• Blogs
  • silvia
  • Volvendo ao comezo...Unha nova experiencia que chega ao seu fin

Volvendo ao comezo...Unha nova experiencia que chega ao seu fin

Por silvia

Hai apenas tres meses comezaba de novo a miña actividade na rede social Stellae, pero desta volta na materia de Formación e Desenvolvemento Profesional do Profesorado.

Cando a profesora da materia Lourdes Montero nos propuxo a posibilidade de traballar na rede, pareceume realmente interesante, pois o curso pasado xa tivera a miña primeira experiencia con esta ferramenta. Sen embargo, ao comezo da materia, aló polo mes setembro volvíame a encontrar enfronte do Stellae cunha sensación de desconcerto, pois tiña moitas páxinas en branco que debería ir cubrindo a medida que ía obtendo un coñecemento máis profundo da materia. Así, ao comezo rexistrei un período de inactividade caracterizado polas dúbidas dos temas a abordar así como do fío condutor que guiaría o meu proceso de aprendizaxe. Sen embargo, ese período de inactividade deixou paso a publicación de información variada e diversa sobre as cuestións que íamos abordando na aula, pero que merecían un tratamento máis profundo pola miña parte, intentando buscar información para completar os contidos de clase e incorporando ao mesmo tempo a miña propia reflexión sobre esa información.

Así, considero que a través dos blogs fun ampliando os meus coñecementos sobre a profesión docente, xa que algúns contidos abordados ao longo da materia xa os coñecía de antes, máis non coa profundidade de agora.

Así, pouco a pouco fun deixando ver o fío condutor que guiaba o meu proceso de aprendizaxe, o cal sería a profesión docente e todos os aspectos estreitamente ligados con esta temática, facendo alusión a imaxe social do profesorado, as causas que provocan a súa desestabilización, os cambios que sería preciso levar a cabo tanto na súa formación inicial como na permanente, as características que deben ter os docentes na sociedade de coñecemento actual, así como algunhas características intrínsecas da persoa, entre as que destacarían a súa motivación e vocación.

Así, o que máis me gustou desta modalidade de aprendizaxe foi aprender sobre os contidos que a min me parecían máis relevantes, xa que ao mesmo tempo, ao indagar sobre temas que me interesaban podía establecer asociacións entre dito coñecemento e o abordado noutras materias como organización de contextos educativos, dificultades de aprendizaxe ou deseño e implementación de plan e programas.

Do mesmo xeito, este método de aprendizaxe non avalía unicamente un resultado final, como se fai sempre nun exame, senón que tamén ten en conta o proceso seguido para alcanzar dito resultado, pois é durante ese proceso no cal adquirimos a maior parte do noso coñecemento sobre a materia, e neste aspecto ten un papel primordial a aprendizaxe conxunta con todos os compañeiros da aula, pois todos nos podemos beneficiar e enriquecer coa información publicada polos demais compañeiros.

Para rematar facer referencia á periocidade do traballo, posto que a pesar de que a comezo da materia tardei en publicar, unha vez tiven decidido o fío condutor do meu proceso de aprendizaxe todo me resultou máis sinxelo e intentaba publicar primeiro semanalmente e despois de forma máis continuada. 

A pesar de que hoxe remata a miña actividade nesta materia, o certo é que este primeiro contactoa Formación e Desenvolvemento Profesional do Profesorado non fixo máis que comezar, e isto é so o comezo dun longo camiño por percorrer, pois como resaltei no meu e-portafolios, o profesional que decida dedicarse á ensinanza nunca deben deixar de aprender. 

Remato cunha imaxe moi ilustrativa do meu proceso de aprendizaxe, ao longo desta materia andiven metade do camiño cara a adquisición de coñecementos, máis aínda queda un longo percorrido por diante... Esta experiencia non fixo máis que comezar...

Metade e final dun camiño por percorrer