O Pelouro, unha gran experiencia educativa

Nesta entrada do blog vou a falar sobre unha escola que visitamos o ano pasado na materia de organización: o “Pelouro”, un tipo de escola cun proxecto sen precedentes no panorama educativo do noso país.

O “Pelouro” é unha escola de innovación psicopedagóxica e integración, fundada no ano 1973 pola psicopedagoga Teresa Ubeiga e o psiquiatra infantil Juan Rodríguez de Llauder.

O centro situado en Caldelas de Tui, conta cun centenar de nenos e nenas de todas as idades entre os que hai autistas, superdotados, síndrome de Down e con diversos problemas mentais e emocionais. As etapas educativas coas que conta o centro son a educación infantil e primaria. Ata este ano tamén se impartía a educación secundaria obrigatoria, pero por diversos motivos tiveron que pechar as aulas destinadas a estas ensinanzas.   

Antes de comentar a miña experiencia, gustaríame explicar como transcorre un día no centro. Cada xornada diaria comeza cunha asamblea, onde se reúnen tanto os nenos como os docentes e se vai motivando aos estudantes a través de diversas cancións e actividades. Ao remate da asamblea, Teresa pregúntalle a cada neno un tema sobre o que desexa aprender ese día. Así, cada estudante traballa sobre a temática que máis lle gusta, buscando e indagando para coñecer en profundidade información sobre un determinado contido, converténdose o docente nun guía que orienta o proceso de aprendizaxe dos alumnos. Finalmente, o día remata cunha sesión de danza na que participan todos os alumnos.

O vídeo que vos presento a continuación amosa de forma gráfica como transcorre un día no centro: 

 

Agora, unha vez explicada a dinámica da escola, gustaríame comentar a miña experiencia sobre os aspectos que me pareceron máis relevantes e significativos.

Recordo que a primeira vez que visitei o centro me chamaron profundamente a atención os seguintes aspectos: a inexistencia de horarios, a distribución dos espazos así como o papel catalizador dos docentes e a metodoloxía utilizada nas aulas. 

Como comentaba anteriormente, no Pelouro, os alumnos son os verdadeiros protagonistas do seu proceso de ensino-aprendizaxe, posto que son eles os que elixen as temáticas sobre as que desexan aprender, e, neste caso, os profesores actuarían como guías dese proceso, poñendo a disposición dos estudantes as ferramentas necesarias para conseguir os coñecementos que os seus alumnos desexan. 


Aprendizaxe cooperativo


Así pois, os nenos/as aprenden sobre diversos contidos a través da realización de proxectos ou manuais elaborados por eles mesmos, e sempre conxuntamente con outros compañeiros que están interesados en traballar sobre o mesmo tema.

Polo tanto, poderíamos dicir que no Pelouro prima o aprendizaxe autónomo e cooperativo entre os alumnos e os docentes.



 

Para explicar máis detalladamente como son os traballos feitos polos estudantes, é preciso citar diversos exemplos como os seguintes: a construción dunha maqueta sobre o cerebro humano, a realización de experimentos de laboratorio nos cales os estudantes investigaban sobre o tipo de terra que era máis adecuado para que crecera unha determinada especie de planta ou a representación en tres dimensións do corpo humano. (actividades como estas nos centros de ensino tradicionais son impensables).

A través destes traballos, os estudantes aprenden contidos de diferentes disciplinas académicas (Bioloxía, lingua, química, física) de forma transversal e sempre en función dos seus propios intereses, é dicir, séntense motivados para aprender, pois indagan e buscan información sobre aqueles coñecementos nos que están interesados.

Sen embargo, isto non ocorre nos centros ordinarios, xa que neste caso son os docentes os que elixen os contidos sobre os cales van a traballar os alumnos, escollendo tamén o método mediante o cal traballarán cada temática. A isto hai que engadir que os alumnos aprenden de maneira individualizada, e en escasas ocasións, comparten coñcementos cos demais alumnos da aula.   

No ensino tradicional, é precisamente este sistema que non ten en conta os intereses dos alumnos, o que provoca que cada vez máis estudantes estean desmotivados e terminen por abandonar os seus estudos, algo que no Pelouro non acontece.

Así, despois de ver esta experiencia xurdíronme as seguintes preguntas: Porque non trasladar a experiencia do pelouro aos demais centros de ensino? Porque manter nas aulas unha metodoloxía que non resulta atractiva para os estudantes, senón que pola contra os desmotiva aínda máis?

Respecto a estas preguntas é preciso facer algunhas matizacións, xa que como vimos no texto “La docencia, una experiencia compartida”, moitas veces os profesores, nos centros ordinarios, nos poden levar a cabo os proxectos que a eles lles gustaría, polo que terminan adaptándose ao modelo tradicional. Aínda así, si é certo que algúns docentes utilizan métodos innovadores que captan o interese dos seus alumnos e que conseguen que lles guste a materia que imparten.

Este ano volvín ao Pelouro, pero a situación que vin era moi diferente á do ano pasado, posto que xa non estaban os alumnos da ESO, xa que tiveron que trasladarse a outros centros debido a que o Pelouro non dispoñía de “medidas de seguridade adecuadas” (ou máis ben era unha escusa da Administración para quitar axudas económicas á escola).

Porén, eses alumnos volveron ao centro para comentarnos como estaba sendo a súa experiencia no novo centro de ensino. Pois ben, as palabras que empregaron para definir o IES no que están agora foron as seguintes: Cárcere e hospital.

Escoitar isto fíxome sentir unha profunda tristeza, pois eu estiven nunha cárcere, nun espazo limitado por reixas, no cal o patio era o único espazo no que compartía o meu tempo libre cos meus amigos/as, posto que nas clases apenas podía interaccionar cos mesmos, e o peor e que seguramente moitos dos alumnos que están nos centros ordinarios teñen a sensación de estar tamén nunha "cárcere". 

Ademais, outro aspecto sobre o que reflexionar é que, no Pelouro, non existe un tempo de recreo e ocio, pois os alumnos aprenden en liberdade e en interacción cos seus compañeiros e non necesitan dun tempo específico no cal disfrutar. 

Finalmente, tamén nos contaron que no novo IES, os alumnos que foron reubicados do pelouro están nunha aula na que os docentes empregan un método similar ao utilizado no seu anterior centro, pero coa intención de que vaian adaptándose para finalmente estar “integrados” no ensino tradicional, no que unicamente priman os aprendizaxes memorísticos e individuais.

Como conclusión dicir que coñecer outra realidade como a do pelouro foi unha experiencia moi positiva, xa que puiden ver outro xeito de entender a educación, un modelo que non está sometido a horarios, e na que os nenos son os protagonistas de toda a actividade que alí se desenvolve. 

É unha escola activa, na que todos os alumnos traballan en conxunto e aprenden mutuamente, xa que cada grupo despois de realizar o seu traballo, explícao ao resto dos seus compañeiros, co cal todos se benefician dese coñecemento.

Por último, outro dos aspectos que máis me impresionou foi a maneira na que se expresaban os alumnos, posto que ao escoitalos tiña a sensación de que non sabía nada en comparación a eles, posto que a seguridade coa que falaban e a maneira de desenvolverse publicamente era increíble. 

Sen dúbida, é posible un cambio na educación, un cambio que permita mellorar o sistema educativo tal e como o coñecemos hoxe. 

Webgrafía:

-          http://www.opelouro.org/ (recuperado o 16/11/2013)

Comentarios

  • Silvia Seren Sampedro

    Silvia, moi boa idea de facer unha entrada sobre o Pelouro! Vexo que tiveste a sorte de ir visitalo de novo!Wink

    Eu tamén gardo un bo recordo da visita do ano pasado en Organización de Centros Educativos na que me sorprenderon cousas que ti tamén comentas como: os espazos abertos e flexibles; o entorno rural no que está situado, facilitando o contacto dos nenos ca natureza; a posibilidade de que nenos de diferentes idades traballen nun tema de interese común (non os dividen por clases); a cantidade de recursos materiais dos que dispoñen; que a relación profesor-alumno vaia máis alá de unha hora de clase (como ocorren nos outros colexios); o ambiente cargado de sentimentos e emocións; a implicación dos nenos na realización das tarefas cotiás (limpan, cociñan, traballan na horta…), etc. Nese centro cada día é diferente, non hai horarios fixos para cada cousa polo tanto o neno fará a tarefa que lle gusta sen temor de que soe un timbre que lle obrigue a deixar o que esta facendo.

    Destaco o importante papel dos profesores, dando resposta ós diferentes intereses e cuestións formuladas polos rapaces, e sobre todo sorprendeume a súa capacidade de improvisación xa que non teñen as clases preparadas senón que é o neno, que durante a Asamblea, quen escolle que quere facer ese día. Sen embargo, como aspecto negativo destaco que é moita a implicación que se esixe a este colectivo, xa que moitos viven no centro de luns a venres, sendo moi complicada a conciliación vida familiar/vida laboral.

    A visita ó Pelouro para min (e vexo que para vos tamén) foi unha experiencia inesquecible, na que nos fai pensar que outra escola é posible.

  • Enelina

    Gracias Sivlia, por facernos partícipes da visita que fixeches novamente ao Pelouro, e sen dúbida o vídeo que presentas aquí, eu xa o vira no seu momento, e sen dúbida e unha boa ferramenta para que a sociedade coñeza a labor que está facendo este colexio a prol dos nenos, onde eles son o verdadeiro centro de aprendizaxe, o cal entroncaria cun dos ideais da Escola Nova, aos cales fai alusión Antonio Nóvoa na súa obra O Regresso dos professores, o paidocentrismo.

    Creo que non quea moito máis que dicir, tan só que estou dacordo con todo o que di Silvia Serén, porque no Pelouro cada día é unha oportunidade de descubrimento, indagación e traballo diferente, e iso é o que fai realmente interesante e motivador o proceso de aprendizaxe.

     

    Un saúdo as tres.