As ideas da consellería para a formación do profesorado

Na sesión interactiva do día 21 de novembro de 2013, analizamos o Plan anual de formación do profesorado da Xunta de Galicia do ano 2013-2014. A continuación levaremos a cabo unha revisión do mesmo, centrándonos de maneira máis concreta no punto tres o cal nos foi asignado na sesión interactiva.

 

Neste documento recóllense as normas xerais para poder acceder a esta formación. Neste senso, inclúense os criterios de admisión, os criterios de avaliación das actividades e a os criterios para  recibir a certificación académica  ao remate do curso.

No seguinte punto, analízanse as distintas convocatorias ofertadas aos profesionais da educación e aos centros educativos para levar a cabo proxectos educativos. En primeiro lugar, trata as licencias por formación, as cales consideramos como unha opción retribuída ou non que se lle dá aos docentes para que leven a cabo proxectos formativos ou de investigación, que repercutan na súa formación permanente.En segundo lugar abórdanse os reintegros, este son aportes aportes económicos ao profesorado que solicite levar a cabo actividades de formación relacionadas coas tecnoloxías de comunicación e información, e co plurilingüísmo. Estes reintegros poden ampliarse á aquelas actividades que estean relacionadas coa disciplina do solicitante. Por último, recolle o plan de mellora das bibliotecas escolares, o cal consiste nun financiamento económico para a reforma das bibliotecas, a través de recursos de lectura, información e aprendizaxe, ademais de intentar integrar directamente as TIC.

O apartado tres fai referencia aos Programas Europeos nos cales está enmarcado o presente programa.

En primeiro lugar, recolle unha cita ao marco lexislativo referente aos programas de aprendizaxe permanente que recolle o Parlamento Europeo. En canto ás accións que se levan a cabo neste programa de aprendizaxe permanente recóllense as seguintes:

- Programa Comenius, son actividades nas cales se atenden ás necesidades de ensino aprendizaxe de todos os participantes dende a educación infantil ata a secundaria, así como organizacións que impartan formación.

Os destinatarios son persoal educativos de centros docentes non universitarios, futuros profesores, alumnado de centros educativos, así como os que cursan ciclos formativos, tamén recolle ás autoridades rexionais con responsabilidade en educación.

As accións deste programa céntranse na mobilidade, asociacións escolares e a creación de proxectos e redes multilateriais. 

- Programa Leonardo da Vinci, dirixido a atender as necesidades de todos os participantes de Formación Profesional, así como as institucións e organizacións que faciliten esta formación.

Os destinatarios son estudantes pertencentes a institucións de formación profesional, traballadores, institucións e organizacións que impartan formación nos sectores obxecto do programa, asociacións relacionadas coa formación profesional e os seus representantes, así como institucións sen ánimo de lucro, entre outros.

As accións que leva a cabo son proxectos de mobilidade de estadías transnacionais en empresas e intercambios para profesionais, proxectos multilaterais de innovación, as asociacións Leonardo e visitas preparatorias e seminarios de contacto.

- Grundtvig, dirixido a atender as necesidades de ensino aprendizaxe dos implicados en educación de persoas adultas, así como ás institucións e organizacións que proporcionan esta ensinanza.

Os destinatarios son institucións de educación de persoas adultas, persoal educativo destas institucións, futuro profesorado e alumnado destas institucións.

As accións que se levan a cabo son mobilidade individual a través de visitas e intercambios para o persoal educativo, formación continua, seminarios e proxectos de voluntariado para persoas maiores. Outras accións son asociacións de aprendizaxe e proxectos multilaterais e redes temáticas.

-Erasmus, o obxectivo é atender as necesidades de ensino aprendizaxe nos participantes de educación superior formal e grao superior de Formación Profesional.

Os destinatarios son estudantes e persoas en formación que cursan calquer ensino e formación de grao superior, profesorado e formadores das institucións, organismos públicos e privados responsables de educación e organismos que presenten servizos de orientación, asesoramento e información.

As accións céntranse na mobilidade de estudantes e docentes, estudantes en prácticas, formación de persoal, cursos intensivos de idiomas, programas intensivos, todos estes aspectos están encamiñados a contribuír ao proceso de innovación en educación e formación, así como o seu intercambio dun país a outro.

- Visitas de estudo, é un programa transversal do Programa de Aprendizaxe permanente do Parlamento Europeo.

Os destinatarios para este programa poden ser calquera persoa experta en educación e formación profesional.

As accións teñen como obxectivo promover a cooperación europea e o intercambio de experiencias e información. Consiste en pequenas reunións de entre 8 e 15 expertos.

Nestes programas europeos recóllense outras iniciativas como son; as becas do consello de Europa, o cal é un programa para a formación continua dos profesionais da educación dos niveis educativos non universitarios; e o selo europeo que é un galardón que destaca as experiencias innovadoras no campo de ensino aprendizaxe das linguas.

Outro apartado son os proxectos lingüísticos no cal se destaca o portfolio europeo das linguas, co cal se intenta a reflexión do profesorado sobre o aprendizaxe das linguas. Son destinatarios deste proxecto os centros educativos  en infantil primaria e secundaria, FP e as escolas oficiais de idiomas.

Etwinning, é unha iniciativa que fomenta o establecemento de relacións entre distintos colexios a través de proxectos de colaboración por medio de internet. Os participantes poden ser profesores e grupos de alumnos, o cal é o perfil máis común, así como grupos de profesores ou equipos directivos, orientadores e responsables de bibliotecas. 

O seguinte punto do plan aborda a Formación en centros.

Neste apartado explícase o proxecto Abalar, o cal é un proxecto financiado pola Consellería de Cultura e Ordenación Universitaria, dirixido a mellorar e innovar a práctica docente nas aulas a través da formación do profesorado para o desenvolvemento do presente proxecto. O obxectivo é convocar proxectos de formación para os centros que teñan aulas abalar.

Os destinatarios son os centros que estean neste proxecto. A duración será dun mínimo de 30 horas e un máximo de 50. Inclúense as pautas para poder participar no proxecto, mencionando os criterios de selección de proxecto e guión do mesmo, así como os criterios, de xestión económica, de seguimento, e de avaliación final.

Outro apartado da formación en centros é a convocatoria de grupos de traballo. Esta convocatoria vai dirixida a todo o profesorado en activo de todos os niveis educativos agás o universitario e privado. O grupo de traballo é entendido como unha modalidade de formación permanente en canto ao traballo colaborativo, a cal ten por obxecto a elaboración e o análise de proxectos curriculares.

A participación nestes grupos de traballo pódese levar a través dunha modalidade xeral ou a través dunha modalidade Abalar (naqueles centros que están inmersos neste proxecto).

Os grupos de traballo estarán formados entre 3 e 10 profesores e a duración destes será entre 20 e 50 horas.

No resto do apartado trátase da selección dos proxectos a levar a cabo, do seguimento que se realiza, da avaliación final, así como da certificación e difusión dos materiais que se traballaron.

A convocatoria de seminario, que se trata no seguinte punto, é outra modalidade de formación permanente que ten como obxecto o traballo colaborativo e que pretende unha reflexión conxunta e debate por parte dos implicados nesta experiencia. Igual que no caso anterior poderá participar todo o profesorado excepto o universitario e o profesorado de centros privados. Este seminario será levado a cabo por aqueles membros do Centro Autonómico de Formación e Innovación (CAFI) e dos Centros de Formación e Recursos (CFR) e que participen no presente proxecto. Ao igual que nos outros casos recóllense as pautas para poder participar no proxecto, mencionando os criterios de selección de proxecto e guión do mesmo, así como os criterios, de xestión económica, de seguimento, e de avaliación final. 

No seguinte apartado recóllense as fichas técnicas das actividades formativas que desenvolve o CAFI, as cales se distinguen entre actividades en rede do programa Platega, actividades do Curso de Actualización Lingüística e Comunicativa (CALC) e outras actividades presenciais.

No apartado 6 recóllense as fichas técnicas das actividades a desenvolver do CFR, nas súas diferentes sedes (A Coruña, Ferrol, Lugo, Ourense, Pontevedra e Vigo). 

Outro dos apartados trata os CALC, que ao igual que nos apartados anteriores recolle os distintos cursos que se levan a cabo en cada unha das sedes que ten a escola oficial de idiomas nas seguintes demarcacións: A Coruña, Ferrol, Santiago, Lugo, Ourense, Pontevedra, Vigo e Vilagarcía de Arousa.  

No apartado 8 recóllese o enlace de inscripción nas actividades no cal o profesorado que queira participar nestas actividades debe inscribirse.

Por último, no apartado 9 hai unha recopilación de información para poder contactar con distintas institucións.

 

CONCLUSIÓNS

Unha vez analizado o presente Plan de Formación consideramos que inclúe todos os apartados que debería incluír, xa que non temos coñecementos de ningún outro programa que engadir a esta lista. O que si nos parece interesante incluír xunto a estes programas algún enlace a experiencias de anos previos, co fin de que os interesados coñezan mellor o funcionamento das propostas.

En canto ao marco conceptual, o presente plan fomenta o aprendizaxe permanente, tanto para profesionais como para estudantes. Ademais fomenta a colaboración e intercambio de aprendizaxes a través da mobilidade entre países.

Outro punto a destacar e a idea que fomenta de profesional. Un profesional actualizado consciente dos cambios e que teña interese pola súa formación.