Nóvoa, A., 2007)


BIBLIOGRAFÍA:

Nóvoa, A. (2007). O regresso dos professores. Conferencia sobre o “Desenvolvimento profissional de professores para a qualidade e para a equidade da Aprendizagem ao longo da Vida”. Celebrado en Lisboa o 27 e 28 de setembro.

Presentación en Power Point achegada pola profesora da materia “Formación e Desenvolvemento Profesional do Profesorado”, Lourdes Montero.