2.5. Camiños da Pedagoxía: Revisión

2.5. Camiños da Pedagoxía

Última actualización de en Yolanda Rial

A semana pasada na sesión expositiva, recibimos unha grata sorpresa. Tres pedagogas e tres ámbitos de traballo diferentes: Lola, orientadora no IES Antón Fraguas; Silvia, deseñadora e avaliadora de materiais didácticos e Raisa que desenvolve a súa práctica profesional nun centro de menores. Tres ámbitos diferentes pero cun enfoque común: As novas tecnoloxías.

Parecéronme realmente interesantes os ámbitos de traballo de Silvia e Raisa, sen quitarlle méritos a Lola por toda a súa implicación como orientadora.

Para Silvia, a tecnoloxía está presente en cada aspecto da súa vida, xa que deseña videoxogos. Explicounos as tarefas fundamentais que realiza (curación de contidos): busca de información, selección e análise crítica, saber organizala e por último transformala, adaptala ou construíla.

Raisa, sen embargo, dubidaba en como integrar as novas tecnoloxías nun centro de menores, debido a que, entre outros factores, o Regulamento de Réxime Interno prohibe usar os teléfonos móbiles no centro. Deste xeito é realmente complicado que os rapaces que están lonxe das súas familias, poidan comunicarse con elas. Pareceume interesante pensar no xeito de intentar atoparlle respostas, no canto de optar pola prohibición dos dispositivos móbiles. É imposible prohibir algo que nos nosos días se atopa presente en cada aspecto da nosa vida, e máis nos procesos de desenvolvemento de competencias e habilidades, onde se debería aprnoveitar todas as súas vantaxes. Ben utilizadas e sendo conscientes dos seus riscos, as tecnoloxías contribúen ao desenvolvemento integral das persoas. Estas poden axudar no estímulo da creatividade, a innovación, a autoestima, etc. Sabendo seleccionar e dosificar o seu uso permiten a integración de coñecemento e entretemento; dependendo do uso que se faga delas así será o resultado. Pero tamén observándoa dende outro punto de vista, a tecnoloxía pode causar diferenzas sociais, por exemplo de acordo aos coñecementos tecnolóxicos que posúa cada rapaz ou rapaza.

Pero como ben dixen en posts anteriores, non estamos realmente preparados profesionalmente para afrontar este tipo de retos. Raisa aludía a que non teñen formación para exercer un control e responsabilidade do que supón o manexo das novas tecnoloxías nun centro de menores..

Este tipo de visitas, de experiencias que se nos achegan á aula resultan gratificantes, vemos máis aló do que se nos conta nas diferentes materias, do que lemos.