Crear hoxe as escolas do mañá

Como xa fixen anteriormente noutra entrada de blog recomendo o visionado do programa de Redes, neste caso o programa “Crear hoy las escuelas del mañana” que se pode ver neste enlace: http://www.rtve.es/television/20101213/crear-hoy-escuelas-manana/385896.shtml .

Neste caso o programa comeza falándonos do abismo que existe entre a xeración adulta e os nenos/as de hoxe en día. A principal causa dese abismo pode ser a introdución das novas tecnoloxías na nosa sociedade, así como, a educación emocional que se debe inculcar nas nosas escolas actuais.  Digo que se debe inculcar, xa que como futura docente creo que debemos partir das emocións dos nosos alumnos/as xa que eles son os encargados de marcarnos as pautas do seu propio aprendizaxe.

Neste programa de Redes, Eduard Punset entrevista a Richard Gerver, educador e asesor en sistemas educativos. Pareceume un punto de vista interesante xa que nesta materia de Asesoramento Curricular e Centros e Profesores estámonos adentrando no asesoramento e que mellor forma de facelo que dende un punto de vista dun asesor en sistemas educativos. Ademais esta materia está centrada no ámbito educativo, aínda que como puidemos comprobar ó longo de todo o curso moitas son as modalidades de asesoramento.

O novo reto que existe na educación é o de combinar a exposición de coñecementos teóricos coa funcionalidade real que estes teñen, é dicir, facerlle sentir ó alumnado participe da súa sociedade a través da aprendizaxe da vida real e de novas competencias que necesitan para atopar traballo nesta sociedade do século XXI.

O acceso á información que proporciona internet permite xerar un novo tipo de coñecemento, xa non se trata de xestionar datos senón de dar forma a un pensamento creativo baseado na combinación de distintas perspectivas ou aproximacións a un tema. As escolas do futuro fomentarán a solidariedade e o traballo en equipo para o que é necesario a colaboración e comunicación, premisas das que tanto falamos en clase en relación co papel que debe levar a cabo o asesor/a no desenvolvemento das súas funcións no sistema educativo.

Ó longo deste programa, compoñentes do SEK de Cataluña fálannos das experiencias que se levan a cabo nas súas aulas, onde as emocións son o punto de partida e as TICs as ferramentas indispensables para a adquisición de coñecementos. Neste caso fálannos das aulas intelixentes, un tipo de aulas que parten dunha educación na que os alumnos/as pensan de forma global, sen separar coñecementos das asignaturas e á vez desenvolven a capacidade para analizar o mundo dunha forma orixinal, única, crítica coas ideas establecidas e onde o alumnado debe reflexionar, xa que na vida real non existen asignaturas estancas, senón que se debe traballar de forma interdisciplinar.

Neste tipo de aulas o profesor máis que desenvolver un papel de líder ó que se está acostumado, desenvolve un papel de acompañamento, de guía. Por esta razón, é necesaria a formación e información ó profesorado sobre os novos retos que se lle propoñen nas aulas e as actualizacións que debe ir desenvolvendo na súa docencia. Agora, os mestres/as deben e deberemos ser capaces de empregar a tecnoloxía como ferramenta para axilizar os procesos de aprendizaxe e conectalos de forma activa ás emocións dos nenos/as.

En definitiva, as escolas do futuro deberán estar capacitadas para levar a cabo un aprendizaxe por descubrimento, onde se debe ser capaz de combinar as novas tecnoloxías coas emocións do alumnado e facer participe a este da construción da súa sociedade.