A formación inicial do profesorado

Nas sesións de clase pasadas da materia “Formación e Desenvolvemento Profesional do Profesorado”, realizamos varios seminarios dividindo o noso grupo-clase, de tal modo que entre grupos analizásemos diversos textos que a profesora da materia Lourdes Montero nos achegaba. A continuación, cada portavoz do seminario expoñería en gran grupo en liñas xerais, o que se presentaba en cada texto en particular.

            Nesta entrada, encamiñareime a reflexionar sobre un dos textos, “Formación inicial: entre a teoría e a práctica”, dos autores Fernando Herraiz García e Sandra Martínez Pérez, e que podemos acceder ó mesmo mediante o número 436 da revista Cuadernos de Pedagogía.

            A través do texto déixasenos constancia das diversas perspectivas que posúen os alumnos de Maxisterio sobre o seu paso pola universidade e a súa entrada profesional como mestres na escola. O que lles supuxo a universidade, as prácticas que realizaron durante o grao, así como a súa posterior inserción profesional como mestres, como conciben as clases teóricas, como conciben as prácticas realizadas, o que botan en falta na universidade, son aspectos que desenvolveremos e nos que nos reteremos a reflexionar na presente entrada.

image

            Tal como os autores deste monográfico nos comentan ó longo da introdución do dito texto, a universidade é aquel “espacio de crecimiento personal y de crecimiento”. Coido relevante pararnos neste senso, xa que, isto quere dicir que é un espazo no que se fomentan as nosas aprendizaxes, construímos o noso coñecemento persoal en base a toda aqueles elementos teóricos que se nos van transmitindo no decorrer de cada materia do plan de estudos, elementos teóricos fundamentais para o noso futuro, elementos que guiarán a nosa práctica próxima profesional. Pero non nos quedemos con que na universidade só se logra unha parte teórica dos coñecementos, dende o meu punto de vista, tamén hai coñecementos que podemos levar á práctica, todo depende, creo, do compromiso e responsabilidade que o alumnado poña de levar os coñecementos a prácticas, quero dicir, non podemos culpabilizar sempre (aínda que poderían mellorar as súas accións a este respecto) ós nosos profesores de que nos impartan meras clases expositivas, sen que existan apenas sesións de clase interactivas nas que non se desenvolven apenas prácticas significativas coas que interiorizar os coñecementos, nin podemos responsabilizar tampouco ás políticas educativas que son as encargadas de plantear un período de prácticas nuns determinados tempos no grao de Maxisterio. Se nos poñemos a reivindicar, podemos reivindicar moitos sucesos, porque considero que sempre se poden mellorar e optimizar moitos aspectos dalgunha cuestión, porén, cos coñecementos que adquirimos sempre podemos reflexionar sobre eles, nós, os alumnos, como un compromiso e interese propio, por como encamiñar esa teórica á práctica, como facelo, non poderemos experimentar a práctica, pero si poderemos visualizalo, poderemos prever posibles erros mediante esa visualización.

            Logo de establecer esta reflexión persoal inicial acerca dese tan cuestionado desequilibrio entre teoría e práctica na universidade que moitos ansían se converta nun equilibrio total, vamos a examinar por unha banda o que os autores deste monográfico expoñen baixo o título “miradas críticas de desencanto” e, por outra banda, “miradas cómplices y valoraciones positivas”. 

            Mediante o apartado de “miradas críticas de desencanto” tomamos constancia do pensamento de moitos mestres “desencantados” coa formación adquirida na universidade. Argumentos como “una cosa es saber inglés y otra es enseñar inglés”, “realmente cuando aprendes es cuando estás en la clase, cuando tienes unos años de experiencia” son os que poñen en tela de xuízo a distancia existente entre os coñecementos académicos que se brindan na universidade e os coñecementos laborais que ese precisan á hora de impartir unha sesión de clase cos alumnos.

            Estou de acordo con estes argumentos, sobre todo co primeiro, así considero que existe un problema de fondo, o profesor de universidade non ten que ensinar inglés, ese é un coñecemento básico que calquera alumno de universidade xa debe posuír ó ser unha lingua hexemónica no noso mundo. Porén, hai que reterse a reflexionar no que supón ensinar inglés, como ensinalo, baixo que criterios, baixo que pautas e procedementos, que principios empregaríamos, que metodoloxía ó fin e ó cabo, disto o profesor da universidade debería entregar os coñecementos precisos, feito polo cal, senón os entrega estaría cometendo un erro enorme, neste caso, dende o meu punto de vista, xa que non estaríamos ante un grao de Maxisterio, senón de Filoloxía Inglesa.

            Doutra banda, non me atopo tan de acordo co segundo comentario, non creo que se aprenda realmente só cando estás realizando a práctica laboral, cando te estás desenvolvendo como profesional na escola. A universidade proporciónache e transmite uns coñecementos, unha teórica, que senón  a aprendes e interiorizas dificilmente saberás como desenvolver a túa práctica como mestra. Está claro que podes levar a cabo unha práctica que consideres oportuna baixo o teu punto de vista, pero esta estará encerrando unha teoría, en verbas de Lourdes Montero, “toda práctica encierra una teoría”. Podemos teorizar, poden existir múltiples teorías, podemos construír teorías, moitas delas igual non teñen a súa consecución na práctica, porén, cada práctica leva aparellada unha teoría implícita á mesma. Así, coido que é importante destacar a bidireccionalidade entre teoría e práctica:

                                                    image

            Esta imaxe da dereita é segundo o meu modo de ver, totalmente clarificadora do que estou a expoñer. A partires da teoría poñemos en marcha proxectos significativos, que unha vez levados á práctica xorden dos mesmos novas ideas e novo coñecemento, froito de necesidades e erros que se van descubrindo, e que polo tanto volven redescubrir unha nova teoría, mellor, máis óptima que a anterior, e así sucesivamente, “as teorías constrúense e reconstrúense”.

                                                              image

            Sinalar o feito de que, unha práctica por si soa se volve rutinaria, senón realizamos unha autocrítica da mesma, sempre permanecerá intacta, sempre será a mesma, precísase dunha reflexión da mesma, concretada nunha teoría. A isto hai que engadir que non debemos menosvalorizar á práctica, xa que esta implica a acción, é enormemente valiosa, a través da mesma manifestarase se a teoría que seguimos é ou non eficaz.

            Deste modo, expoñemos este vídeo, que ten por protagonistas a dúas mestras que nos presentan o tan controvertido tema da relación entre teoría e práctica:

                                                

            Comentar outro argumento do texto proporcionado por outra alumna, que sen dúbida é importantísimo dende o meu punto de vista: “hay asignaturas que se tienen que cambiar porque si las escuelas cambian y la sociedad cambia, las asignaturas también tendrán que cambiar”. Non me podo atopar máis acorde con esta afirmación, na época de cambios sucesivos na que nos encontramos, os mestres máis que nunca deben posuír e deben poder acceder a unha formación actualizada, que responda ás demandas de formación actuais, a profesión docente é unha profesión complexa, o seu obxecto de estudo son persoas, son estudantes, polo que debemos afondar no que supón actualizarse, incluso anticiparse ás futuras demandas da poboación inmersa nunha sociedade da información e da comunicación. Dar as pautas básicas e necesarias que os alumnos de Maxisterio deben seguir e ter claras á hora de desenvolver unha profesión tan importante para a nosa poboación.

            Outro título que se nos amosa no monográfico é “miradas cómplices y valoraciones positivas”. Neste sentido, amósasenos a importancia das metodoloxías que empregan algúns dos profesores de universidade cos seus alumnos, metodoloxías nas que ese establecen relacións precisas entre a teoría e a práctica, “tenía que encontrar conexiones entre el libro que quisiéramos y nuestra vida real”, metodoloxías completamente activas que favorecen a interiorización dos coñecementos e a toma de constancia dos mesmos. Tamén a través desta sección se pon o til na motivación, na relevancia da mesma, como moitos profesores axudan incondicionalmente ós seus alumnos, “más allá del currículo”, mediante a relación de mentoría ou a titorización das prácticas, como animan, prestan unha real atención ó alumnado, unha atención á diversidade, ás dificultades particulares de cada un. Nestes aspectos son nos que reparan algúns alumnos de Maxisterio, aspectos que reforzan as súas prácticas, e ollando deste modo, un real equilibrio entre teoría e práctica.

image

En definitiva, constatamos a notable existencia de dúas perspectivas claves ben contrarias, esa que deixa ver a total inexistencia dun equilibrio na teoría e a práctica que se desenvolve na formación da universidade, e aquela outra postura referida ó verdadeiro equilibrio. Con cal nos quedamos nós?

            Como xa presentei ó comezo da entrada considero que nós, como alumnos,  podemos fundar unha práctica (visualizada, e non experimentala en moitos casos) pero ó fin e ó cabo, podemos levala a cabo mediante unha teórica. Creo que a importancia radica no coñecemento, no saber correcto que nos deben transmitir os profesores da universidade. A universidade pon a base dos coñecementos dos mestres, os seus alicerces, é a formación inicial que adquiren, polo que, dende a miña maneira de ollar, é na universidade onde se debe impartir o saber fundamental, aquel saber que fundamentará unhas prácticas que serán futuras. Se a universidade se adica a fomentar e desenvolver prácticas en todos os anos do grao de Maxisterio, máis que transmitir uns coñecementos, as prácticas que os alumnos levarán a cabo, aventúrome a dicir que non serán moi produtivas e eficaces, no sentido de que cometerán moitos erros ó non guiarse por unha teoría determinada. A universidade non pode realizar toda a labor, entregar os coñecementos, e entregar todas as prácticas, non ten a capacidade nin a solución a todas as problemáticas que se poidan dar na práctica, a todas as problemáticas que nos xurdan no noso posto profesional, o principal é que nos dea esa base teórica, e os mestres mediante a mesma e as súas experiencias desenvolvan o que máis se adecúe e aproxime ás súas reflexións sobre prácticas educativas frutíferas.

 

BIBLIOGRAFÍA

Herraiz, F. e Martínez Pérez, S. (2013). Formación inicial: entre la teoría y la práctica. Cuadernos de Pedagogía, 436, pp. 46-49