Adaptacións Curriculares Individuais

Yolanda Ares Comba- G2

 

Como vimos na clase, as adaptacións curriculares son estratexias educativas para facilitar o proceso de ensino-aprendizaxe nalgúns alumnos con necesidades educativas específicas. Estas estratexias pretenden, a partir de modificacións máis ou menos extensas realizadas sobre o currículo ordinario, ser unha resposta á diversidade individual independentemente da orixe desas diferenzas: historial persoal, historial educativo, motivación e intereses, ritmo e estilo de aprendizaxe.

Por un lado, trátase dunha estratexia de planificación e de actuación docente para responder ás necesidades de cada alumno. Pero á vez, trátase dun produto, xa que é unha programación que contén obxectivos, contidos e avaliacións diferentes para uns alumnos, e mesmo organizacións escolares específicas, orientacións metodolóxicas e materiais axeitados.

En sentido amplo, unha adaptación curricular enténdese como as sucesivas adecuacións que, a partir dun currículo aberto, realiza un centro ou un profesor para concretar as directrices propostas pola administración educativa, tendo presentes as características e necesidades dos seus alumnos e do seu contexto.

En sentido restrinxido, o concepto de adaptación curricular refírese a aquelas adecuacións de índole máis específica que se realizan pensando, exclusivamente, nos alumnos con necesidades educativas especiais que non son necesarias para o resto dos alumnos

En relación coas Adaptacións Curriculares Individuais encontrei unha páxina web do Equipo de Orientación Educativa y Psicopedagógica Nalón, que nos mostra dous exemplos de ACIs de alumnos con retraso na fala e linguaxe, así como unha ACI para un alumno de 5º de Educación Primaria, con discapacidade (Deficiencia visual. Síndrome de Morning Glory).

Ademais destas Adaptacións Curriculares Individuais, tamén nos mostra un exemplo dunha Adaptación Curricular para un grupo especialmente difícil de 6º de Educación Primaria, con gran retraso curricular e importantes dificultades conductuais e sociais.

 

http://web.educastur.princast.es/eoep/eonalon/materiales.html