5. Cuarto sinal: A práctica do asesoramento: Revisión

5. Cuarto sinal: A práctica do asesoramento

Última actualización de en Raquel Ferreiro Mareque

     O asesoramento educativo e unha práctica profesional moi recente e que na actualidade aínda permanece en construción, con diversas posibilidades de desenvolvemento en momentos de cambio e complexidade. Por iso é preciso levar a cabo unha revisión das súas prácticas co fin de orientar e de que se aporte luz ao futuro da práctica asesora nos contextos educativos.

     Neste sentido, nunha sesión de clase analizamos o texto de Domingo Segovia, Comprender y redireccionar las prácticas de asesoría.

     Para levar a cabo dita tarefa, empregamos a  “técnica de acuario” ou tamén chamada “técnica da cáscara de cebola”.

     O nome de dita técnica débese a colocación que se fai dos participantes, pois para o seu desenvolvemento é preciso formar tres círculos; o primeiro deles está composto polos expertos que se encargan de debater entre eles un tema concreto (neste caso o texto anterior); o segundo deles composto polos observadores críticos que se encargan de contrastar ou matizar as ideas aportadas polos compoñentes do círculo interno ; e o terceiro deles composto polos observadores restantes que ao final comentan o que lles parece máis oportuno.

     A través desta técnica favorecese a aprendizaxe dun tema mediante a análise e a síntese da información, pescudase no coñecemento dun tema, avalíase o grado de dominio que posúe o grupo sobre o tema e propiciase un ambiente informal para o análise de dito tema.

     A sesión desenvolveuse en tres partes.

     Na primeira delas o grupo de expertas tratou de indagar dunha forma moi clara e ampla nos aspectos máis significativos do texto de Domingo Segovia.

     Para iso comezaron falando dos factores do contexto que fan que este autor se propoña redireccionar as prácticas de asesoría. O autor fala dunha ausencia de reflexión e de que as políticas educativas non están favorecendo esas situacións de reflexión pois esas políticas non se establecen dende dentro senón dende fóra.

     Nun segundo apartado trataron de analizar as luces e sombras que se poden atopar nas accións da asesoría. En referencia a isto, debemos repensar o que se entende por colaboración e se en verdade está a existir esa verdadeira colaboración. O autor sitúa o asesoramento nun novo marco da acción, a escola en sí mesma, polo que o  cambio debe ter o seu inicio na escola, e os propios docentes deben ser os axentes dese cambio.

     No terceiro apartado tratáronse os modelos de actuación. En relación a isto, o autor indica que non existen uns modelos mellores que outros, senón que se deben integrar e aproveitar todos os puntos fortes de cada un. En canto aos modelos de experto estes diríxense a diferentes ámbitos: contidos o especialistas nun ámbito de actuación; procesos ou xerais; e  contidos. En función aos estilos de actuación temos: estilo directo e estilo indirecto, e segundo sexa a súa ubicación falamos de modelos internos e externos.

     Finalmente, o último punto tratado facía referencia ao que debemos facer nós como profesionais para crear unha boa escola. Para conseguilo é preciso ter en conta que se debe lograr crear un traballo conxunto entre todos no que se traballe “con” en lugar de intervir “en”. O noso traballo como futuros asesores non se limita a resolver problemas senón a acompañar e guiar á comunidade educativa. Así pois, non podemos converternos en profesionais prescindibles, senón que progresivamente os docentes e o resto de profesionais deben ser capaces de propoñer solucións, de tal xeito que o asesor se vaia mantendo ao marxe ata que a súa acción xa non sexa esencial. É preciso que todos nos sintamos partícipes desa proposta de mellora e saber que temos un papel fundamental nela.

     Na segunda parte da sesión, tocoulles intervir ao círculo das observadoras críticas, as cales tiñan un papel difícil pois logo de todo o tratado polo círculo interno apenas lles quedaba algún aspecto que rebater ou cuestionar. Aínda así introduciron un debate interesante acerca de se as reunións que se desenvolven nos centros son un mero trámite burocrático ou se en realidade o que se reflexiona nelas se leva a cabo. En relación a isto chegouse á conclusión de que é preciso ser prudentes á hora de valorar a situación e non facer unha xeralización sen ter coñecemento en profundidade de todas as prácticas que se desenvolven nos centros. Sempre adoitamos destacar os aspectos negativos, pero iso non quere dicir que non existen realidades moi proveitosas e moi positivas.

     Na última parte da sesión, o resto de observadores, puidemos expresar as nosas impresións acerca do tratado anteriormente.

 


     Por outro lado cando falamos da práctica do asesoramento, temos que ser conscientes da importancia que esta ten sobre a configuración do currículum

     Unha das metas prioritarias da actual reforma educativa é a definición do currículum básico, polo que se garantice o dereito á educación de todos os cidadáns. Definir un novo currículum para a educación obrigatoria supón tomar unha serie de decisións que parten dos expertos educativos (gran importancia dos asesores/as) e sobre as cales as instancias políticas  deben adoptar as decisións que faciliten a súa execución.

     Con respecto a isto, durante a sesión do 7 de Novembro levouse a cabo o desenvolvemento en pequenos grupos da “Técnica das 3P”.

     Nun primeiro momento a profesora formulounos tres preguntas ás cales debíamos dar unha resposta. Para iso previamente era preciso debater e reflexionar sobre ditas respostas entre todos os membros do grupo.

     As preguntas formuladas foron as seguintes:

  • ¿Qué actuacións observamos que definiríamos como de asesoramento curricular?
  • ¿Cómo poden asesorar sobre o currículo quen non son especialistas nun ámbito curricular?
  • ¿Qué saberes sobre o currículo posúen os psicopedagogos/as no seu proceso de formación como tales e cales deberían de posuír?

     En canto á primeira pregunta, cada grupo aportou as súas experiencias vividas durante os diferentes períodos de prácticas. No noso caso, consideramos que as principais situacións observadas durante o noso período de prácticas foron as realizacións e adaptacións dunhas ACS (Adaptacións Curriculares Significativas), e a realización de forma colaborativa, entre algún mestre e o orientador, de actividades adaptadas ás características individuais dalgún alumno/a que presentaba algún tipo de dificultades.

     En canto a esta pregunta, tamén se comentou a importancia que o asesor/a ten á hora de identificar os problemas e saber dar pautas para resolvelos. Este/a debe ser capaz de identificar o común e o diferente. Outro aspecto importante a ter en conta, é que debe xerar confianza nos pais e nais, debe saber anticiparse a calquera tipo de problema e establecer relacións máis próximas coas familias para deste xeito poder ten un maior contacto con elas.

     Con referencia á segunda pregunta, consideramos que en si non somos especialistas nese ámbito, pero si temos unha formación tanto no ámbito curricular como no ámbito do asesoramento que nos permite desempeñar esas tarefas. Como asesores, non vamos a ser especialistas en todos os campos ou ámbitos, pero ao traballar de forma colaborativa con outros especialistas e profesionais temos unha certa competencia para asesorar sobre o currículo.

     Por último en canto á terceira pregunta, a maioría estamos de acordo en que posuímos unha serie de coñecementos a nivel estrutural e organizativo sobre o currículo (tipos, fontes, niveis de concreción curricular, elementos, lexislación…), pero consideramos que en referencia aos saberes prácticos existe unha maior carencia e que deberiamos posuír unha maior cantidade destes saberes para desenvolver dunha forma máis axeitada a nosa labor como asesores/as.