A miña experiencia na Escola Rural de Xanza-Valga

 

Hoxe vou falar da miña experiencia vital nun Colexio Rural Agrupado situado na parroquia de Xanza-Valga, provincia de Pontevedra.

  Escola Rural Xanza-Valga

Podo definir perfectamente o que é unha escola rural porque tiven a sorte de poder ir a unha. Para elo apoiareime na única foto que teño daquela época. Como podedes observar o edificio que aparece ao fondo está feito con granito do país, cunhas ventás sinxelas, e aínda que non se pode ver moi ben non tiña muros que o rodeasen. Para ser un edificio tan antigo, tiña uns ventanais na aula a modo de galería que facían que gozásemos de moita luminosidade na aula. Máis que un edificio escolar era como unha casa coma as que había no resto do lugar. Era sinxelo, cunha soa planta e sen escaleiras. Unha escola humilde sen calefacción na cal non contábamos con moitos materiais coma nas escolas de agora, pero nas que o profesor e pedagogo que aparece na foto (Pedro), aprobeitaba ao máximo non só o que tiñamos no edificio, senón tamén as oportunidades que lle brindaba o medio rural.

Non éramos unha clase homoxénea, senón que tiñamos diferentes idades e tamén diversas necesidades. Podemos dicir polo tanto, que a escola rural caracterízase por estar nun medio e cultura rural e ter unha rica diversidade de alumnado. Esta diversidade demandaba por parte do profesor unha metodoloxía tamén diversa, acorde as distintas idades, capacidades, competencias e niveis.

Lembro con duzura que a miúdo visitábamos outros colexios rurais do concello, e que eles tamén nos visitavan a nós. Gardo moi bos recordos asociados a esas visitas. Non lembro exactamente o que aprendía, pero si do ben que o pasabamos cos xogos que nos organizaban os profesores a modo de gymkana no  exterior dos colexios, procurando que non nos tocase cos nosos compañeiros/as do colexio de orixe. Aquí en Galicia, en Asturias, en Castela e León e Castela A Mancha, coñécense a estes grupos de colexios rurais como CRA (Colexios Rurais Agrupados), pero reciben tamén outros nomes en diferentes comunidades de España. Así en Cataluña chámanse ZER (Zonas Escolares Rurales), na Comunidade Valenciana e nas Illas Canarias CER (Centros Educativos Rurales), entre outros nomes. É dicir, a escola rural non é unha realidade que só exista en Galicia, está ao longo e ancho de España.

Agora mesmo están tocando un réquiem pola escola rural, debido a falta de poboación e tamén por recortes dos políticos, que en moitos casos consideran que a escola dos pobos e cidades poden ofrecer mellores oportunidades para os nenos e nenas. Estas afirmación que fan moitos persoeiros de maneira barata non son máis que unha mostra da ignorancia do que se coce nunha escola no rural e das posibilidades transformacionais que ofrece este medio.  Por qué digo isto? Porque o vivín e no seu momento non sabía que era mellor ou peor, pero si sabía que me encantaba ir a escola e que cando tiven que cambiar de colexio supuxo un gran trauma.

Non había sereas nin timbres que marcasen o tempo e as clases trasncorrían con tranquilidade, sen presión. Tiñamos dous tobogáns, un bambán e dúas randeiras que se complementaban co que era o resto do noso lugar de recreo: carballos e un cruceiro en fronte a escola. Cando facía bo tempo dábamos moitas clases no exterior e lembro que cando chovía xogábamos con monicreques, facíamos puzzles de madeira ou “íamos ao cine”, que neste caso era visitar outra escola que tiña unha pantalla cun proxector.

Xogábamos a correr pola carballeira, a mirar nos ocos das árbores onde moitas veces había paxaros, no tempo das mimosas o profesor dábanos un pequeno e divertido susto cando baixábamos polos tobogáns coa antedita flor, convertíamos os nosos dedos en persoaxes que falaban disfrazándoos cunha cara pintada con boli bic e un sombreiro de landra (parte de arriba da landra que se separa do resto do froito) que o profesor nos poñía na punta do dedo, fixemos as tres casas do conto dos Tres Porquiños con diferentes materiais que sacamos da carballeira (area, herba e paos), aprendimos os números e letras cantando e bailando... Entre outras moitas cousas que agora mesmo non lembro, pero que non serían igual sen Pedro.

Se por algunha razón Pedro non podía vir, substituíao Manola. Aquí foi onde eu vin que Pedro era un profesor xenial en comparación con outros mestres. Manola tiña os mesmos anos, pero non tiña o mesmo concepto de educar. As clases con ela eran estresantes porque berraba constantemente e castigaba polas cousas máis absurdas que un se poida imaxinar. Tanto medo lle tiñamos, que un día eu e unha compañeira agochámonos no patio para non ter que aturala. Logo, levounos ao interior con cara moi seria e comezou a berrarnos, recordo que ouriñei por min co medo e logo se puxo a berrar máis, ordeándome que me cambiese diante de toda a clase, o cal foi totalmente vergonzoso. Non sei por qué motivo non me acobardei un pelo e logo de cambiarme tivemos que facer unha ficha que consistía en mollar o dedo en pintura e logo estampalo nun papel, quedando no mesmo o debuxo das nosas pegadas. O caso e que non o facíamos nós, senón que Manola nos poñía en liña en fronte a súa mesa, collíanos o dedo e estampábao de maneira automática e sistemática contra o papel. Cando me tocou a min, deixei o dedo morto para que ela fixese as dúas primeiras pegadas a súa maneira, pero cansa xa de tanta ditadura, pasei a acción e comecei a mover o dedo en grandes círculos, facendo un debuxo (na opinión da profesora) feo. Menos mal que esta mestra non tivo que sustituir moitas veces a Pedro, senón os meus recordos acerca da escola rural serían ben distintos.

Quero demostrar así, o importante que é a figura do profesor e o moito que pode influír na maneira na que se ensina e que o alumno disfrute ou non da súa aprendizaxe. Alá onde queira que estea doulle mil grazas por facer que a miña infancia fose moi feliz.