A identidade do profesorado

Nas sesións de clase pasadas da materia “Formación e Desenvolvemento Profesional do Profesorado”, realizamos varios seminarios dividindo o noso grupo-clase, de tal modo que entre grupos analizásemos diversos textos que a profesora da materia Lourdes Montero nos achegaba. A continuación, cada portavoz do seminario expoñería en gran grupo en liñas xerais, o que se presentaba en cada texto en particular.

            Nesta entrada, encamiñareime a reflexionar sobre un dos textos, “Identidades en proceso de formación”, (que precisamente tratamos no noso seminario en concreto, e do que eu mesma fun a portavoz) da autora María Adelina Castañeda Salgado e que podemos acceder ó mesmo mediante o número 436 da revista Cuadernos de Pedagogía.

            O profesorado está sometido a un proceso de formación permanente e continua, necesaria para poder adaptarse ás novas situacións e circunstancias que invaden as nosas realidades. Neste senso, a identidade profesional docente vese exposta a un proceso de construción e reconstrución constante, pero, que ven sendo isto de identidade docente?

            Entendemos por identidade docente á “contrucción dinámica y continua, a la vez social e individual, resultado de diversos procesos de socialización entendidos como procesos biográficos y relacionales, vinculados a un contexto (socio-histórico y profesional) particular en el cual esos procesos se inscriben” (Vaillant, D., 2007).

            Como verificamos mediante a cita de Vaillant, estamos ante un termo un tanto complexo, formado non só mediante un sentido de interioridade como nos expón no texto María Adelina Castañeda, senón que tamén actúa o sentido de exterioridade, combinando elementos da nosa experiencia persoal con elementos das demais persoas. Deste xeito, tamén considero importante aludir ó contexto no que se produce esa construción da identidade, xa que en función do contexto, tanto temporal como espacial no que nos atopemos, o profesorado irá configurando un modo ou outro de identidade segundo as experiencias que vaia experimentando.

image

            É aquí, onde destaco a relación que María Adelina Castañeda amosa entre formación, experiencia e subxectividade, compoñendo estes tres termos a identidade docente. Como expliquei anteriormente, a experiencia é unha das bases polas que construímos a nosa identidade, tanto a nosa experiencia persoal, como a experiencia doutros e que se nos foi transmitida, pero onde queda a subxectividade? Penso que, este concepto está ligado intimamente coa experiencia, xa que esta fundaméntase en decisións e xuízos obxectivos e subxectivos, mediando sempre a nosa subxectividade nos procesos que levamos a cabo, deixándonos levar polos nosas decisións máis persoais carentes na maioría dos casos de obxectividade, porque, o ser humano como ser social, leva aparellado a subxectividade por natureza.

            Outro termo deste tríodo de conceptos que constitúe a identidade segundo María Adelina Castañeda ven sendo a formación, de que maneira inflúe a formación na identidade docente? Pois ben, loxicamente a identidade docente vese completamente respaldada pola formación que reciba o profesor, e sobre todo a formación inicial, que sentará as bases para actuar dun xeito ou outro na práctica. Neste senso, Antonio Bolívar (2007) fálanos sobre a “reconversión profesional debido a que, con la formación inicial recibida, y desde la práctica docente que ha forjado su propio saber profesional, no puede responder a las nuevas exigencias y funciones” de la actualidad.

            Porque se produce esta reconversión profesional da identidade no hoxe? A resposta atópase na crise a todos os niveis na que nos mergullamos, e que tamén afecta claramente á identidade docente. A crise da identidade xorde da “tensión entre el profesor ideal y el profesor real, entre lo que se espera que sea y realice y lo que efectivamente es y puede hacer” (Vaillant, D., 2007). Esixímoslle ós docentes novas competencias, habilidades e actitudes máis complexas para que respondan ós cambios continuos que ocorren no noso día a día, sen dotalos da formación axeitada nas mesmas, ou mesmo do salario que merecerían e polo tanto a motivación que iría ligada ós mesmos compoñentes. Deste modo, voltamos ó que noutras entradas xa expuxen, a paradoxa que se atopa o profesorado actual.

            Doutra banda, no texto expóñense os rasgos da identidade no quefacer docente, de aí que se distinga entre a identidade docente positiva e a identidade docente negativa. Claramente e dende o meu punto de vista, os nosos profesores deberían posuír unha identidade docente positiva baseada no “cumplimiento del deseo propio de ser docente”, e polo tanto vinculado á ética e valores profesionais e persoais do mesmo profesor, desenvolvendo desta maneira prácticas educativas autónomas, innovadoras e reflexivas. Deste xeito, non se levarían á práctica profesional aquelas actividades que “refuerzan la identificación normativamente externa o la identidad atribuída”, é dicir, aquela identidade que os “outros” pensan do profesorado, construída en base ás experiencias doutros profesores pasados, ideoloxías ou a propia imaxe da sociedade de cara ó docente.

image

            Dende a miña óptica, se os nosos profesores desenvolveran esta identidade atribuída ou negativa, sempre estaríamos transmitindo os mesmos coñecementos ó alumnado, independentemente do contexto no que estivésemos inmersos reproduciríanse as mesmas tarefas educativas, os mesmos métodos e procedementos, e a valoración e o recoñecemento social do docente seguiría sendo a mesma ó longo dos anos, ó non mudar os seus quefaceres e aferrarse a esta identidade atribuída ou imposta xa dende anos atrás. Constatamos neste sentido como a educación que se transmitiría non se adecuaría ás realidades, ou ós cambios constantes que sofre a nosa sociedade da información e  da comunicación, e polo tanto as aprendizaxes do alumno serán pobres e ineficaces. Por todo isto, o docente non debe reterse só nesta identidade atribuída ou herdada, debe elaborar, como suxeito propio e único, a súa identidade persoal e profesional, diferente á dos demais e característica del.

            Finalmente, María Adelina Castañeda resalta no texto a importancia da identidade narrativa nos procesos de formación do profesorado. Os relatos de docentes establécense como un recurso moi enriquecedor para outros docentes, no sentido de fortificar a identidade positiva que describiamos anteriormente. Nestes relatos ofrécense experiencias doutros profesores, das que non tomaríamos constancia se non fora polos mesmos informes, deste modo, coñecemos como se desenvolveron outras prácticas pasadas, como se poñían en marcha as aprendizaxes, que costumes posuía un profesor determinado, etc. Elementos estes sometidos a análise por parte de profesores que se atopan nun proceso de formación continua, e que ven nestas narracións unha ferramenta de reflexión e crítica coas iniciativas que levaron a cabo, ou como instrumentos de identificación, polos que asentar prácticas e sentir confianza nos quefaceres que desplegan a diario.

            Sen máis, debo facer fincapé, na diversa terminoloxía que emprega a autora do texto que sometemos nesta entrada a escrutinio, “Identidades en proceso de formación”. Fálasenos de heteroformación e autoformación, de sentido de exterioridade e interioridade, de identidade “biográfica para los otros”, identidade de “relación para los otros”, de “relación para sí”, ou de “biográfica para sí”, de identidade positiva, de identidade negativa, atribuída ou herdada. Así, para rematar coido relevante sinalar que hai unha clara relación entre:

                                                       image

            Considero que existe unha relación precisa entre estes elementos, xa que cada un deles expón a importancia da formación da identidade docente mediante as funcións ou obrigas que se deben asumir dentro dun sistema totalmente instaurado, sen posibilidade de modificacións, reproducindo costumes herdadas, exteriores ó docente, non concibíndose o profesor como individuo único e autónomo, senón dependente dunha cultura xa establecida.

            Doutra banda, agrupamos o resto de termos, que perseguen uns ideais totalmente contrarios ou opostos ós anteriores:

                                                 image

            Neste senso, o que se promove é a construción da identidade a partires do propio individuo, do seu traballo autónomo e as súas experiencias persoais, o docente é tomado como un suxeito único, que reflexiona sobre as súas prácticas e pode modificalas e alteralas segundo o seu xuízo propio. O que se procura neste sentido é a autenticidade e o recoñecemento persoal.

            Para configurar unha identidade ideal docente é preciso conxugar ambas perspectivas, xa que se xeralizamos e homoxeneizamos as identidades docentes, estaríamos ante meras máquinas en vez de profesores, que transmiten aquilo que se lles é imposto, sen a posibilidade de mudar as obrigas que se lle antepoñen. Doutro lado, se o docente só se adica a desenvolver unha identidade que crea el só, sen tomar partido doutras, examinando ou compartindo as súas, deixará a un lado unha gran riqueza identitaria, xa que no intre no que colaboramos e compartimos coñecementos que conforman as nosas identidades, abrímola mente, comprendemos e tomamos constancia doutras prácticas ou quefaceres máis eficaces e significativos. Ante isto, e polo tanto, os docentes deben construír e reconstruír unha identidade positiva, na que sexan profesionais docentes con todo o que iso conleva (ser transmisores de coñecementos), pero tamén persoas con personalidade propia, ofrecendo ó alumnado prácticas innovadoras, orixinais e imaxinativas propias de cada persoa, non de todos os docentes, producíndose desta maneira e fomentando un xogo entre o profesional e o persoal.

 

BIBLIOGRAFÍA

Bolívar, A. (2007). La formación inicial del profesorado de secundaria y su identidad profesional. Estudios sobre educación, 12, pp. 13-30.

Castañeda, M.A. (2013). Identidades en proceso de formación. Cuadernos de Pedagogía, 436, pp. 14-17.

Vaillant, D. (2007). La identidad docente. I Congreso Internacional “Nuevas tendencias en la formación permanente del profesorado”. Celebrado en Barcelona do 5 ó 7 de setembro (Paper).