ADAPTACIÓNS CURRICULARES

ADAPTACIÓNS CURRICULARES.

Unha adaptación curricular é calquera axuste ou modificación que se realice no currículo, co obxectivo de dar resposta á diversidade individual do alumnado con necesidades educativas.

En sentido amplo, enténdese por adaptación curricular as sucesivas adecuacións que leva a cabo un centro ou un profesor para concretar as directrices propostas pola Administración tendo en conta as características dos alumnos/as e do contexto.

En sentido máis restrinxido, este concepto fai referencia a adecuacións de índole máis específica pensadas exclusivamente para alumnado con Necesidades Educativas Especiais.

Existen varios tipos de adaptacións curriculares:

A)Adaptacións curriculares de acceso ó currículo: son modificacións ou provisión de recursos espaciais, materiais, persoais ou de comunicación que facilitan que alumnos/as con NEE poidan desenvolver un currículo ordinario ou adaptado.

  • De acceso físico: recursos espaciais, materiais e persoais. Por exemplo: eliminar barreiras arquitectónicas, adecuar a sonoridade, profesores de apoio...
  • De acceso á comunidade: materiais específicos de ensinanza-aprendizaxe, axudas técnicas e tecnolóxicas, sistemas de comunicación complementarios, etc. Por exemplo: lingua de signos, braille, lupas...

B)Adaptacións curriculares individualizadas: aqueles axustes ou modificacións que se efectúan nos elementos da proposta educativa desenvolta para un alumno/a co fin de responder ás Necesidades Educativas Especiais e que non poden ser compartidos polo resto de compañeiros.

  • Non significativas: modifican elementos non prescritivos do curriculo. Adaptánse tempos, metodoloxía, actividades....Nun momento determinado, pode precisalas calquera alumno/a, teña ou non NEE. Teñen un carácter preventivo e compensador.
  • Significativas ou Moi Significativas: son modificacións realizadas dende a programación, previa avaliación psicopedagóxica e afectan a elementos prescritivos do currículo oficial xa que modifican obxectivos, contidos, etc.