Que me supuxo a materia "Formación e Desenvolvemento Profesional do Profesorado?

Que me supuxo a materia “Formación e Desenvolvemento Profesional do Profesorado”? Esta cuestión lévanos consecuentemente a unha reflexión sobre todo o desenvolto nas sesións de clase tanto interactivas como expositivas da materia, así como toda a labor realizada nesta rede social do grupo de investigación “Stellae”, a todos aqueles aspectos que na liña da formación e o desenvolvemento profesional do profesorado desglosamos, todos aqueles coñecementos, todas aquelas experiencias, todas aquelas concepcións...

            O primeiro día de clase a profesora desta materia, Lourdes Montero, explicounos como a nosa metodoloxía de traballo na materia ía a ser semellante á empregada na materia do ano pasado “Tecnoloxía Educativa”. Neste intre xa comecei a reparar no que isto ía significar para min, en todas as aprendizaxes significativas que desenvolvería, nas tarefas de indagación que levaría a cabo. Ben é certo que quedamos bastante satisfeitos da labor realizada na materia do ano pasado, polo que, posuíndo unha experiencia pasada positiva, supuxen que nesta nova materia a satisfacción sería dun maior grao, e así foi.

image

            Esquecéndonos das meras clases expositivas ás que estabamos acostumados, asistimos a poucas e contadas sesións deste tipo, nas que a profesora non só nos expoñía un tema en concreto de modo teórico, senón que infería dúbidas sobre algunhas das nosas realidades actuais, plantexaba cuestións das que descoñecíamos a resposta, interrogantes como: realmente sucede isto na realidade? Pensades que isto é así?

            Deste modo, constatamos como mediante estas cuestións cadaquén regresaba á casa dándolle voltas sobre o que ocorría ou non na nosa realidade, pero careciamos de datos que fundamentasen as nosas opinións e perspectivas da realidade, é aí onde indagábamos a través dos diversos recursos da rede ou impresos sobre estas preguntas. É aí, onde establecíamos reais aprendizaxes significativas, froito do noso interese, da nosa reflexión, da toma de constancia dos mesmos. Deste xeito, coido que é importante sinalar a figura da nosa profesora da materia, que desenvolveu o rol de profesor dun modo totalmente idóneo, xa que como ben verificamos mediante este camiño pola materia de “Formación e Desenvolvemento Profesional do Profesorado”, para ser un bo docente na realidade de cambios constantes na que estamos mergullados, este debe ser un guía, un mediador entre os coñecementos e o alumnado, debe orientar no proceso de ensino e aprendizaxe, desvelar ese camiño polo que acadar os coñecementos, o alumno será quen o constrúa en base á súa motivación ou interese de cara a unha determinada temática. Así, non existirán dous alumnos iguais, cada un posuirá coñecementos diversos, afondando naqueles aspectos que cadaquén considere, deixamos xa no pasado aquel profesor que exercía de transmisor dos coñecementos, os alumnos non desenvolvían un papel activo nas aulas, eran axentes pasivos do coñecemento, adicados só a memorización dos mesmos, e non á construción propia dos mesmos como sucede na nosa actualidade.

            Desta maneira, estes elementos construídos por nós mesmos eran publicados na rede social do grupo de investigación “Stellae” a través das diferentes seccións: mediante as entradas ó blog, os arquivos, os tweets, as discusións do grupo ou o blog do mesmo, deixando do mesmo modo ver que favoritos tíñamos en relación a esta materia de estudo. Indicar neste senso que, a nosa rutina cotiá en cada materia é realizar un exame ó fin da mesma, estudando todos aqueles coñecementos que fomos adquirindo no decorrer de cada materia. A este respecto hai que subliñar que en “Formación e Desenvolvemento Profesional do Profesorado” dáselle importancia máis que ó resultado acadado nun exame final (contando desta maneira só cunha avaliación final sen ter en conta o proceso) ó proceso que fomos conformando no camiño, con que nos atopamos, en que profundizamos, de que maneira aprendemos, non desenvolvemos unha simple comprensión ou memorización de contidos, senón que indagamos nos mesmos, establecemos reflexións sobre eles, conxugamos as nosas experiencias cos contidos, constituíndo sinerxias.

image

            Doutra banda, é de destacar tamén a participación nosa nas sesións de clase, a profesora brindábanos a posibilidade de implicarnos naqueles coñecementos que se ían descubrindo, non só nas sesións de clase interactivas permanecíamos como axentes activos, senón tamén nas propias sesións de clase expositivas nas que tamén se puxeron en marcha técnicas “experimentais” e innovadoras nas que os protagonistas da accións éramos nós, non o profesor, tal como estamos habituados. Así, en moitas ocasións estas sesións empregábanse indistintamente, se no horario estaba planificado desenvolver unha sesión expositiva podíamos desenvolver unha sesión interactiva, é aquí a flexibilidade no proceso.

            Nesta liña, na rede social do grupo de investigación inauguramos unha nova sección que o ano pasado coa materia “Tecnoloxía Educativa” non descubrimos: o grupo. Neste apartado, levantamos un grupo no cal traballamos conxuntamente compoñentes da materia que íamos elaborando e que criamos conveniente pola súa relevancia na materia profundizar, así esta elaboración, por así dicilo, “formal”, era publicada nas entradas ó blog do grupo. Pero, sen dúbida, o que desexo subliñar desta sección é a discusión, elemento totalmente enriquecedor. Pola importancia que lle brindo a este grupo considero principal elaborar unha entrada ó blog tratando este tema en concreto.

            Co modo de desenvolvemento desta materia (metodoloxía) tomamos constancia expresa da mesma, ademais coido que, todos aqueles que nun futuro nos adiquemos ó mundo da formación, esta rede social supuxo que entrásemos de cheo en contacto coas novas tecnoloxías, que traballásemos en, nas e por elas, feito que hai que ter en conta á hora de ocuparnos en calquera eido da nosa realidade no que estamos inmersos nunha realidade na que sen tecnoloxías non avanzaríamos nin evolucionariamos.

            Estou orgullosa con todas as tarefas realizadas, podo dicir que aprendín e aprehendín un lote de coñecementos. Ademais ó posuír a experiencia de manexar a rede social do ano pasado coido que progresei moito, no sentido de controlar a aplicación ó completo, conformando un blog con entradas completamente globais, construíndo unha clara relación entre as outras seccións da rede: tweets, arquivos, o grupo e os favoritos. No tocante a este punto, esclarecer que o meu esforzo foi maior nesta materia que en “Tecnoloxía Educativa”,  xa que tiven unha carga de traballo maior ó dispoñer dun tempo máis escaso en relación ó ano pasado no que se nos prestou máis tempo para conformar este e-portafolios no seu conxunto. Ademais tamén me gustaría dispoñer de máis tempo, de cara a producir unha inmersión en todos aqueles aspectos que se nos ían presentando nas sesións de clase, e que daban lugar a moitos interrogantes.

image

            Finalmente e a modo de conclusión desta entrada, debemos esclarecer que o interese de cadaquén fixo que construíramos camiños diferentes, de aí a riqueza do traballo en equipo, das aprendizaxes colaborativas. A metodoloxía na materia “Formación e Desenvolvemento Profesional do Profesorado” foi totalmente educativa, no senso de ser pedagóxica (aprender a raíz dos nosos intereses), ó igual que deberían ser todas as materias desta nosa titulación, tentando tornar as realidades educativas tan desastrosas que se producen en moitos centros educativos: prácticas educativas baseadas na repetición dos coñecementos por exemplo.