Grupo de Investigación Stellae

 Ata este momento falei sobre aspectos que están presentes na sociedade ou na educación como a televisón, powerpoint, redes sociais, etc. Agora, creo convinte reflexionar e analizar a importancia que ten o blog, neste caso o Grupo de Investigación da materia de tecnoloxía educativa (o seu funcionamento é similar a un blog convencional aínda que con algunhas diferenzas) no noso proceso de aprendizaxe.

http://stellae.usc.es/index.php/gl

 O primeiro día a profesora de Tecnoloxía Educativa, Adriana, explicounos en que ía consistir a materia e en que se basearía para analizar a nosa evolución durante o cuadrimestre. Nun principio, chamoume moito a atención a metodoloxía que quería empregar a profesora para impartir Tecnoloxía Educativa, tiñamos que darnos de alta no grupo de investigación de Stellae e subir artigos, vídeos, imaxes, etc que tivesen que ver coa materia na rede social do grupo de investigación. Obviamente este procedemento é continuo e ten que supoñer no alumnado un proceso de reflexión e análise crítica da información consultada. Pouco a pouco funme dando conta da utilidade que ten esta forma de aprender e do doado que é relacionalo con outros aspectos da carreira e dun modo xeral, coa vida. Todos temos que ser capaces de buscar, procesar, reflexionar, etc sobre o que acontece día a día ao noso carón.

 

Este sistema de aprendizaxe vai moi acorde con aspectos dados na clase como a teoría do construtivismo e tamén por exemplo coas Webquest ou o programa Squeak. A profesora entréganos ferramentas pero somos nós quen temos que construír a aprendizaxe, é dicir somos os protagonistas do noso desenvolvemento tanto educativo como social. Creo que esta maneira de aprendizaxe fai do alumnado persoas máis independentes, críticas, activas e sobre todo capaces de elaborar información útil e eficaz para a súa ensinanza.

 

Stellae axudado do método empregado pola profesora, presenta unhas vantaxes moi claras para os usuarios e sobre todo, neste caso, para o alumnado de III Grao de Pedagoxía. É un sitio web periodicamente actualizado, polo que require unha continua acción de procura, lectura e reflexión pola nosa parte. Temos liberdade para escribir o que queiramos, iso si, sempre e cando estea en relación coa materia. Grazas a esa flexibilidade, podemos atopar artigos moi variados onde cada un, dende o seu punto de vista ou dende a súa experiencia, aporta informacións ou reflexións interesantes. Outro aspecto moi favorable é que che permite compartir e debater información con outros usuarios polo que o meu proceso de aprendizaxe non vai estar en ningún momento illado. Ademais fronte aos “típicos” apuntamentos ou traballos, isto convértese en algo máis lúdico xa que non temos que seguir unhas pautas prefixadas.

 

Como acontece coa maioría das cousas, tamén ten aspectos negativos. Isto non é malo sempre e cando se sexa consciente de que existen, procurando previlos e sobrepasalos dun xeito positivo. Por exemplo cando nos axudamos do internet para escribir algún artigo, hai que ter coidado porque a información pode estar errada. Pola importancia deste feito, un día practicamos na interactiva de Tecnoloxía Educativa a maneira de buscar unha información acertada e lexítima sobre un tema determinado. Normalmente as páxinas oficiais ou aquelas nas que teñan algún escritor recoñecido, van ser lexítimas e outras como blogs anónimos ou documentos do rincón del vago, teñen máis posibilidades de non ser de todo fiables. Penso que o seguinte punto, o plaxio, pode chegar a ser negativo se os usuarios non saben utilizar dun xeito competente. Debemos ser persoas responsables e honestas, se copiamos algunha información ou nos axudamos dalgún artigo dun compañeiro/a temos que mencionar a súa autoría. Aínda que hoxe en día a maioría das persoas teñen internet nos seus fogares, esta maneira de traballar na materia obrígache a ter que conectarte constantemente, dificultándolle a labor a aquelas persoas que non contan con internet, tendo que procurar unha biblioteca ou un lugar onde poder conectarse.

 

Despois de escribir este artigo e tendo en conta que me gusta moito as frases que che fan reflexionar, menciono aquí algunhas dun grande educador Paulo Freire.

Cada un ou unha que as interiorice como queira ... para iso estamos nun espazo aberto e respectuoso a todo pensamento :)

  • Ensinar esixe respecto á autonomía do ser do educando.

  • Ninguén é, se se prohibe que outros sexan.

  • Só os educadores autoritarios negan a solidariedade entre o feito de educar e o feito de ser educados polos educandos.