Alma Branduas Dosil

"A violencia é o último recurso do incompetente". Asimov

Que é un asesor?

Ola! Boas noites Laughing

Xa que estamos comezando aínda co desenvolvemento desta materia e o anterior día de clase tratamos sobre os escenarios en que teñen lugar as tarefas de asesoramento e cales son as súas competencias, gustaríame achegar a definición de asesor que fai o Dicionario de psicoloxía e educación (2001). Desta maneira, recolle que un asesor é un especialista que asiste aos xefes ou directores, axudándoos e aconsellándoos á hora de tomar decisións de importancia que afectan unha empresa pública ou privada. Igualmente, este dicionario distingue entre asesor pedagóxico e asesor psicolóxico.

O asesor pedagóxico sería aquel técnico ou especialista que colabora estreitamente coa dirección do centro escolar e co claustro de profesores na planificación e desenvolvemento do ensino, e coa asociación de pais e nais de alumnos e a comunidade para conseguir unha axeitada interacción entre estes e a escola. As súas funcións básicas serían: orientar os alumnos; colaborar na planificación de programas e en aspectos  de política educativa coa dirección; a asociación de pais e nais e a comunidade e desenvolver as liñas de comunicación co persoal docente para cumprir os obxectivos educativos.

Pola súa parte, o asesor psicolóxico é o profesional da psicoloxía que analiza a problemática persoal dun suxeito e lle axuda a superala. Para poder facer isto, sintetiza as informacións que lle achega a persoa, recollidas a través de distintos procedementos e fornece, de xeito directo ou indirecto, solucións axustadas para cada individuo.

Clarificados estes conceptos, que tipo de asesores seremos nós nun futuro? Compartiremos competencias dos asesores pedagóxico e psicolóxico? Animádevos e explicade a vosa opinión.

 

 

Referencias

Xunta de Galicia (2001): Dicionario de psicoloxía e educación: Santiago de Compostela: Xunta de Galicia.