Análise do texto de Bolívar

 

 Na liña de profundización da identidade do profesorado, seguindo o consello da docente que nos está a servir como guía na materia Formación e Desenvolvemento Profesional do Profesorado, busquei o texto de Antonio Bolívar, catedrático da Facultade de Ciencias da Educación da Universidade de Granada,  titulado “A identidade profesional do profesorado: crise e reconstrución” publicado no ano 2006.

 Nesta obra, A. Bolívar céntrase nos resultados do traballo de investigación levado a cabo polo grupo de ‘Formación Centrada na Escola’ da Universidade de Granada. Dun modo rigoroso, académico, claro e directo, este autor mostra a situación de crise como consecuencia da ruptura entre a identidade dos docentes., identificando ós propios profesores como ‘vítimas do sistema’.  Dende a súa propia experiencia e a súa relación co profesorado de Secundaria, o autor fai un análise do momento que están a vivir estes profesionais e emprega o libro como unha expresión do compromiso ético dos docentes e intentar defender a profesión ante as inxustizas, falsos prexuízos e sesgos por parte da sociedade durante as últimas décadas.

 Na primeira parte desta obra é onde Bolívar ten como obxecto de estudo o concepto de identidade. Nun primeiro momento deseña o marco contextual e analiza este tema durante tres temas, delimita o concepto, a súa construción e a crise que esta a sufrir o profesorado da Educación Secundaria. O autor indaga e emprega bibliografía especializada no tema, así como autores clásicos como por exemplo Durkheim, do que destaca unha das citas máis expresivas sobre esta temática “un corpo docente sen fe pedagóxica, ven a ser un corpo sen alma”. 

 En relación a isto, Bolívar realiza unha crítica as reformas educativas elaboradas e postas en marcha no contexto español dende a década dos 80’. O autor relaciona o desgaste e a crise da identidade dos docentes coas leis que se foron desenvolvendo, incluso resalta este feito coa sátira de que os contidos a reformar esgótanse, xa que nas últimas reformas existen poucas novidades, fóra do que entendemos como competencias básicas. Denuncia que os propios docentes están cansos da politización da educación, de que os partidos políticos empreguen a Educación como un asunto do Estado que se cambia cada vez que cambia a cor dos gobernantes. Este feito vese reflectido en todo o contexto educativo: docentes, Institucións, alumnos e as familias. Bolívar insiste en afirmar a relación entre a “teoría da identidade profesional” e “as formas identitarias xeradas debido os cambios educativos”, tendo en conta que estas afirmacións son resultado dun coidadoso proceso de investigación.

 Posteriormente, describe de forma directa como se vive a crise do profesorados descrita polos propios profesionais. Mostra a metodoloxía da investigación que empregou para realizar a súa tese. Como ingredientes da identidade dos docentes identifica: a autoimaxe, o recoñecemento social, o grao de satisfacción, as relacións sociais na institución ou centro, a actitude fronte ó cambio, as competencias profesionais e as expectativas de futuro como profesionais. De xeito paralelo, o autor vai expoñendo detalladamente a maneira na que se forma a identidade profesional baseándose na experiencia, na historia profesional, na formación recibida e na crise de identidade.

 

 Partindo do comentado antes e seguindo o análise doutros autores como Xulián Arroyo, podemos ir expoñendo unha serie de ideas como conclusión ó exposto por Bolívar na súa obra.

 A posibilidade de que o modelo clásico de ensinanza estea caduco sen que xurdira un novo modelo que o poida substituír, debido a inexistencia de novas propostas, de que os modelo propostos non deron resultado ou foron neutralizados por diversos factores de resistencia. Bolívar afirma que na LOGSE si se propuxo algún modelo pero co paso do tempo foi perdendo forza debido a que as condicións non foron idóneas para o seu desenvolvemento ou porque requería modificar a organización dos Centros Educativos e das condicións de traballo dos docentes. En definitiva, o adecuado é realizar un reestructuración da identidade dos docentes que consiga interrelacionar o tradicional co novo e sexa capaz de respectar os contextos que van xurdindo e se van desenvolvendo.

 A necesidade de que a labor docente teña o recoñecemento social que se merece, algo que resulta realmente complicado pero é algo primordial. Actualmente todas as institucións están sendo cuestionadas e máis en períodos de crise. A sociedade centrase máis en conseguir cumprir obxectivo que nos procesos de nos valores sociais. Este pensamento economista provoca que pouco a pouco as institucións sexan analizadas como simples negocios dentro do noso contexto neoliberal. A educación nunca se debe entender neste sentido.

 A politización da Educación por parte do Goberno, vese reflectida claramente nas reformas educativas. Resulta inviable para a labor docente modificar a Lei Educativa segundo cambia a cor dos gobernantes. Esta situación é insoportable a nivel humano e profesional, o único que poden facer os profesionais da educación é adaptarse o mellor que podan. Se esta visión da educación non cambia dende a administración política preséntasenos un futuro escuro.

 Respecto a reconstrución da identidade docente, Bolívar establece propostas como a de “facer fronte a novos desafíos, con recursos cada vez máis limitados, agudiza a crise de identidade profesional”. Tamén manifesta outras ideas sobre esta temática como a formación para a reafirmación da identidade docentes, novos modelos de organización, pactos de cooperación coas familias e a integrarse no colectivo profesional.

 Outro dos apartados que debemos ter en conta é a referencia a diversas saídas: a formación para identidade profesional do ciclo de Secundaria, a dedicación ó Bacharelato, incentivar e recoñecer o traballo da profesión docentes e a xubilación dos docentes cunha traxectoria profesional extensa. A parte, engade novos roles que reduzan a crise de identidade actual.

 En definitiva, debemos ter sempre en conta que estes factores dependen dun conxunto de variables e que a solución para a crise actual na educación, tanto na identidade docente e como na propia visión da social desta, é complexa. Neste sentido debemos ter en conta o contexto sociocultural dos usuarios e das institucións educativas, os recursos dos que dispoñen e empregan, o clima da institución educativa, os valores morais dos docentes e alumnos e a independencia e autonomía dos propios centros.  

 

Fontes:

Bolivar, A. (2006). La identidad profesional del profesorado de secundaria: crisis y reconstrucción. Madrid: La Muralla.