A colaboración entre profesionais

A colaboración entre profesionais

Como puidemos ver en clase, a colaboración é un eixe inescusable no asesoramento e na nosa futura labor como psicopedagogos/as. Esta colaboración implica traballar con en lugar de intervir en ou sobre.

Para profundizar un pouco máis no tema da colaboración entre profesionais, realicei unha lectura do capítulo 2  “La colaboración entre profesionales y el trabajo en red” escrito por Eulàlia Bassedas (2007),  onde nos fala de procesos de colaboración entendidos como  “procesos interactivos, de realización conjunta de actividades por parte de personas con experiencias y grados de conocimiento distintos respecto a un contenido, que pretenden generar soluciones creativas a problemas definidos conjuntamente.(...) Profundizar en la comprensión de los procesos de colaboración nos puede permitir, desde el asesoramiento psicopedagógico, avanzar en los cambios de todo tipo...” (Bassedas, 2007, pp. 44). 

A colaboración entre profesionais non é unha tarefa doada xa que cada persoa ten o seu pensamento, a súa propia forma de traballar… pero ó mesmo tempo e imprescindible para obter uns bos resultados e levar a cabo un bo asesoramento, onde tanto o asesor como o asesorado poderán complementarse.

Neste capítulo aparecen recollidas unha serie de estratexias e actitudes que favorecerán a relación interprofesional e que permitirán mellorar os eixes de colaboración.

En canto as estratexias serían:

-      Dotarse dunha estrutura e organización a partir da cal se poidan planificar, formular e resolver as dificultades propias da tarefa que se emprende.

-      Realizar accións co obxectivo de coidar a comunicación e a relación entre os profesionais: usar canles de comunicación pactadas, definir a relación de modo constante para entender o que un profesional pode esperar do outro, ser asertivo...

-      Elaborar documentos escritos onde se deixe constancia dos acordos tomados, os obxectivos definidos conxuntamente… e que permitan facilitar a toma de decisións e o establecemento de liñas comúns de actuación.

-      Elaborar plans de acción reaxustables e que teñan en conta o contexto: características da zona, escola, barrio,…

-      Dar un tempo para que os diferentes profesionais poidan compartir linguaxe e coñecemento, poidan coñecernos, determinar o papel e as funcións de cada un dos implicados,… Isto é primordial pois o descoñecemento xera desconfianza que só se pode vencer a través deste coñecemento mutuo. É importante sinalar que, nesta fase de coñecemento mutuo, é normal que xurdan malentendidos discusións acerca dos límites do traballo de cada profesional, diverxencias,… Isto, non obstante, non debe verse como algo negativo senón que debemos velo como unha oportunidade para aprender, para achegar puntos de vista.

No tocante as actitudes, Bassedas defínenos as seguintes:

-      Estilo de comunicación: É necesario transmitir a través da linguaxe corporal e verbal a nosa dispoñibilidade de escoita, de diálogo e a nosa capacidade de empatía. Debemos mostrarnos abertos a entender a situación que formula o outro á súa vez que dispostos a considerar as opinións e puntos de vista dos demais.

-      Estilo de relación: Resulta moi importante, nun ámbito de colaboración, mostrar flexibilidade, xenerosidade, capacidade de adaptación así como conciencia e autorregulación emocional.

-      Estilo de traballo: Nun ámbito colaborador é fundamental mostrar interese e dispoñibilidade para aprender dos demais, dispoñer de capacidade de autoavaliación e autocontrol, demostrar compromiso e responsabilidade así como flexibilidade e capacidade de traballo en equipo.

-      Interese por enfrontarse a situacións novas: Como xa comentamos anteriormente, a capacidade de adaptación, a flexibilidade, a capacidade de facer fronte ás dificultades e a tolerancia á frustración son de vital importancia.

-      Confianza na capacidade dos demais: Para calquera profesional é moi importante recoñecer que, en determinadas situacións, non podemos traballar sós. É necesario ser conscientes das nosas propias limitacións e valorar a axuda que nos poden proporcionar outras persoas con outras perspectivas diferentes ás nosas.

Aínda que non hai regras universais válidas para que se leve a cabo unha colaboración plena e eficaz entre profesionais, si estou bastante de acordo coas estratexias e actitudes expostas por Bassedas no seu capítulo.

A organización, a flexibilidade e, sobre todo, a comunicación serían baixo o meu punto de vista as tres pezas claves que sosterían un boa colaboración entre profesionais e que facilitaría o traballo entre estes.