CENTROS CAFI

Por Maria
http://www.edu.xunta.es/centros/cafi/

O Centro Autonómico de Formación e Innovación (CAFI)

1. É a unidade encargada do deseño das accións da formación permanente do profesorado. Nel estarán integrados os asesores e asesoras especialistas que determine a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria.

2. Responsabilízase do deseño, coordinación e xestión da formación a distancia de todo o profesorado galego que exerce as súas funcións nos niveis educativos  non universitarios.  

3. Encárgase de deseñar e coordinar a formación do profesorado de Formación Profesional.  

4. Responsabilízase da planificación e organización da formación permanente e  presta un servizo de asesoramento e apoio ao profesorado no seu ámbito de  actuación.  

5. Depende funcionalmente da dirección xeral da que dependa o Servizo de Formación do Profesorado e organicamente da xefatura territorial da Consellería  de Educación e Ordenación Universitaria correspondente.  

6. Estará integrado polo persoal docente e de administración e servizos que se determine.

 

MISIÓN:
Garantir a calidade da ensinanza a través da formación do profesorado, ofertando accións formativas diversificadas, dinámicas e innovadoras, que dean resposta ao dereito e a obriga de todo o profesorado á súa actualización científica e didáctica para a mellora continua da súa cualificación profesional.

 

VISIÓN:
Ser líderes na formación continua do profesorado, na innovación pedagóxica, nos recursos dispoñibles para as acción formativas, na calidade dos servizos prestados, na implicación e satisfacción de todos os axentes que interveñen para favorecer a aplicación na aula de metodoloxías de vangarda, potenciando a inclusión das TIC nas áreas curriculares.

 

VALORES:
Estimular a competencia técnica, que sería o coñecemento, o saber. A competencia nos métodos, que é a capacidade do saber facer. A competencia para participar, o saber estar. A competencia emocional, algo fundamental que ten relación co persoal, coa calidade persoal, que sería a personalidade, é dicir, o saber ser, e finalmente, aprender a desaprender.


Funcións do Centro Autonómico de Formación e Innovación.

 

a) Coordinar o deseño das accións formativas que integran os plans anuais de formación.  

b) Seleccionar e adaptar contidos para contornos educativos dixitais.   

c) Deseñar e desenvolver a formación a distancia.  

d) Deseñar e coordinar a formación do profesorado de Formación Profesional.

e) Desenvolver e avaliar proxectos de investigación e innovación educativa.

f) Promover a elaboración de materiais didácticos e de apoio á acción educativa.

g) Promover a innovación e as actividades de intercambio, debate e difusión de experiencias educativas entre o profesorado. 

h) Colaborar con outras institucións en accións relativas á formación permanente e á innovación educativa.

i) Detectar e recoller as necesidades e demandas de formación nos centros educativos do seu ámbito de actuación e propoñer iniciativas e accións formativas que as satisfagan. 

j) Proporcionar ao profesorado, especialmente do seu ámbito territorial, un servizo de  documentación, elaboración e difusión de material didáctico, así como o acceso ao uso dos recursos pedagóxicos e dos fondos das súas bibliotecas e mediatecas.

l) Calquera outra que a administración educativa lle encomende en relación cos obxectivos propios do centro.