Dous mundos

Dous mundos
Por Sara Senande

Nunha das miñas revisións matinais ás redes sociais, atopeime con esta imaxe que, cumprindo co seu propósito, fixome reflexionar. Podemos observar a un rapaz ollando o seu teléfono móbil mentres neva enriba del, isto é, mergullado nas tecnoloxías mentres a vida segue o seu curso. Por suposto, isto é o pan de cada día na miña vida: introdúzome noutro mundo mentres todo ao meu redor continúa funcionando. Aquí está o meu dilema, mergullome nun gran mundo a través do meu pequeno smartphone, un mundo no que podo atopar prácticamente o que queira; no cal a información, o coñecemento e as persoas están ao meu case inmediato alcance... e todo isto sen mover máis que os meus dedos pola pantalla do móbil. Ao tempo que amplio os meus gustos musicais, que busco información para un traballo académico, cotilleo a vida dun coñecido ou coñezo xente coa que teño intereses comúns, o planeta Terra segue xirando... pero, conmigo ou sen min?

Deixando a un lado cuestións de astronomía, hai quen di que cando colles un móbil baixas do mundo, esquecendo por completo que ocorren cousas ao teu redor, que non te decatas de nada e... bueno, que deixas pasar moita información valiosa. E digo eu, na rede podo atopar e incluso escoller a información que absorbo, empodérome en canto ao coñecemento. Así que, por que tanta conmoción con este tema? É que a información e os coñecementos que nos pode ofrecer o mundo físico son máis valiosos que os da rede? Por que tanto rexeitamento cara o que nos pode proporcionar Internet? Non será que precisamos unha maior formación en competencias dixitais? Eu penso que o emprego axeitado dos nosos smartphones radica no tempo que invertimos neles... non temos por que solapar dous mundos tan valiosos.