Aprender a ser mestra: perplexidades e paradoxas

Nas sesións de clase pasadas da materia “Formación e Desenvolvemento Profesional do Profesorado”, realizamos varios seminarios dividindo o noso grupo-clase, de tal modo que entre grupos analizásemos diversos textos que a profesora da materia Lourdes Montero nos achegaba. A continuación, cada portavoz do seminario expoñería en gran grupo en liñas xerais, o que se presentaba en cada texto en particular.

            Nesta entrada, encamiñareime a reflexionar sobre un dos textos, “Aprender a ser maestra: perplejidades y paradojas”, dos autores Sancho Gil, J.M. e Correa Gorospe J.M., e que podemos acceder ó mesmo mediante o número 436 da revista Cuadernos de Pedagogía.

             Como examinamos noutras entradas ó blog en producións de autores, como Andy Hargreaves, o termo de paradoxa alude directamente á figura do profesor. En liñas xerais, diremos que este ten que facer fronte a todas as problemáticas que lle xorden nas aulas: atención á diversidade (inmigración, déficits),  aumento da ratio profesor-alumno, incremento das horas de ensino, etc., e do mesmo modo, ante todas estas demandas, o docente debe actualizarse, permanecer nun proceso de formación continua permanente, innovar, ser creativo. Así, claramente, este profesional se atopa de cheo cunha gran paradoxa.

            Pero como concibimos o termo de perplexidade contido no título deste monográfico? Dende o meu punto de vista, os docentes permanecen perplexos ante todo o que está a suceder nos seus postos laborais, os sucesivos cambios e transformacións que se producen en pouco tempo, e ós que hai que responder de inmediato.

                                                                image

Desta maneira, que cambios principais enfrontan os profesores? No monográfico distínguense seis elementos de cambio significativos:

  • A noción de coñecemento
  • Requerimentos profesionais
  • Currículo básico
  • Esixencias da institución escolar
  • Cambios a nivel global e fluxos migratorios
  • Dixitalización da cultura (intensificación do traballo)

image

            No século pasado o termo de coñecemento era percibido como algo sólido, inmutable, imposible de modificar e ó que había que atender sobre todo outro aspecto. Pero, hoxe en día esta situación mudou, “los procesos de producción, almacenamiento, acceso, difusión y valoración del conocimiento se han transformado”, existen múltiples maneiras de acceder ó saber, posibilitado este acceso na súa maioría grazas ás novas ferramentas audiovisuais, informáticas e dixitais. Todo isto, e a nivel xeral, conleva enormes transformacións no que se refire ó rol de profesor, entendido no pasado como a persoa portadora da saber, a que se adicaba a reproducir coñecementos que moitos nenos lles era dificultoso poder achegarse. Pero hoxe en día, inmersos nunha sociedade da información, ós nenos chégalles información e coñecemento dende numerosos lugares, feito polo cal o profesor ten que ser máis un guía e asesor no proceso de ensino-aprendizaxe, que desvele as ferramentas polas que acadar uns coñecementos fiables e válidos ante os outros que procuran a nosa manipulación.

            Os docentes requírenselles múltiples esixencias en consonancia co decorrer rápido dos tempos no que nos atopamos, de cara a levar unha continua actualización dos seus coñecementos, reformulando cada día a súa identidade docente, non anclándose nas prácticas educativas dun pasado, de xeito que mellore as súas tarefas, contribuíndo de igual maneira á mellora das aprendizaxes do alumnado.

image

         Un cambio substancial produciuse no currículo escolar, no pasado perseguíase que o alumnado memorizase os coñecementos, coñecendo e desenvolvendo as tres habilidades básicas: ler, escribir e calcular. Nun contexto histórico no que o que favorecía o desenvolvemento social era a mecanización, por así dicilo, funcionar tal e como máquinas, dende o meu modo de ollar, adquiríanse uns contidos específicos que logo eran levados a cabo no posto laboral, de maneira que ó longo dos anos estes contidos reproducíanse e reproducíanse por parte dos traballadores, como se de automatismos se tratase. Hoxe en día, considero que a realidade mudou notablemente, e creo que para mellor, nun contexto no que podemos reflexionar sobre as nosas prácticas, non só funcionar como máquinas, podemos inferir cambios, innovar, adaptarnos e readaptarnos, porque aí considero se atopa o perfeccionamento, ser críticos co que desenvolvemos e establecer aquelas melloras que estimamos pertinentes e axeitadas. Nas nosas escolas o profesor ten que desenvolver a creatividade nos alumnos, ser mediador, e guialos nun proceso individualizado de cara a cada alumno, no que cadaquén indague naquilo no que ten interese, non existe ningún elemento prefixado, o futuro é incerto e precisamos persoas competentes de cara a idear e desenvolver novas concepcións da realidade, erradicando problemáticas presentes xurdidas desta sociedade en continuo cambio e que non posúen ningún tipo de solución actual.

            A isto hai que engadir o incremento dos requerimentos por parte da entidade educativa: maior permanencia no centro do profesorado, atención á formación integral do alumnado, coidado de cara ás emocións dos mesmos, etc. Todo isto unido ás esixencias profesionais que anteriormente describíamos fai que o profesorado teña unha carga importante de traballo que, en moitos casos supón unha reeducación no que por exemplo se refire á atención das emocións. No pasado o carácter do profesor que debía imperar nas aulas era o autoritarismo, mentres que hoxe en día todo se debe cargar de emocións e afectividade. Así, os docentes deben someterse a procesos de cambio realmente importantes, que afectan amplamente ós valores que os profesores posúen.

           Os cambios a nivel global e os fluxos migratorios inflúen de igual maneira de modo directo na función do profesor. Este debe desenvolver todas as competencias que fomos describindo ó longo da presente entrada, debe ser, dito de modo sintético, flexible, desplegar un diálogo continuo no contexto no que se enmarca, tomar constancia da realidade, escoitar, comprender, abrir a mente e actuar. Cada vez máis cobra especial relevancia a formación permanente, esa constante actualización de cara a beneficiar ó seu alumnado nas súas aprendizaxes, sendo este o obxectivo final da actuación do profesor.

image

          Unha transformación completamente visible foi a dixitalización da cultura e a sociedade, influíndo de cheo na escola e nas funcións do profesorado. “Los ordenadores, las pizarras digitales, Internet, un mundo de comunicaciones digitales y ubicuas están llamando a la puerta de la escuela”, ferramentas que os profesores empregan e, polo tanto deben partir dun proceso de formación previo, producíndolle unha nova carga de traballo sumada á anterior de xeito que abrímonos de cara a unha intensificación do traballo que segundo Andy Hargreaves (1996) leva aparellada:

  • Redución do tempo de descanso durante a xornada laboral.
  • Ausencia de tempo para actualizarse e formarse axeitadamente.
  • "Sobrecarga crónica y persistente que reduce las áreas de criterio personal, inhibe la participación en la planificación a largo plazo" (Hargreaves, A., 1996).
  • Diminución na calidade do servizo ó existiren recortes de tempo.
  • Diversificación forzada causada por cubrir a falta de persoal, que provoca  a dependencia de terceiros, véndose traducido todo isto nunha menor calidade do servizo.

         Como observamos todo está intimamente ligado, non dispor de tempo de descanso afectará á conduta do profesional e polo tanto ó desenvolvemento das súas accións. Isto constatarase a través das actuacións que desenvolva, non implicándose tanto nos seus quefaceres, ó ter que atender a multitude de elementos á súa vez. Óllase unha clara intensificación do traballo docente, pero é produtora de melloras no sistema educativo ou ocorre a situación oposta? De que vale que o profesorado se esforce tanto se aínda non se conseguen melloras de cara a aprendizaxe do alumnado? A que atenden realmente as políticas educativas, ó desenvolvemento dunha boa educación para o alumnado ou ó desenvolvemento dunha economía en crecemento?

          Como comprobamos mediante todo o comentado e reflexionado nos parágrafos anteriores, educar non é sinxelo. Ademais considero que a nosa sociedade ou polo menos na súa meirande parte, exceptuando o que escoitemos nos medios de comunicación de masas, estima o gran valor do profesor ou mestre. Así, vese reflectido en datos cuantitativos no monográfico que sometemos a reflexión nesta entrada, “los maestros de Educación Infantil y Primaria son la cuarta y tercera profesión más valorada (74,64% y 74,70% respectivamente)”.

 

BILIOGRAFÍA

Hargreaves, A. (1996). Profesorado, cultura y postmodernidad (Cambian los tiempos, cambia el profesorado). Madrid: Morata.

Sancho Gil, J.M. e Correa Gorospe, J.M. (2013). Aprender a ser maestra: perplejidades y paradojas. Cuadernos de Pedagogía, 436, pp. 18-21.