Que me supuxo o traballo en equipo nesta materia?

Como xa espuxen na derradeira entrada publicada considero conveniente reflexionar sobre o que me supuxo ser integrante do grupo de traballo “Pedagogas en acción” na rede social do grupo de investigación “Stellae”.

            Os comezos son duros, e aínda que ó inicio se nos facía complicado comezar ó non saber en base a que elaborar entradas o noso blog grupal, pronto fomos confeccionando algunha que outra. Porén, non reparamos no sentido da sección de “discusión de grupo” ata que a nosa profesora da materia, Lourdes Montero, nos comentou de modo xeral como estaba a ser a nosa labor no e-portafolios. Foi neste intre no que nos demos conta desta apartado, e foi cando comezamos a establecer discusións cando tomei constancia da importancia do mesmo.

image

            Neste senso, debo dicir que, de todos os apartados que destaco do e-portafolios pola súa riqueza de cara a axudar á miña aprendizaxe, fomentando o desenvolvemento de aprendizaxes totalmente significativas, foron as diversas entradas ó blog que, como xa comentei na derradeira entrada publicada supuxeron unha reflexión interna sobre os aqueles aspectos que adquiría en función das miñas indagacións, aquilo que se desenvolvía nas sesións de clase, e as miñas experiencias no terreo da educación.

            Doutra banda, estas discusións en grupo, tamén supuxeron que reflexionase sobre o que cada unha de nós presentaba a modo de desencadenante da discusión. Todas demos inicio a algunha discusión, polo que todas establecemos un detonante en base á nosa perspectiva dunha situación concreta. Coido que son de vital importancia estas discusións xa que non só reflexionabamos sobre este detonante que nos era exposto, senón que tiñamos que ler o que as nosas compañeiras nos amosaban, poñernos no seu lugar, comprender o que nos explicaban, mirar a situación dende os seus ollos. Na maioría das ocasións, case todas estabamos de acordo as unhas coas outras, pero había aspectos nos que nos atopábamos disconformes co que algunhas expoñían, deste modo, estas situacións segundo o meu modo de ver eran moi enriquecedoras, xa que nos nutríamos doutras ópticas, isto facía que nos replanteásemos o que nos defendíamos, o que daba lugar a que obtiveramos máis argumentos sobre o que preservaramos, ou pola contra se desen tantas dúbidas que comezásemos a valorar outras perspectivas existentes.

            Por todo isto, a discusión en grupo nesta rede social é de subliñar, estamos acostumadas a discutir en persoa ou cara a cara sobre relativos á educación, pero cando expoñemos os nosos puntos de vista en persoa quédanse en meros xuízos ou opinións, que non podemos fundamentar nese intre porque non posuímos un libro á man sobre o tema en particular para indagar se realmente existe unha teoría sobre o que pensamos. Así, na rede social podíamos acudir a outras fontes para contrastar o que nós reflexionabamos sobre un elemento ou outro, servíndonos de recursos (vídeos ou citas, por exemplo) para afirmar o que dábamos a coñecer.

image

            De xeito persoal, tamén me serviu para tomar constancia de que estamos en 4º curso do grao de Pedagoxía, case cun pé xa no mundo laboral, así máis ben, concibín as discusións como discusións entre profesionais da educación, non como meras compañeiras dun grupo-clase que só expresan unhas determinadas opinións. O vocabulario empregado, o modo de proceder nas explicacións, levoume a reflexionar sobre as prácticas que realizarán unhas compañeiras e que prácticas desenvolverán outras, cun telón de fondo clave: a pedagoxía, pero unha pedagoxía ollada e interpretada dende diferentes miradas.

            Sen máis, deixo constancia a través destas verbas da importancia do traballo en equipo, das aprendizaxes colaborativas, dese cooperar entre compañeiros, enriquecernos mediante as diversas visións ante un mesmo aspecto, discutilo, comprender, aprender dos demais, relacionarnos, interiorizando todos os elementos a través da reflexión, conxugando ópticas diferentes.