3- As múltiples posibilidades e dificultades da rede.: Revisión

                   image                        

    Na nosa sociedade as persoas están constantemente “vivindo” a través da rede, pedindo citas médicas, mercando, visualizando música, filmes, comunicándose, e aprendendo. Os suxeitos nutrímonos en gran medida da rede como consumidores de información e, en menos medida tamén aportamos á mesma como prosumidores, creando así unha rede de coñecementos compartidos na que existen unha gran cantidade de datos.

     A primeira entrada " Coñecemento aberto" serviu de repaso e ampliación respecto á existencia de buscadores e metabuscadores, e ás formas de introducir as palabras clave para chegar a un ou outro resultado (entre parénteses, comiñas, en maiúsculas ou minúsculas etc). Así mesmo, brindóusenos información sobre os “dominios” asociados a unha determinada URL, para identificar se se trata dunha web comercial, académica, de organizacións non gobernamentais, se se trata dun servidor local, se é unha páxina con algún nivel de seguridade etc. Esta serie de detalles non parecen importantes, para unha persoa que posúa unhas competencias informáticas básicas, pero como este non é o caso, o feito de saber máis sobre a web facilita a selección de información e asegura a promoción de habilidades de busca autónoma, co que se promove a participación na materia, e se contribúe a mellorar o desenvolvemento de traballos de outras materias.

     Por outra banda está o tema do tratamento ético da información, pois ata o momento no que se tratou na clase, nunca me plantexara que non todo o que hai na rede está á libre disposición dos usuarios. Co coñecemento das licencias tamén se contribúe á mellora da calidade das producións persoais, sen prexudicar a outros prosumidores.

    A segunda "Infoxicación, content curation e lifelong learning." representa un dos maiores problemas da sociedade do coñecemento, é dicir a sobrecarga de información que deriva na infoxicación. A través da sesión correspondente a esta entrada dotouse ó alumnado dos medios para realizar unha curación de contidos, aportando unha serie de instrumentos facilitadores da selección e ordenación dos contidos que se atopan na rede (como Netvibes ou Scoop.it); así como recursos (como a infografía) que permiten a organización e visualización da mesma dun xeito visual. Netvibes será un escritorio perfecto no que organizar a información relativa a un futuro TFG ou a calquera asignatura na que se precise de contidos complementarios.