¿É o noso sistema educativo un desastre?

Nesta entrada vou a reflexionar acerca do artigo “nuestro sistema educativo no es un desastre” de José María Esteve, o cal aporta argumentos para desmontar a imaxe catastrófica que políticos e medios de comunicación foron construíndo acerca do noso sistema educativo.

Ao longo da entrada vou facer alusión a distintos aspectos do artigo que me chamaron a atención e que é preciso abordar con maior detalle, tamén en base a miña percepción sobre o exposto

     1. Valoración que os políticos fan do sistema educativo.

En primeiro lugar, o documento fai referencia á valoración que os políticos fan do sistema educativo, calificando ao mesmo como catastrófico ou desastroso. Pero, que argumentos aportan para xustificar tal afirmación? Que valoración fan deses resultados?

Pois ben, a maioría das veces, para xustificar a súa postura recorren aos resultados de distintos informes como o PISA.  Sen embargo, estes informes valoran unicamente os resultados  que os alumnos obtiveron a través de “probas obxectivas” que avalían as competencias dos mesmos en determinadas áreas (matemática, lectura, ciencias), pero en ditos test non se teñen en conta outros factores que inflúen á hora de acadar determinados resultados, como sería o contexto no cal se ubica o centro, o entorno socioeconómico do mesmo ou os procesos a través dos cales os alumnos aprenderon os contidos sobre os cales se lles vai preguntar nesas probas. Polo tanto, crear unha imaxe desfavorable do sistema educativo en base a resultados descontextualizados carece de sentido e sería totalmente inadecuado, ao igual que non é axeitado establecer comparacións entre o sistema educativo actual e o sistema educativo dos adultos do presente, xa que as características de ambos momentos son diferentes e polo tanto o sistema educativo tampouco pode ser igual.

Ademais, tamén é importante indicar que moitas veces os políticos interpretan ditos resultados en función dos seus propios intereses, é dicir, en base aos resultados destes informes elaboran leis educativas para segundo eles, solucionar os problemas que afectan ao sistema educativo, máis as súas verdadeiras intencións están moi lonxe de lograr este cometido. Polo tanto, o principal fracaso do sistema educativo radica nas discrepancias existentes entre os partidos políticos acerca do que cada un entende polo que sería unha educación de calidade, adoptando como solución un cambio de leis educativas cada catro anos, que prexudica enormemente a educación e polo tanto o traballo do profesorado, poñéndolles trabas e dificultando a súa labor nas aulas. 

     2. Valoración do sistema educativo a través dos medios de comunicación.

Neste apartado vou facer referencia á imaxe que os medios de comunicación teñen do sistema educativo, posto que cando ocorre algo infrecuente nos centros de ensino téndese a publicar información sobre ese caso nos distintos medios de comunicación, co obxectivo de que sexa coñecido por toda a sociedade, e ademais se considere “representativo” do que ocorre no día a día nas aulas e polo tanto no sistema educativo en xeral.   

Ademais, en relación cos medios de comunicación é importante indicar que a información pode variar considerablemente duns xornais a outros. Isto é, os medios de comunicación transmiten á poboación o que eles “queren que vexamos”, a pesar de que a información que publiquen non se corresponda coa realidade, e sen embargo en base a iso xulgamos a labor dos docentes e creamos unha imaxe do sistema educativo a través de datos manipulados que nos foron dados. E isto sucede así porque os medios de comunicación obteñen maior rendemento económico a través de publicar información que resulta atractiva para a poboación, independentemente de que a información publicada ataque a labor dos profesionais da educación.

     3.  A imaxe do profesorado.

A través da imaxe catastrófica que nos queren transmitir, preténdese dalgún xeito atacar o papel que desenvolve o profesorado, cando realmente non somos conscientes do traballo que diariamente realizan estes profesionais cos estudantes.  


Gran labor do profesorado.

Pois ben, aínda que nos queiran transmitir unha imaxe negativa sobre a labor que desenvolve o profesorado, o certo é que nos últimos trinta anos se lograron avances significativos, e ditos avances débense ao esforzo e vontade de profesores aos que non se lles ofreceron os medios para realizar o seu traballo, como está acontecendo neste momento, pois recórtaselle o salario aos docentes, auméntanlles as horas lectivas ao igual que o número de alumnos por aula, co cal se está dificultando enormemente a labor dos mesmos, pero a pesar de todo isto, os docentes realizan igualmente o seu traballo, unha labor que merece un gran recoñecemento. 

Sen embargo, a pesar de que nos queiran convencer do contrario, o traballo dos docentes é recoñecido tanto polas familias como pola sociedade en xeral, alcanzado unha boa puntuación nas enquisas realizadas a ambos colectivos, puntuación que non alcanzan ningún dos nosos actuais políticos, xa que estes nin sequera rozan o aprobado.

Polo tanto, como conclusión de todo o exposto, indicar que aínda que os políticos e medios de comunicación manipulen a información e traten de desvalorizar o traballo dos docentes, o certo é que a poboación recoñece a gran labor que realizan estes profesionais. E aínda que é necesario repensar a educación e buscar métodos distintos aos que temos actualmente, moitos aspectos do sistema educativo non son de todo negativos, polo que non debemos deixarnos influenciar pola imaxe que queren transmitirnos e quedarnos cos avances que se lograron ao longo dos anos, como a escolarización plena dos nenos/as ou o a obrigatoriedade da educación secundaria.

 

 Bibliografía:

- Esteve, J.M. (2003). Nuestro sistema educativo no es un desastre. En Cuadernos de Pedagogía, 374, 12-16.