María Vázquez de la Iglesia

Son unha persoa alegre, risueña, moi observadora e sempre lle intento buscar o lado bo as cousas, disfrutando dos pequenos momentos da vida!

CLASE MÉRCORES 04 DE DECEMBRO DE 2013

Análise de dous casos: o de Gerardo Echeita e o de Víctor Rodríguez. Isto fai referencia ao estudo de dous casos sobre as reflexión de cómo ser asesor, as relacións cos demais docentes e o que nos pode acontecer ao chegar a un colexio.

Para iniciar esta parte dedicamos uns minutos a reflexionar de maneira persoal sobre cada un dos casos; a metade da clase un caso e a metade o outro, para así despois podelos comentar en voz alta.

Atopámonos ante dous relatos de dúas experiencias de entrada nun centro educativo como asesores / orientadores (os autores deste documento intercambian estes sinónimos).

Trátanse de estudo de casos. Pero que entendemos por tales?

Un estudo de casos é unha estratexia doblemente útil xa que por un lado consiste nunha estratexia de investiaación aínda que iso non se revela moito nestes caso. Poderíamos dicir que é a través da análise de datos, entrevistas, rexistros, observacións, etc, pero ao non existir unha reflexión metodolóxica podémolo ver mellor como algo implícito. Por outro lado, trátase dunha estratexia formativa que é como a estamos empregando nós.

Como ben diría Stake (1998): “as posibilidades dunha comunidade educativa, dun centro non son xeneralizadas. Non se poden extraer evidencias para todos. A capacidade de transparencia e xeneralización está nos ollos de quen le os casos”. Isto fai que vexamos un caos como un espello no que poder mirarse como investigador ou asesor.

Pero algo que temos que ter moi claro é que os casos non se dan, senón que se constrúen. A mítica frase de “aquí hai un neno con TDAH, así que temos un caso” non está ben dita, o que temos é unha problemática, o casos hai que construílo a través de documentación, é dicir, a que se debe, quen o detectou, características, en que momento emerxeu, etc.

Outra das leccións que podemos extraer destas persoas é que estes dous casos se poden construír porque existen rexistros, de aí a importancia de tomar notas de campo a diario, xa que a memoria é débil e desta maneira podemos reconstruír a nosa práctica e ofrecer un caso aos demais.

 

A partir deste momento introducímonos como clase no seminario dos dous estudos de casos, comezando por intentar explicar porque nos atrae o título. Existe unha relación teoría-práctica dende dentro, sendo o estudo de casos como unha ponte magnífica que nos dá a opción de ir pola práctica teorizándoa ou pola teoría evidenciándoa. Ao transmitilo de forma tan atractiva capta totalmente a nosa atención sobre iso xa que automáticamente preguntámonos faltaría algo? que é o que importa? Entón, hai algo que non importa realmente?

Este estudo hai que contextualizalo e está referido a outro momento histórico, facendo que aínda que haxa pasado o tempo poida servir ou non. Estes casos desenvólvense nos anos 90 no pleno fragor da aplicación da LOXSE. Ambos autores estiveron nese proceso d reforma e en lugares onde a relación con outros profesionais foi fantástica, como por exemplo o Centro Nacional de Educación Especial (o cal despois se pasaría a chamar Centro Nacional do Desenvolvemento do Currículum).

CASO DE GERARDO ECHEITA

Comezamos a intervir toda a clase, principalmente a metade que nos había tocado falar sobre este caso. Dicir que as aportacións que recollo a continuación das miñas compañeiras son ideas que foron expoñendo, non palabras textuais xa que para iso necesitaría unha gravadora na aula.

Cristina Barrientos empezou indicando as características básicas deste caso.

“Chegou a un IES no que tiñan certas preconcepcións dos orientadores e non lles parecía moi ben a LOXSE. Atopouse cunha forte oposición do profesorado. Ademais negouse á intervención, polo que se acabou centrando exclusivamente no currículum. En resumo tivo unha mala acollida e un despacho incomunicado”.

Cristina Rey: “ía mal predisposto, cabreado. Non é fácil transmitir a teoría á práctica”.

Cristina Barrientos: citou as xuntas de avaliación caóticas que existían neste instituto e que servían basicamente para queixarse dos alumnos/as que non ían ben. Non se organizaba nin planificaba nada.

Mónica destacou que o índice de natalidade diminuíra e o de estranxeiros aumentara, pero persoalmente non entendín moi ben a que viña este comentario. Dende o meu punto de vista non está relacionado co que se estaba a falar.

Carolina repetiu principalmente o que expuxera Cristina Rey, reafirmando que cando chega ao centro, este orientador valórase moito a si mesmo.

Lourdes destacou na páxina 256 o feito de que para cumprir coa penitencia da falta de credibilidade coa que os orientadores se incorporan aos IES, este orientador tomou docencia tanto nos programas de diversificación curricular como nos grupos ordinarios da ESO, aspecto que lle permitía asistir a esas xuntas de avaliación. Tamén sinalou o termo “os paquistanís” (pa – qui – están – aquí?) que é como coñecían aos orientadores. Esta situación é bastante diferente coa que nos podemos atopar nós o día de mañá na aula.

Bea destacou a situación complicada coa que se atopou este orientador pero tamén a súa actitude á defensiva.

Lara tomou a expresión de que orientador tiña unha visión moi idealista, pero realmente esqueceuse de cómo facelo.

Eu salientei dous aspectos que me pareceron importantes e que aínda non se nomearan. Por un lado o feito de que o orientador se acabase volcando exclusivamente no alumnado; e por outro, a necesidade dunha mellor preparación.

Cristina Rey recalcou que neste instituto se non se dá docencia non es importante.

Entón Lourdes sorpréndenos ao dicir que falta o máis doce do caso.

Gerardo propón o Plan Titorial para gañarse aos profesores. Os tempos teñen que estar clarificados e postos no horario porque senón non existen. Neste caso tamén se dá unha inhibición do equipo directivo.

 

CASO DE VÍCTOR RODRÍGUEZ

Chari comentou que Víctor non mostrou a súa idea dende o inicio.

Lourdes reafírmanos que atendeu ás demandas. Que tivo unha entrada fácil e sitúase nunha situación acomodada.

Cristina Barrientos destaca que nese instituto xa levaban anos implantando a LOXSE.

Lourdes dinos que a reforma foi moi dura nos IES. E dinos que pode ser bo gañar a confianza dos profesores a través de algo que nun primeiro momento non está totalmente nos teus principios, como neste caso atender ás demandas, para despois ter a capacidade de ir reconstruíndose cara a idea que se ten. Plantexarse pequenos cambios.

Bea di que Víctor propón propostas baseadas nas intereses do profesorado e séntese orgulloso. E tamén fala da sensación de fracaso que presenta, ao dicir que si el non está presente todo o traballo que se realizou desaparece automaticamente.

Xiana salienta que este oreintador o que pretende é que os departamentos de orientación non só se refiran ao extraordinario e marxinal.

Para iso como ben sinala Cristina Rey, é necesaria unha estabilidade do equipo directivo.

Neste momento unha alumna da clase, Ana Graña comenta que ela non sería capaz de facer isto, xa que para ela é ser hipócrita.

Dende o meu punto de vista non é hipocresía, senón unha estratexia para conseguir o que queres, xa que despois reconduce o camiño cara a súa idea. Como ben sabemos moitas veces para chegar a meta non podemos ir polo camiño máis dereito xa que non é o máis fácil e está cheo de obstáculos, como ben acontece neste caso, porque Víctor se tomase este camiño e dende un primeiro momento explicase cales eran as súas funcións e que el non atendía a demandas, etc, non tería o apoio e confianza do profesorado. Por iso as veces hai que tomar certos rodeos para acabar na mesma meta, pero insisto trátase de paciencia e capacidade de reconstrución. Hipocresía son outras moitas máis cousas que nos rodean diariamente.

Comentarios

  • María Vázquez de la Iglesia

    Esta clase foi dividida en dous grandes apartados:

    1. Análise de dous casos: o de Gerardo Echeita e o de Víctor Rodríguez. Isto fai referencia ao estudo de dous casos sobre as reflexión de cómo ser asesor, as relacións cos demais docentes e o que nos pode acontecer ao chegar a un colexio.
    2. Tema da colaboración a través de procesos, estratexias como as adaptacións curriculares, os programas de diversificación curricular ou os programas de cualificación profesional inicial.

    Para estruturar o meu portafolio falarei de cada unha das partes en distintas entradas do blog, polo que esta entrada correspóndese coa primeira parte da sesión.