A elección de ser docente

Nas sesións de clase pasadas da materia “Formación e Desenvolvemento Profesional do Profesorado”, realizamos varios seminarios dividindo o noso grupo-clase, de tal modo que entre grupos analizásemos diversos textos que a profesora da materia Lourdes Montero nos achegaba. A continuación, cada portavoz do seminario expoñería en gran grupo en liñas xerais, o que se presentaba en cada texto en particular.

            Nesta entrada, encamiñareime a reflexionar sobre un dos textos, “La elección de ser docente”, dos autores Sandra Martínez Pérez e Luispe Gutiérrez, e que podemos acceder ó mesmo mediante o número 436 da revista Cuadernos de Pedagogía.

image

            Este texto, pareceume de gran interese, sen dúbida, feito polo cal desexo traballar nel profundamente. Amoso este gran interese polo mesmo, porque eu sempre tiven a ilusión de ser mestra ou profesora algún día non moi lonxano. Gústanme os desafíos, adoro os riscos, e qué mellor maneira de levar estes meus desexos á práctica que desempeñando a profesión de docente? Preguntarédesvos de porque creo que a profesión docente é unha labor arriscada. Pois ben, penso que é arriscada no sentido de que ó profesor ten que desplegar unha tarefa moi complicada, no sentido de educar correcta e adecuadamente ás futuras xeracións de persoas que conformarán as sociedades. É onde o profesor, co apoio das familias, e en xeral, da sociedade, o que lle corresponde transmitir uns valores axeitados e uns coñecementos de base para que os alumnos se desenvolvan como persoas. Non vos semella que isto é un tanto difícil na sociedade na que estamos inmersos de cambios continuos na que aparecen novas e novas dificultades cada día no ámbito educativo no que respecta tanto ás leis que se impoñen dende o goberno, como ás novas problemáticas que lle xorden a cada neno en particular e das que descoñecemos cales poderán ser as solucións? Sinceramente, dende o meu punto de vista, isto é unha gran labor, sempre que se desenvolva apropiadamente.

            As autoras do texto que estudamos expóñennos que o oficio de mestre está marcado pola:

  • Vocación
  • Motivación
  • Influencia de algunha figura próxima a nós
  • Contactos coa ensinanza a nivel persoal
  • Amor ou paixón de cara ós nenos

            Ante isto, coido conveniente reterme en cada un dos puntos brevemente. A vocación, esa “chamada interior” de cadaquén a realizar algunha tarefa en concreto, ese desexo e ansia de desempeñar unha profesión determinada. Xa tratei noutra entrada todo o que conleva o termo de vocación. Un mestre ou profesor non desplegará boas prácticas educativas co seu alumnado se non posúe de por si unha vocación de cara ó seu traballo? Como xa expuxen nesta entrada que vos indico, isto non é así, o seu humano é un ser educable en todos os sentidos, polo que pode ser educado en prácticas totalmente favorecedoras para a aprendizaxe dos nenos, sen falta de posuír esa vocación, ese interese “innato”.

            Non estou de acordo co que se presenta no texto, coas argumentacións de Jon, “yo creo que mucha gente se apunta a Magisterio sin vocación, y eso si que es un fallo del sistema”. Considero que non todos os docentes deben ter vocación para este oficio, o que fai falla é saber, e saber desenvolver ese saber, o como, para que as aprendizaxes que se promovan sexan completamente eficaces, a vocación pode ou non pode existir no profesorado. É un elemento que, segundo o meu punto de vista axudará  a motivar ó docente e polo tanto a que este realice mellor as súas prácticas, e noutro sentido, a vocación non servirá nin axudará se non se posúen os coñecementos precisos propios da profesión. Pode existir moita vocación e desenvolver fatalmente a tarefa de educar ó non posuír uns bos alicerces de coñecementos pedagóxicos.

            Tamén se fala no texto do termo de vocación tardía. Porén non considero semellante posuír unha vocación clara dende uns inicios de cara á profesión docente e unha vocación máis tardía. É dicir, creo que a vocación tardía, é unha vocación totalmente real, non tanto como “innata” á persoa, xa que é froito dunha reflexión profunda, dar un xiro radical á labor que desempeñabas día a día noutro eido, supón tomar unha decisión relevante baseada no razoar, e no replantearse todo tipo de aspectos de cara a esta profesión.

            Outro punto que citamos anteriormente é a influencia dese “outro”, tanto sexa un familiar ou un profesor ou mestre  que supuxo unha referencia e un apoio importante para unha persoa. Pero, dende a miña maneira de ollar, séguese mediante esa referencia ó “outro” unha pauta de imitación ó mesmo? Realmente nos paramos a reflexionar sobre o que supón ser docente, ou continuamos con ese ideal que adquirimos sobre ese “outro” para ser nós o día de mañá coma el? Imitación ou reflexión sobre as prácticas que levaremos  a cabo? Considero que a importancia radica na reflexión, que é onde se producirá a guía pola que fundamentemos as nosas prácticas educativas e pedagóxicas, toma de constancia da realidade, das circunstancias e condicións reais da educación e do alumnado ó que pretendemos educar.

image

            A paixón polos nenos, só farei unha pregunta: de que nos serve que nos encante estar cos nenos se descoñecemos todos aqueles principios e valores que é necesario ensinarlles nunha sociedade e contexto determinados e non sabemos como facelo? É que só algúns dos nosos mestres conciben esta profesión a partir dun carácter practicamente asistencial? A resposta desgraciadamente só a podo atopar mediante a miña experiencia, xa que non existe moita bibliografía referente a esta cuestión, aquí destaco a importancia que posuiría realizar un estudo de caso sobre isto.

            Dende a miña perspectiva, en moitos casos, os mestres da Educación Infantil (EI) realizan unha función máis asistencialista que educativa. Poño como exemplo o mesmo que nos presentou a profesora Mar Lorenzo Moledo nunha das súas sesións de clase da materia “Pedagoxía Laboral”:

            - Un neno nunha clase do derradeiro ciclo de EI ten piollos, feito polo cal se rasca moito a cabeza. A mestra está desenvolvendo o tema dos valores nesa sesión, non discriminar ós xitanos, ás persoas que proveñen de outros países subdesenvolvidos como África, etc. Porén, a mestra separa a este pobre alumno do resto da clase, alonxándoo do grupo-clase para unha esquina, e explicando os nenos que non se acerquen a este, porque ten piollos.

Que sacan os nenos disto? Que tipo de valores lles está transmitindo a mestra? De que nos serve que a mestra teña amor ós nenos, se realmente está desenvolvendo mal as súas prácticas educativas? Neste senso e ante isto extraio de Meirieu (2007) a seguinte cita: “se ha impuesto un imaginario colectivo que una persona se hace maestra por que le gustan los niños y se hace profesor de matemáticas porque le gustan las matemámticas”. Se ó profesor de matemáticas lle gusta máis a disciplina das matemáticas que o feito de ser profesor, con toda a carga que iso supón, que desempeñe a profesión de matemático. Aínda que aquí, temos que aludir a que moitos profesores da Educación Secundaria (ESO) son profesores ó non ter un futuro laboral prometedor nas súas carreiras, e polo tanto escollen a opción que eles consideran máis “sinxela”, ser profesor, pero este xa é outro tema. “Los estudiantes de historia se definen a sí mismos como futuros historiadores, no como futuros profesores de historia. Al acabar sus estudios, si tienen éxito, se dedican a la investigación histórica; mientras que, debido a la formación inicial que reciben, la enseñanza en la secundaria sólo es percibida como una alternativa de segundo orden: un fastidio lamentable para escapar al paro” (Esteve, J.M., 1997). Do mesmo modo, a unha mestra non lle teñen que gustar os nenos, como se indica, este aspecto non é fundamental á hora de desenvolver a profesión, pero éo o feito de posuír uns coñecementos básicos sobre como educar e que coñecementos transmitir, ó igual do que sucede con todo o profesorado, xa sexa de Educación Primaria, de ESO, de Bacharelato, da Universidade ou da Educación de Adultos, por exemplo.

            Dende o meu modo de ollar, o aspecto máis importante que hai que ter en conta á hora de elixir realizar o grao de Maxisterio e consecuentemente ser docente, é a reflexión sobre a profesión, o que supoñerá para un, a importancia que posuirán unhas prácticas educativas e pedagóxicas determinadas para a influencia no desenvolvemento correcto dos valores da sociedade, a relevancia de traballar con persoas e o dano que podemos causar. Xa no lo sinala claramente Bullough (2000), en tanto que ser profesor é calquera cousa, menos unha materia de estudo sinxela. Os intereses económicos ou sociais deben quedar nun segundo plano, exaltando o interese de educar correctamente, de modo contrario sucede na nosa sociedade, na que máis que nunca se desenvolven uns valores totalmente pésimos: egoísmo, individualismo, desconexión da realidade, carencia de compromiso e responsabilidade, etc. É por iso que o docente debe ser unha persoa realmente competente,coa finalidade de tornar esta realidade.

image

            Outro elemento importante é a motivación, sen motivación non existirá esa ansia de mellorar, de optimizar as prácticas educativas, esa autocrítica ó que desenvolvemos. Feito polo cal reflexión e motivación, dende o meu modo de ver, son dous aspectos fundamentais nas tarefas docentes. Todos os demais que indicamos anteriormente (vocación, influencia de algunha figura próxima a nós, contactos coa ensinanza a nivel persoal, amor ou paixón de cara ós nenos), poden axudar de maneira positiva para que o mestre ou profesor desplegue a súa labor, e se encamiñe cara o educar, porén, todos eles deben partir da toma de decisión de ser docente a partires dunha reflexión sobre os pros e contras da profesión, sobre a súa valía, os seus coñecementos, e finalmente, a toma de constancia real do que supón ser mestre.

 

BIBLIOGRAFÍA

 

Esteve, J.M. (1997). La formación inicial de los profesores de secundaria. Barcelona: Ariel.

Martínez Pérez, S. e Gutiérrez, L. (2013). La elección de ser docente. Cuadernos de Pedagogía, 436, pp. 22-25.