Feminización docente

Nalgunha sesión da materia, introducimos o tema da feminización docente, mais non afondamos o suficiente no mesmo, neste senso, considero preciso indagar un pouco máis nel partindo dunhas pequenas pinceladas de historia, que xustifiquen a situación actual que vivimos.

A figura da muller está ligada dende sempre ao coidado do fogar e dos fillos é por isto que non é de estrañar que parte da explicación da feminización parta da diferenciación existente entre ambos sexos. Parte destes ideais, proveñen de eminentes estudosos da ilustración, que vían a formación das mulleres como algo imposible debido a súa condición de subordinación con respecto ao home.

Deste xeito e seguindo as ideas recollidas do libro Las primeras maestras. Los orígenes del proceso de feminización docente en España de Sonsoles San Román, no artigo de Mora Sánchez, podemos distinguir tres tipos de mestras as cales dan resposta a distintos períodos históricos.

  1. “Mestra analfabeta” (1783-1838): Carlos III establece en España a escola de nenas, a cal dará a posibilidade de alfabetización de maneira complementaria, posto que o motivo polo que se crean é para aprender as tarefas do fogar, e por tanto que alude á concepción de mestras analfabetas, posto que non lles era necesario saber ler nin escribir. Será en 1812 cando a través do Informe Quintana, se estenda a instrución como un acto accesible, público e gratuíto incidindo na igualdade de oportunidades, mais esta igualdade só responde aos varóns xa que as mulleres deberán ter unha instrución privada e doméstica.
  2. “Mestra maternal” (1838-1876): A través de Pablo Montesino, as mulleres poden exercer como mestras nas escolas de párvulos, creadas neste período é que manteñen a imaxe cultural da muller. Neste senso a súa labor sería exercida como axudantes do docente, mantendo a subordinación. Será en 1857 coa instauración da ley Moyano cando se determine o dereito das mestras a recibir formación na Escola Normal Central de Maestras, así como establécese o seu salario o cal será, por suposto, máis baixo que o do home.
  3. “Mestra racional-intuitiva” (1868-1882): Incídese en maior medida, na importancia da instrución da muller. A través da labor de Fernando de Castro, inaugúrase en 1869 a primeira escola de institutrices, así como a Asociación de la Enseñanza de la Mujer. Coa Institución Libre de Ensinanza (1876), a formación en igualdade de condicións acadará maior importancia.

  docente

Con todo aínda que existiron avances paulatinos a situación actual semella estar inserida nalgunha época remota. Neste senso, atopámonos nun período no cal a formación básica é igual tanto para homes como para mulleres, todos temos as mesmas oportunidades e as mesmas opcións, ben é certo que nalgunhas ocasións poden existir limitacións, as cales non son máis que casos esporádicos.

Outro feito destacable é o que acontece na profesión docente. Como fun tratando ao largo desta análise, a posición da muller na tarefa docente ten unha serie de características bastante salientables. En primeiro lugar a idea tan defendida en épocas anteriores da imaxe de nai, mantense na actualidade, como puidemos observar nun artigo traballado en clase, un dos principais motivos pola elección de maxisterio era que lle gustasen os nenos. Este feito non fai máis que manter este estereotipo. Así mesmo, centrándome en cada etapa educativa, a muller ocupa a formación en Educación Infantil, así como primaria en maior número que na Secundaria e no Bacharelato, sendo moito máis notable a diferenza nos docentes universitarios. Aínda que non está claro a que pode deberse este feito, podo dicir que este dato é moi significativo.

Asemade, a subordinación da muller con respecto ao home, e un claro exemplo no eido laboral. Os salarios son menores, aínda traballando as mesmas horas, feito que resalta notablemente coa idea que se defende “a capa e espada”, de que vivimos nunha sociedade igualitaria.

 

Por que ocorre isto?

Sen dúbida gran parte da culpa está inserida na sociedade, a cultura da igualdade que temos non se estende a todos os sectores, e en parte si pode deberse ao papel da muller como ama de casa, ademais de criar aso fillos e traballar fóra. “Mulleres todoterreno” que dedican a súa vida aos seus quefaceres e que no ámbito laboral non obteñen as respostas que deberían.

Necesitamos por tanto unha igualdade en condicións, xa non só no eido laboral docente, senón na cultura da sociedade, posto que a partir desta podemos darlle solución as diferenzas tan acusadas que se observan na docencia e que sen dúbida seguen a manter a imaxe maternal da muller, estereotipos difíciles de superar. 

 

Bibliografía e webgrafía

 Mora Sánchez, I.(2009).De madres a hijas,del hogar a la escuela.La feminización del magisterio desde la Ilustración a nuestros días. Ehttp://inmamsanchez.files.wordpress.com/2010/05/de_madres_a_hijas_feminizacion_magisterio.pdf

http://sozializa.blogspot.com.es/2010/03/sobre-la-feminizacion-docente.html (consultada o día 2/12/13)

http://adide.org/revista/index.php?option=com_content&task=view&id=290&Itemid=62 (consultada o día 2/12/13)