Alba Senande Fernández

Son unha persoa con moitas virtudes (alegre, traballadora,...) pero tamén con moitos defectos (cabezota, perfeccionista,...) que me fan ser o que son

Historial

Peza 2. Malestar/benestar docente: Revisión

Peza 2. Malestar/benestar docente

Última actualización de en Alba Senande Fernández

MALESTAR/BENESTAR DOCENTE

 

O malestar/benestar docente é a seguinte peza deste crebacabezas. A importancia desta peza débese a que a existencia de malestar ou benestar por parte dos profesionais vai influír de maneira significativa nas culturas profesionais existentes no centro educativo, as cales, a súa vez, van influír nas relacións entre estes e o alumnado, así como nos proceso de ensinanza e aprendizaxe. Por elo, as consecuencias non só van influír no estado de ánimo do profesorado ou as ganas que teña de ir traballar senón tamén no alumnado ao observar un clima desfavorable ou non.

Nos dous documentos que van aparecer, a continuación, móstranse algunhas das causas que inflúen á hora de existir malestar ou benestar docente e que se foron mostrando na clase. No tocante ao primeiro dos estados, considérase que pode influír o deterioro da educación pública e das condicións laborais, sobre todo, debido á época dos recortes, e o desprestixio e desvalorización do profesorado ao diminuír a calidade educativa. Ademais, inflúe negativamente, os continuos cambios curriculares e o aumento da complexidade e intensificación da acción docente debido a que cada vez se lle demanda á escola máis competencias. Con respecto ao benestar, sinaláronse as seguintes causas: existencia dun posto laboral fixo, período vacacional amplo, satisfacción e horario establecido de antemán (agora xa non é fixo debido a que aumentaron o número de horas de traballo).

Cabe destacar que algunhas das causas da existencia deste binomio: benestar/malestar docente, se debe a súa propia complexidade xa que inflúen aspectos tales como: satisfacción/insatisfacción, desgaste profesional, locus de control, residiencia, existencia de estresores psicosociais e existencia de tensións entre o “eu real” e o “eu ideal”.

Diario de clase

As dúas sesións de clase da semana pasada centráronse no profesorado, nos recortes e no benestar e malestar docente.

O martes comezou a mestra dando unha serie de pautas e reflexionando sobre o transcorrer do portafolios, logo da súa avaliación. A continuación, intentou darse resposta por parte de toda a clase á pregunta: como afectan os recortes ao profesores? Logo, dividiuse a clase en dous bandos coa finalidade de que ao día seguinte se fixera un debate sobre o benestar/malestar docente: o lado esquerdo apoiaría o benestar docente e o dereito, o malestar. Cada persoa tiña que ter unha razón reflexionada para a seguinte sesión sobre o tema que lle tocara para escribila máis tarde nun post-it.

O día de clase do mércores estivo adicado exclusivamente a realizar o debate. Entre algunhas ideas importantes de cada un dos lados están:

- Malestar docente:

  • Deterioro da educación pública: diminución do profesorado nas aulas, aumento da ratio,...
  • Deterioro das condicións laborais: diminución do salario laboral, aumento do horario,...
  • Desprestixio e desvalorización do papel do profesorado au diminuír a calidade educativa e que xa se produce dende a súa formación inicial.

- Benestar docente:

  • Posto laboral fixo.
  • Período vacacional amplo.
  • Satisfacción que produce o traballo.
  • Horario establecido de antemán.

Todos estes aspectos acabaron por centrarse nos recortes en educación e as súas consecuencias. Por un lado, defendeuse a idea de que esta situación desmotiva tanto ao profesorado como o alumnado. Sen embargo, e por outra banda, tamén se argumentou que os mestres deben ter a capacidade de maximizar os recursos presentes co fin de minimizar as dificultades nas que se atopan.

Outra idea que se debateu tamén foi que a estabilidade que defendía o lado do benestar docente non é tal xa que antes se consideraba o soldo fixo e ao final acabouse baixando e o número de horas de traballo, subiron. Este cambio provocou ademais que diminuíra as horas que o profesorado pode adicar a preparar as clases, realizar cursos complementarios,...

Por último, rematouse a clase coa pregunta de se esta situación favorece a colaboración entre o profesorado co fin de axudarse e debido a que busca un mesmo fin ou aumenta o individualismo presente ao longo de todo o sistema educativo.

Como conclusión e dende a miña opinión e os meus estudos como mestra en educación infantil, considero que ten maior peso e forza o benestar docente fronte ao malestar debido a satisfacción que produce formar as futuras xeracións e a creación de relacións tan positivas cos nenos, os cales che alegran o día coa súa sonrisa e o seu cariño minorizando todos os problemas que existan na profesión docente.

 

Diario de clase

A sesión do mércores da semana pasada estivo centrada en explicar de maneira máis pormenorizada as causas do malestar docente, logo de asistir a mestra a un seminario sobre esta temática. Antes de citalas, destacouse a defensa que se fixo neste acto sobre o papel do psicopedagogo nos centros escolares, ao considerarse unha figura sensible que debería observar as situacións que se dan nel, xa que os equipos directivos, que serían os responsables desta función, están actualmente máis destinados ás tarefa de xestión e control. Considero que esta defensa do psicopedagogo é moi positiva debido a que permite mellorar a estima que se ten cara este profesional, o cal se encontra actualmente moi desvalorizado.

Centrándome nas causas, mostráronse as seguintes:

- Benestar/malestar docente. Son dúas caras da mesma moeda, aínda que é máis fácil baixar ao malestar que subir ao benestar.

- Aumento da complexidade e intensificación (Apple, 1998) da acción docente ao aumentar as demandas á escola.

- Cambios curriculares continuos, é dicir, non se da tempo a que o profesorado se adapte a unha nova situación cando xa se está a producir unha nova reforma.

- A propia complexidade do construto: malestar/benestar docente xa que inclúe moitos aspectos a ter en conta como:

  • Satisfacción/insatisfacción. Non sempre van unidos nin son antónimos. Por exemplo, o profesor pode estar satisfeito co seu traballo pero non na súa relación cos seus compañeiros.
  • Desgaste profesional (=burnout). Implica agotamento exhaustivo, ansiedade,..., así como se encontra moi interrelacionado co estrés negativo. As cifras son moi altas na profesión docente.
  • Locus do control.
  • Residiencia.
  • Existencia de estresores psicosociais.
  • Existencia de tensión entre o “eu ideal” e o “eu real”. Ada Abraham sinala que a fronteira entre o benestar/malestar está nesta tensión e que os tipos de reaccións existentes cara esta son catro:

Acepta os cambios educativos como algo normal. Pensamento positivo cara os cambios. Este debería ser a posición “ideal” xa que só a través desta actitude se vai poder superar a actual crise escolar. Desenvolve actitudes de inhibición. Oponse aos cambios. Adopción de sentimentos contraditorios con actitudes ambiguas. Non sabe como reaccionar e actuar. Vivencia da docencia cun sentimento permanente de ansiedade e sentimentos de culpabilidade.

Outro documento que explica as causas do malestar e benestar docente é o seguinte:

Diario de clase

Unha das sesións da semana pasada consistiu na finalización da explicación das causas de malestar docente. Entre elas, destacouse as recompensas existentes, as cales dende o meu punto de vista son moi importantes para elixir a profesión docente, sobre todo, as referidas as intrínsecas como é a interacción cos alumnos. Isto permite mostrar outra gran causa como é a vocación ou compromiso coa tarefa e o humor que debe presentar o profesorado tanto aos seus compañeiros como o seu alumnado, xa que sen este aspecto caeríase no victimismo e na rutina.

A continuación, mostrouse como a ensinanza é unha profesión paradóxica xa que se lles reclama que cren a sociedade do coñecemento ao mesmo tempo que solucionen os problemas que crean esta sociedade. Isto provócalles aos profesores situacións antagónicas e, por elo, estresantes.

Sinalouse tamén un aspecto moi importante no profesorado e que está relacionado de forma moi íntima co benestar docente e que consiste na formación das emocións, aspecto que non se trata en ningún momento durante a formación inicial ou permanente, facendo ver que o profesorado é entendido como unha máquina, o que pode influír de forma drástica no elevado número de mestres con malestar ao non atender as súas características persoais. Actualmente, o profesorado está a vivir un momento especial, xa que a sociedade se está poñendo do seu lado polo que debe mostrar as súas inquedanzas e necesidades.

 

Neste, pódese observar a importancia das recompensas existentes tanto intrínsecas (interacción co alumnado, vocación ou compromiso coa tarefa...) como extrínsecas (salario, vacacións...) á hora do estado de benestar por parte dos docentes. Outro factor que inflúe é o humor, o cal permite superar o victimismo e a rutina. Este relaciónase de maneira íntima coa importancia de formar aos docentes nas emocións tanto na formación inicial como na permanente. Por elo, é necesario superar esa idea de considerar aos docentes como máquinas sen sentimentos nin emocións valorando situacións estresantes que poden sufrir, conflitos cos compañeiros e alumnado e non unicamente adquirir coñecementos referidos a teorías, modelos de ensinanza...

No tocante ao malestar docente, sinálase que a ensinanza debe crear a sociedade futura pero ao mesmo tempo solucionar os problemas desta, creando unha encrucillada nos docentes difícil de superar.

Dende o meu punto de vista, tamén cabe sinalar como posible causa do malestar docente a dificultade que observa o alumnado para encontrar traballo na situación actual, o que provoca, sobre todo, en niveis superiores, desmotivación para aprender, influíndo negativamente na forma de ensinanza do profesorado. Ademais, é necesario ter en conta a propia personalidade destes profesionais xa que cada un vai ter unha visión diferente da súa profesión docente e vaise encarar a ela de diversas maneiras, así como xa pode posuír un sentimento depresivo por característica propia.

Para finalizar coas causas do malestar docente, considero interesante mostrar algúns dos recortes que se están a dar en educación e que, segundo o propio ministro de Educación, José Ignacio Wert, non van influír na calidade de educación. No último dos documentos presentados, obsérvase que este paquete de reformas consistirá no aumento da ratio e no horario laboral. Dende o meu punto de vista, se actualmente xa non existe unha educación de calidade, esta non se vai alcanzar incrementando o número de alumnos por aula xa que será imposible (agora xa é dificultoso) atender ás necesidades, intereses e motivacións de cada un deles e menos co aumento de horas laborais semanais. Isto, a súa vez, vai dificultar levar a cabo unha cultura de colaboración entre os profesionais dos centros educativos debido a que lles será máis complicado poder ter horas libres para o traballo en equipo e a axuda mutua.

Noticia sobre os recortes no ensino

Noticia sobre os recortes en educación

 

Un artigo que considero moi interesante nestes momentos debido a que é unha síntese das causas do malestar docente e mostra algúns cambios a realizar para superalo é o seguinte:

O malestar docente

 

Como se pode observar, nel destácase que o realmente preocupante é considerar esta situación como algo habitual, aspecto que non debería ser así, senón que debería loitarse contra as causas que o provoca. Entre elas, encóntrase a agresividade por parte do alumnado e as familias e os cambios sociais fortes.

Entre as solucións que se mostran, sinálase o traballo cooperativo entre o profesorado, promover entre estes actitudes reflexivas sobre a súa práctica educativa, fortalecer o seu rol profesional...

Outra incorporación a realizar por presentar a mesma natureza que o documento anterior (explicación das causas e posibles solucións) é a seguinte:

 

Documental sobre o malestar docente

 

Este trátase dun documental no cal se analizan algunhas causas do malestar docente como é o aumento das demandas á escola, a desvalorización do papel do profesorado, a diminución da súa autoridade e a relación antagónica entre o que se ensina na escola e o que realmente existe na sociedade. Considero que esta é unha das grandes causas debido a que o alumnado non ve na escola, o que realmente vive na sociedade, é dicir, existe unha fenda demasiado grande non existindo relación entre os coñecementos escolares e os experienciais. A causa disto, o alumnado desmotívase, o que inflúe no proceso de ensinanza por parte do profesorado, o cal tamén se desmotiva ao non ver interese por parte do alumnado.

 

Como conclusión e para finalizar esta peza do crebacabezas, considero que é necesario superar esta situación de malestar docente xeral ou intentar que non se agrave. Para elo, destacaría a necesidade de colaboración entre todos os profesionais intentando optimizar e sacarlle o máximo partido posible aos recursos que ten a súa disposición tanto materiais como humanos, xa que todo docente debe ter a capacidade de iniciativa, creatividade e innovación. Ademais, é necesario que presente unha actitude positiva cara os cambios, así como saber pedir axuda aos seus compañeiros. Isto é moi importante xa que un profesor que teña unha autoestima ou nivel de motivación baixo na clase vai influír no seu alumnado, sobre todo, en niveis educativos inferiores perdendo motivación eles mesmos por aprender, así como rebaixarlle a alegría coa que poidan acudir á aula.