O ensino, unha profesión paradóxica

Despois de haber analizado distintos artigos e documentos a tenor da profesión docente, creo que é o momento indicado de analizar o proceso de ensinanza na Sociedade do Coñecemento.

Para abordar este eido, empregarei o libro Enseñar en la sociedad del conocimiento de Andy Hargreaves.

Debo comezar cunha referencia ao título deste artigo, Por que é a ensinanza unha profesión paradóxica?

Ante isto só podo responder facendo mención a dous extractos deste capítulo, nos cales se observa claramente a problemática a que está exposta a profesión.

“… Espérase dos docentes, máis que de calquera outra profesión, que constrúan comunidades de aprendizaxe, que creen a sociedade do coñecemento e que desenvolvan as capacidades para a innovación, a flexibilidade e o compromiso co cambio que son esenciais para a prosperidade económica”

“Ao mesmo tempo, espérase tamén que mitiguen e contrarresten moitos dos inmensos problemas que crean as sociedades do coñecemento, tales como un consumismo excesivo, unha perda do sentido de comunidade e a ampliación das brechas entre ricos e pobres. En certo modo, os docentes deben apañarse para acadar á vez estes obxectivos, aparentemente contraditorios.”

Neste sentido pídese aos docentes que se formen para transmitir os coñecementos, así como que estes aprendizaxes estean adaptados á sociedade que nos tocou vivir, aos cambios continuos que experimentamos e como non, que respondan o seu papel activo no proceso de ensinanza. Pero aínda que se di que os docentes son clave neste proceso de ensinanza na sociedade do coñecemento, existen grupos que desvalorizan a profesión docente.

Pero cal era o papel dos docentes antes da sociedade do coñecemento?

Dende a aparición e expansión da escolarización a educación foi entendida como un modo de “salvar a sociedade”. As expectativas da educación sempre foron moi altas, sendo entendida como unha inversión necesaria para o progreso da humanidade e en consecuencia da sociedade. Neste momento o docente era recoñecido como un profesional autónomo, xa que tiña unha formación e era capaz de ter liberdade na realización do seu traballo. Con todo debo indicar que a innovación nestes profesionais non estaba presente, senón que máis ben eran os encargados de transmitir os coñecementos que se habían ensinando durante anos. Presentaba unha continuidade na ensinanza. Este feito provocou que se esténdese no ideario da sociedade unha figura dun profesor tradicional, entendendo que esta maneira de ensinar era o único modelo posible.

Pero este período pronto chega ao seu fin, será coa crise de 1973, entre outros factores que a educación comece a verse como un problema e non como unha solución, motivado en moitos casos polo pesimismo que xeraba a educación como axente de cambio social. Ante esta situación os docentes son os que teñen a culpa da maioría dos males que ten a educación. Así mesmo os gobernos comezan a influír notablemente en materia educativa.

Non será ata partir dos 90 cando se comece a notar nos profesionais da ensinanza un proceso de desprofesionalización, motivado pola gran esixencia de traballo, renovación ou o aumento da burocratización. A todo isto debemos engadir a introdución de probas internacionais que comparan os resultados educativos, ou ben os sistemas educativos en si de distintos países.

Que ocorre coa entrada da sociedade do coñecemento?

Neste senso, coa entrada da chamada sociedade do coñecemento a educación comeza a revivir de entre as cinzas. O coñecemento é visto como un aspecto clave nos individuos desta sociedade, e o modo máis claro de acceder a el é a escola. Aquí debo indicar que nos atopamos nunha sociedade na que temos información a raudais, e isto implica a necesidade de coñecer e saber traballar con ela. Atendendo a isto, a escola e os docentes son axentes claves nestes aprendizaxes.

Vivimos nun mundo globalizado onde a información nos entra por diversos canais e nos que se necesita de individuos creativos, reflexivos e renovadores, que se adapten aos cambios e que sexan conscientes da necesidade dun aprendizaxe acorde con eles. Neste senso, estamos a definir en liñas xerais o que debería reflectir un docente na sociedade do coñecemento. Unha sociedade que se entende a través de tres dimensión básicas:

  1. Esfera educativa, técnica e científica”
  2. “Implica modos complexos de proceso e circulación do coñecemento e información nunha economía baseada nos servizos.”
  3. “Trae consigo cambios básicos no modo de funcionamento das empresas e organizacións para promover a innovación continua de produtos e servizos, mediante a creación de sistemas, equipos  e culturas que leven ao máximo as oportunidades para o aprendizaxe mutuo e espontáneo”

Por tanto, a sociedade do coñecemento pode entenderse como unha sociedade de aprendizaxe. Na cal o valor dos coñecementos está en auxe, como forma de progreso. Neste sentido volve a incidirse na necesidade de investir en educación, entendida como o xerme do progreso na sociedade actual. Neste sentido toda sociedade actual debería potenciar un sistema educativo público no cal se fomenten e se invista no aprendizaxe e formación das xeracións presentes e futuras. Neste sentido escola debe reformularse e ser consciente da necesidade de adaptarse ao momento que lle tocou vivir. Atendo a isto, un feito clave no ensino actual atoparíase no desenvolvemento de capacidade, como a creatividade, e non tanto na transmisión de contidos. Así mesmo un dos feitos onde se debe incidir e no fomento do valor da educación ao longo da vida, valor que debería ser intrínseco á sociedade.

Pero que tipo de docente será o encargado de levar a cabo a tarefa de ensinar?

Para poder dar resposta a anterior cuestión é preciso volver facer mención a Andy Hargreaves é a súa reflexión sobre o tipo de docentes que se atopan na sociedade do coñecemento.

Neste sentido, o autor distingue entre tres tipos de profesionais.

  • Catalizadores da sociedade do coñecemento: Estamos a falar daquel docente que promove un aprendizaxe cognitivo profundo, que ten en conta o currículum, pero que se adapta e integra no seu proceso de ensinanza aqueles aspectos necesarios para a sociedade do coñecemento. É innovador, atende a un perfil profesional que ve na formación permanente a clave da súa profesión, así como da súa actualización e renovación. Non desenvolve o seu traballo de forma autónoma senón que ten en conta o traballo cos compañeiros, feito clave na formación da súa identidade profesional. Acolle a formación do alumno como unha responsabilidade compartida entre a familia e a escola. Entende e defende a necesidade de desenvolver unha intelixencia colectiva, así como defende a necesidade de construír nos suxeitos a capacidade para adaptarse e interiorizar os cambios. Por último, promove a confianza no proceso de ensino- aprendizaxe.
  • Contrapuntos: O docente contrapunto, é aquel que se compromete cun desenvolvemento profesional e persoal continuo, así como fomentar o traballo colaborativo. Ademais entende que o labor do docente debe estar relacionado coas familias e coa comunidade, cree na idea dunha identidade cosmopolita. Considera necesario construír a comprensión emocional, mais cree pertinente preservar a continuidade nos procesos para deste xeito manter a seguridade. Por último promove a confianza nas persoas.
  • Vítimas: Son aqueles docentes que preparan para a memorización de aprendizaxes estandarizados. Levan a cabo un proceso de ensinanza igual que o que aprenderon. A súa formación permanente está centrada nas prioridade da administración educativa. Traballa de forma autónoma, e considera que as familias só realizan queixas. Non aposta polos cambios e normalmente atópase emocionalmente cansado, en gran parte debido a súa inseguridade e desconfianza.

Que docente buscamos na sociedade do coñecemento?

Un docente catalizador que crea na creatividade, na flexibilidade, na importancia da resolución de problemas, na intelixencia colectiva, na confianza profesional, na asunción de riscos (os cales son producidos polos cambios)e na mellora continua, é o docente do s. XXI. Un docente consciente das necesidades que presente a sociedade actual e que sabe unir na súa intervención todos os aspectos necesarios para contribuír á mellor formación dos seus alumnos.

Debemos incidir e que nunha sociedade global na cal se deben fomentar valores humanos o papel do docente contrapunto non está afastado das necesidades que se formulan na sociedade. Dende este punto de vista, sería o encargado de afondar na conciencia da persoa nos valores de democracia, entendendo que non só se transmiten coñecementos senón que tamén se debe incidir no ámbito social. Educar tendo en conta este precepto, incide na idea de comunidade, inclusión, integridade, comprensión ou democracia.

Pero aínda que os docentes intenten abordar estes temas a sociedade na que vivimos provoca a introdución dun novo tipo de docente como vítima. Neste senso, o docente debe dar resposta aos niveis curriculares que se lle marcan, debe “producir” alumnos que dean os resultados desexados nos test estandarizados, así mesmo, non dispón de suficiente tempo para poder traballar de forma colectiva, xa que a burocratización do seu traballo lle ocupa moito tempo. Ademais ser continuamente desprestixiada a túa profesión implica que o teu traballo se vexa afectado e en moitos casos non sexas capaz de dar resposta ás necesidades que se aprecian.

Por tanto, cal é o tipo de docente ao que nos enfrontamos neste momento?


tipos de docentes

 

Sen dúbida atopámonos ante docentes que deben dar resposta aos dous primeiros tipos anteriores. E para isto é vital contribuír a reformular a profesión docente e así evitar que os cambios presentes na sociedade provoquen docentes como vítimas desta. Con todo, a personalidade de cada un, os intereses propios xeraran un tipo de profesional ou outro. Aquel que queira partícipe deste momento coa súa ensinanza  ou aquel que só queira levar a cabo o seu traballo sen incidir na maneira de facelo. Polo tanto a pesar de todas as dificultades, o docente do s. XXI debe ser capaz de enfrontarse a elas e conseguir adaptalas ao seu proceso de ensino  e aprendizaxe.

 

Bibliografía

Hargreaves, A. (2003) Enseñar en la sociedad del conocimiento.Barcelona: Octaedro