Micorrelato sobre as culturas de colaboración observadas nos centros de prácticas

Comecei as miñas andainas  no campo da  Orientación o 3/04/2011, retornando, esta vez como alumna en prácticas, ó  meu antigo instituto, IES Fontem Albei, situado na montañosa comarca da Fonsagrada (Lugo).

Encontreime cun centro renovado, tanto no que respecta ó persoal,  como nas súas instalacións. Sen embargo, no tocante ás relacións entre docentes, estas semellaban aínda impregnadas dunha certa "cultura individualista", evidenciada a través  das súas illadas actuacións e escaso diálogo, especialmente entre os profesores con maior tradición no centro, máis reacios á innovación e ós cambios,  e as recentes incorporacións de profesorado, as cales parecían dotar os espazos dun "soplo de aire fresco", percibíndose entre ambos unha ausencia de colaboración á hora de  chegar a acordos e planificar actividades conxuntas para o alumando. Era o asesor/orientador, neste controvertido contexto, unha figura "indefinida", quizais prescindible para aqueles axentes que percibían a súa labor coma a dun "solucionador de problemas nato" o que recorrer para " deixarlle o alumno para que  o tratara", ó tempo que necesaria para os docentes que buscaban coa súa participación e diálogo, consellos para emprender novas estratexias de cara á  mellora da súa praxe co alumnado e as familias.

Sen embargo, a través do segundo Prácticum, esta vez realizado no C.E.I.P Santa María, da mesma comarca, e no cal me criei,  tiven a oportunidade  de observar e contrastar a diverxencia de culturas  que agochaban  ambas institucións, a pesar de situarse tan próximas entre sí.

Neste caso, as relacións entre os profesionais destacaban, principalmente, por unha actitude de compromiso, confianza e  preocupación conxunta polo progreso do alumnado, tanto  a nivel académico, como social e persoal. Existía un clima de participación  e constancia nas actuacións realizadas, especialmente entre os mestres e titores dos primeiros ciclos e a orientadora/asesora, á hora de organizar actividades e dinámicas conxuntas, non tan patente, sen  embargo, entre o profesorado que exercía ó tempo cargos directivos, onde si se apreciaba unha actitude "xerárquica", predominando nestes casos unha certa "cultura balcanizada", especialmente latente nas decisións burocráticas levadas a cabo no centro, e a cal ralentizaba a posta en marxa de obxectivos comúns.

   Para rematar, salientar que o análise de ambas experiencias, me permitiu comprender mellor a importancia e complexidade que supón traballar  colaborativamente nos centros , entorno a un  propósito común: mellorar os procesos de ensino e aprendizaxe do alumnado.