Reflexións sesión do Mércores 13 de Novembro de 2013

Reflexións sesión do Mércores 13 de Novembro de 2013

 

Durante esta sesión primeiramente Lourdes fixo un “Thinking aloud” sobre o currículo e logo cada un de nós aportou as súas ideas e reflexións acerca dos contidos presentados por Lourdes. O desenvolvemento desta sesión coas aportacións de cada un de nós podédelo ver no arquivo “Diario Mércores 13 de Novembro de 2013” no link que aparece a continuación:

http://stellae.usc.es/red/file/view/46580/diario-mrcores-13-de-novembro-de-2013

A continuación gustaríame reflexionar sobre distintas cuestións xurdidas nesta sesión de clase. Falouse da,…

  • AVALIACIÓN

En relación a isto destacouse o feito de que xeralmente seguen a utilizarse os exames para avaliar aos rapaces sen ter en conta os valores como a participación, a colaboración,… cando estes tamén teñen moita importancia.

Eu estou moi de acordo con esta afirmación xa que realmente non podemos esquecer que a escola debe educar e formar e, neste senso, é moi importante concienciar e educar aos rapaces nos chamados valores positivos: que vexan a importancia da colaboración, que xuntos conseguen máis que sos, da participación, das vantaxes de compartir con outros, da axuda, do respecto, da paz, a tolerancia, etc. Dende o meu punto de vista ensinarlle aos rapaces estes valores é tan ou máis importante que transmitirlle contidos acabados xa que de nada serve transmitir coñecementos se, no día de mañá, nos convertemos en “buitres” que non sabemos como actuar ante o mundo nin como comportarnos ante diversas situacións, en definitiva, como enfrontarnos ao mundo e a sociedade na que estamos inmersos.

 

  • PAIS/NAIS e COMPETITIVIDADE

Isto conlevou a falar no debate dos pais/nais xa que moitas veces son eles os que lle piden á escola unha nota e mesmo alardean desa “boa” nota dos fillos/as ante os seus amigos/as creando polo tanto certa competitividade e rivalidade que lle transmiten aos fillos/as os cales, en moitas ocasións, acaban tamén rivalizando no académico e mesmo pedíndolle a mestra notas para logo comparalas co resto dos compañeiros e dicirlle “eu son máis listo ca ti”

Na miña opinión moitos pais esquécense da importancia da avaliación continua, das reunións constantes co titor/a para ver o progreso do escolar e reclámanlle a escola que lle ensinen ao seu fillo/a o “saber”, os “contidos” relegando a un segundo plano, polo tanto, os valores. Eu creo que realmente na sociedade non se é consciente da importancia que ten a escola e do realmente relevante que é a ensinanza dos valores e da aprendizaxe de contidos de maneira comprensiva, intentando producir aprendizaxes significativas e, por este motivo, priman o que é máis inmediato ou o que eles así o observan “que o seu fillo aprenda un parágrafo para eles é sinal de que van polo bo camiño, cando realmente se o aprenden de memoria, ao que pase pouco tempo esquecerano nin tampouco o saberán aplicar na súa vida diaria”. Por este motivo considero que é necesario inculcar a sociedade isto pero,…

¿cómo o vamos facer se nin sequera as políticas da actualidade nos apoian nestes formulamentos, neste cambio de miras, de horizontes cara a mellora?

Pois eu creo que isto se pode facer con resultados, con probas, ensinarlle aos pais semanalmente o progreso do seu fillo/a a través de diarios ou de rexistros, que poidan ver que é o que está aprendendo e a importancia diso, que non estean a marxe da escola. Indirectamente estou a falar da colaboración entre a familia e a escola, peza clave para que haxa unha unión e, como di o dito, a unión fai a forza, a forza para que pouco a pouco logremos un cambio cara a mellora e non cara os tempos de antes.

Isto require tempo a maiores por parte do profesorado, compromiso pola súa labor e tamén por parte dos pais.   

 

  • DAS ESIXENCIAS DA ADMINISTRACIÓN

Tamén falamos do currículo de Educación Primaria e do de Educación Infantil. Dos obxectivos e esixencias, na maioría dos casos, inalcanzables que nos pide a Administración, sobre todo aos de Educación Primaria.

Bea comentaba que normalmente os mestres de Educación Infantil estaban máis abertos ao cambio e a “experimentar” con diversas metodoloxías, actividades dinámicas porque o seu currículo non era tan específico nin determinaba todo. Pareceume unha boa reflexión e estou de acordo con ela xa que, pola miña propia experiencia durante os períodos de Practicum da Diplomatura en Mestre de Educación Primaria, as dúas mestras coas que estiven trataban de ser innovadoras e de producir nos seus alumnos auténticas aprendizaxes significativas, con clases máis dinámicas pero sempre tiñan que estar moi agobiadas cos temas do tempo e todos os contidos que lles esixían dar. Para elas era autenticamente imposible conseguir dar todo o temario en exclusividade e que iso se traducise en aprendizaxes “eficaces” nos seus alumnos/as.

Unha solución a este respecto? Un currículo máis aberto, onde tivera máis cabida o mestre, deixándolle máis espazo para decidir. Aínda que,….iso non está nas nosas mans e na actualidade as políticas educativas aínda priman por dotar de máis peso a Administración para decidir.

 

  • INDIVIDUALISMO

Nesta sesión e xa tamén noutras saíu o tema do individualismo. Moitos mestres seguen a traballar sos, encérranse na súa aula e non deixar que ninguén se entremeta nela ou no seu traballo.

Por que sucede isto?

Eu considero que moitas veces provén do medo, da inseguridade porque a profesión de mestre está moi castigada pola sociedade, é como se todo se puidese cuestionar e criticar, cómo se nada estivera ben feito e todas as culpas recaeran neles. Se ben é certo que hai unha parte do profesorado que pode seguir cunha metodoloxía máis tradicional e transmitindo aprendizaxes memorísticas eu mesma tiven que escoitar críticas a mestres precisamente por promover aprendizaxes significativas. Entón, que é o que queremos? Realmente os pais e a sociedade de hoxe en día terá isto claro? Hai moita confusión, segue habendo esa concepción de que os mestres viven moi ben, teñen vacacións, traballan moitos só polas mañás de luns a venres, etc sen pararse a pensar no traballo que non se ve e que tamén se fai.

 

  • DAS CLASES PARTICULARES

No debate tamén se falou das clases particulares e xerouse controversia entre os que están a favor delas e os que consideran que nenos/as tan pequenos non deben asistir a estas clases. A miña balanza inclínase cara os que priman as clases particulares. Para min, se un neno/a posúe dificultades hai que actuar canto antes e non deixar que o problema ou dificultades se agraven. Iso si, considero que ten que haber unha conexión, unha colaboración entre o mestre da aula ordinaria e o mestre das clases particulares, estes deben traballar conxuntamente cara un mesmo obxectivo: a mellora do neno/a dando os mesmos contidos.

 

 Ata aquí a miña reflexión sobre esta sesión de clase para o meu parecer moi boa xa que fixo que reflexionásemos sobre distintas cousas do ámbito educativo moi relevantes afondando sobre os tabús que a sociedade ten entorno aos mestres, das esixencias da Administración, da competitividade e o individualismo entre outros. De novo volve estar moi presente a colaboración entre os diversos axentes, un factor esencial de cara a camiñar cara unha mellora.