A identidade docente

Son moitos os artigos onde fomos introducindo, paulatinamente, o termo identidade docente, así mesmo, xa o fun tratando nalgunha das miñas últimas reflexións. Con todo, considero interesante analizar en profundida o significado deste concepto e a repersución na formación docente.

Neste senso e a partir da definición recollida no Dicionario galego de pedagoxía sobre identidade, entendo que a identidade “configura á persoa dotándoa dunha forma de ser e estar no mundo, desenvolvéndose sobre un ou varios atributos culturais” (Sánchez Bello, A.,2010) así mesmo a identidade profesional, a través da definición de Antonio Rial (2010) é entendida como unha dimensión común que afecta aos profesionais dunha mesma área. Neste senso, a identidade docente é un “mecanismo mediante o cal os profesores se recoñecen a si mesmos e son recoñecidos por outros como membros dunha determinada categoría social, a categoría dos profesores”(citado por Prieto Parra a partir de Gysling, 1992).

Sen dúbida a construción desta identidade é un proceso complexo, que afecta en gran medida á mellora da calidade educativa, e como non na formación dos seus estudantes.

A construción da identidade docente é un proceso que presenta como punto de partida a formación inicial e que se desenvolve ao largo do exercicio profesional. A identidade, así mesmo constrúese de maneira colectiva, identidade de colectivo, así como de maneira individual e colectiva, como recolle Denise Vaillant (2007) “a identidade profesional docente presentase, pois, cunha parte común a todos os docentes, e unha parte específica, en parte individual e en parte ligada aos contextos diferenciais de traballo.Trátase dunha construción individual referida á historia do docente e as súas características sociais pero tamén dunha construción colectiva vinculada ao contexto no cal o docente traballa”. É por tanto, moi importante destacar a relación cos compañeiros neste proceso de desenvolvemento da propia identidade profesional.

Tendo en conta isto, é moi importante incidir na responsabilidade que teñen os docentes na construción da súa identidade. “A construción da identidade profesional e o conseguinte desenvolvemento da profesión, non é nin pode ser unha tarefa allea ou imposta dende fóra senón que constitúe unha responsabilidade compartida entre todos os profesionais da educación” (Prieto Parra, 2004). Esta necesidade está imposta en certa medida, polos cambios que se están a producir na sociedade, así como pola crise da profesión, motivada polos estereotipos e a concepción social da profesión.  Neste senso, aínda que se recoñece a importancia da educación, o labor docente non ten o mesmo valor. Isto implica que os docentes se convertan nos principais axentes de cambio revalorizando e redefinindo a súa profesión a través da construción da propia identidade docente. Asemade, “a crise da identidade xorde da tensión entre o profesor ideal e o profesor real, entre o que se espera que sexa e realice e o que efectivamente é e pode facer.”(Denise Vaillant, 2007)

É por tanto, un feito a destacar a complexidade do contexto onde se desenvolve a tarefa docente, a escola. Neste punto sinálanse unha serie de esixencias laborais “ encamiñadas a formar persoas, establecer vinculacións cos distintos saberes que conflúen no seu saber propio e asumir a responsabilidade de construír relacións entre os distintos actores comprometidos na tarefa común de formar persoas. Así mesmo, constituírse como un profesional,…, que promove e facilita aprendizaxes, que comprende a cultura e a realidade local, que detecta problemas sociais, afectivos e de aprendizaxe entre os seus estudantes.” (Prieto Parra, 2004)

Profesión docente

Todos estes feitos, non fan máis que insistir na complexidade e nas paradoxas que presenta a complexidade na labor docente. A imaxe non é máis que unha forma de recoller a anterior idea de maneira distendida e en clave de humor. Aínda que a complexidade da labor docente non é unha broma.

Neste senso, é preciso levar a cabo unha serie de medidas que contribúan a revalorizar a profesión docente a partir dun mellor desenvolvemento da identidade docente. Seguindo as ideas transmitidas por Prieto Parra (2004), é necesario cambiar todo o proceso de creación da identidade profesional dende o seu comezo. Deste xeito, a formación inicial debe presentar un xiro, incidindo non só na aprendizaxe de contidos, senón que tamén na aprendizaxe de habilidades que contribúan a resolución de conflitos. Por outro lado, será vital nesta formación a reflexión crítica, a cal nos permitirá cuestionarnos as complexidades do sistema educativo e poder reflexionar sobre as posibles melloras. Este feito, non fai máis que asentar a idea de que, “unha formación de profesores que privilexie a práctica da reflexión crítica permite aos futuros profesores comprender que a ensinanza e o aprendizaxe constitúen problemas a reflexionar e investigar de maneira permanente e continua no transcurso de toda a súa vida profesional” (Prieto Parra, 2004)

A investigación, neste punto, cobra vital importancia, entendida como unha maneira de innovación e apoio á construción da identidade profesional. Pero esta investigación, débese entender como un proceso de Investigación-acción, no cal deben estar implicados, tanto a institución educativa, como o conxunto dos docentes que a conforman.

Identidade

 É moi importante que esta labor se leve a cabo de maneira conxunta, é dicir de forma colexiada. Xa que contribuíra a eliminar a balcanización presente en numerosas escolas, a cal dificulta a realización de tarefas conxuntas, así como a toma de decisións. Este feito debe ser destacado xa que un eixe clave da construción da identidade docente se atopa na interacción cos pares, é dicir no traballo en equipo e na reflexión conxunta de melloras para o quefacer docente e a aprendizaxe dos alumnos.

É por isto, que a construción da identidade profesional se entende de maneira individual (persoal), así como de maneira colectiva (a través do desenvolvemento profesional cos pares). Con este feito, podemos transmitir a importancia que ten asumir unha identidade profesional, xa que sen dúbida estará definindo a túa propia identidade, debido á importancia da construción persoal deta identidade.

 

 

 


Bibliografía e webgrafía

Caride, J.A. e Trillo, F.(Dir.)(2010). Dicionario galego de Pedagoxía. Galaxia

Prieto Parra, M (2004).La construcción de la identidad profesional del docente un desafío permanente. En Enfoques educacionales nº 6 pp.29-49

Vaillant, D.(2007). La identidad docente. En I Congreso Internacional “Nuevas tendencias en la formación permanente del profesorado”

https://wikiproyecto1.wikispaces.com/IDENTIDAD (Consultado o día 3/12/13)

https://wikiproyecto1.wikispaces.com/Cr%C3%ADsis+de+la+Identidad+Docente (Consultada o día 3/12/13)