Historial

8. A necesidade do cambio e mellora da escola: Revisión

8. A necesidade do cambio e mellora da escola

Última actualización de en Lidia Antelo Pérez

8. A NECESIDADE DO CAMBIO E MELLORA DA ESCOLA

   Neste punto as suculentas augas deste río pararanse na necesidade do cambio e mellora da escola debido ós continuos vaivéns sociais, culturais e económicos que veñen acontecendo nos últimos anos. Estes últimos, os económicos, están a repercutir dun xeito totalmente negativo e moi notable sobre as escolas, pois a crise na que estamos inmersos provoca que os recursos e as posibilidades de actuación dos centros e do profesorado sexan cada vez máis limitados. Así mesmo, a isto únense múltiples factores que prexudican a educación en lugar de beneficiala, entre eles a gran cantidade de esixencias e responsabilidades que os pais cada vez máis deixan en mans dos docentes a pesares de ser competencias que non lles corresponden, a infravaloración da profesión docente, a falta de profesionalidade, a falta de compromiso educativo, a escaseza de recursos materiais e humanos...digamos que son factores que tamén se corresponden co malestar docente, pois poderíase dicir que tanto o malestar como a necesidade do cambio e da mellora son dous aspectos que se correlacionan.

   Neste punto convén delimitar o que se entende polos termos de cambio e mellora, pois case sempre son empregados como sinónimos aínda que verdadeiramente non o sexan para designar procesos de transformación que teñen lugar na aula, no centro e no sistema educativo. Algúns autores como Fullan empregan indistintamente os termos cambio, mellora e reforma, xa que a súa preocupación reside en como realizar dito cambio; é dicir, o propósito de cambio educativo para este autor supón axudar ós centros docentes a conseguir as súas metas máis eficazmente a partires da modificación dalgunhas estruturas, programas e/ou prácticas. Outros como González e Escudero (1987) conciben o cambio como un proceso máis ou menos planificado para introducir unha mellora que faga moito máis eficaz aquel aspecto sobre o que se actúa; así mesmo, din que non é un proceso fragmentable, aínda que se se fala de cambio planificado si cabe a posibilidade de que o sexa, xa que non se alude tan so a un simple cambio senón que en función das súas características pódese ser e, en efecto, é contemplado como mellora da escola ou innovación.

   Deste xeito, poderíase dicir que o termo cambio é un dos máis xenéricos e o que máis discrepancias parece provocar, e fai referencia tanto ó proceso como o resultado xa sexa intencional ou espontáneo e tanto se se executa nun ámbito reducido como se afecta a todo o sistema educativo. Pola súa parte, a mellora da escola é un termo pouco utilizado nestes intres, mais pode considerarse como afirma Van Velzen (1985) como “un esfuerzo sistemático y continuo dirigido a cambiar las condiciones de aprendizaje y otras condiciones internas asociadas en una o más escuelas, con la finalidad última de alcanzar las metas educativas más eficazmente”.

   A mellora da escola é un cambio educativo que para que se produza require dunhas determinadas condicións segundo Hopkins e Lagerweij (1997), tales como:

-A escola é o centro do cambio: Isto implica, por unha banda, que as reformas externas deben axustarse ás escolas individuais e, por outra, que os cambios deben superar a visión única da aula como protagonista do cambio.

-Hai un plantexamento sistemático para o cambio: A mellora da escola supón un proceso que dura varios anos e ten que ser coidadosamente planificado e organizado.

-O cambio ha de basearse nas condicións internas da escola: Non se trata de centrarse so na modificación das actividades de ensinanza-aprendizaxe senón que tamén é preciso cambiar a cultura escolar, a distribución e uso dos distintos recursos, a distribución das responsabilidades, o compromiso...

-As metas educativas conséguense de forma máis eficaz: Ditas metas son específicas para cada centro e reflicten o futuro que se pretende para o mesmo.

-Precísase unha perspectiva multinivel: Entendido como que aínda que a escola é o centro do cambio, tamén cómpre ter en conta o seu contexto, o departamento, a aula e, por suposto, o alumnado.

-As estratexias de desenvolvemento están integradas.

-Dáse unha tendencia cara a institucionalización: O cambio non so será satisfactorio e eficaz cando forme parte do comportamento propio e natural dos docentes no centro.

   Deste modo, a mellora non se concibe so como unha situación final senón como un medio que permite levar a cabo un proceso de cambio educativo planificado, especialmente apropiado en momentos de sobrecarga de iniciativas e ideas de innovación que require de forma habitual de apoio externo, e que destaca as estratexias que fortalecen a capacidade da escola para facer unha óptima xestión do cambio coa finalidade de mellorar os resultados do alumnado a través dun enfoque concreto sobre o proceso de ensinanza-aprendizaxe.

   Polo tanto, a mellora é unha medida que se pode considerar moi boa sempre é cando:

  • Estea centrada na escola.
  • Implique a todo o persoal do centro.
  • Constrúa unha comunidade de aprendizaxe que inclúa a toda a comunidade educativa.
  • Se guíe a partires da información obtida tanto de datos do centro como do alumnado e da propia investigación.
  • Permita potenciar o desenvolvemento continuo do profesorado.
  • Promova a capacidade do alumnado para aprender.
  • Actúe na análise da ensinanza e do currículo e no desenvolvemento de iniciativas para melloralo.

   O máis idóneo para cambiar e mellorar a situación da escola neste momentos sería un traballo colaborativo onde estivese implicada toda a comunidade educativa, de tal modo e como di Domingo Segovia (2010)“más allá del cambio dirigido: apoyar la mejora desde dentro, entre todos y para todos”, o cal considero que define moi ben o que hai qué facer para lograr a ansiada e necesaria mellora educativa.

   Para lograr este cambio e/ou mellora a escola ten que ser o núcleo do cambio, algo que xa se ven dicindo desde parágrafos anteriores pero nunca sobra recordar, no cal serán cinco as cuestións claves que segundo Fullan (1982) cabe destacar:

  • Hai que dar importancia á organización e ós procesos culturais por riba dos resultados da escola.
  • É preciso ver os resultados escolares como problemáticos por si mesmos, os cales implican debate e adopción de medidas por parte do centro.
  • Requírese unha orientación máis cualitativa na metodoloxía de investigación, xa que os datos son fundamentais para a mellora e deberían reflectir os distintos puntos de vista dos implicados.
  • Demándase interese por entender a escola como unha institución dinámica que precisa de maior número de estudos lonxitudinais.
  • Débese centrar máis na cultura escolar que na estrutura escolar como principal forma de entender o potencial para o desenvolvemento educativo.

   As principais estratexias de cambio residen en:

  • Unha formación para os docentes que se caracterice por ser ampla e axeitada a cada profesor/a.
  • Apoio a aula desde axentes externos de cambio.
  • Recompilar ideas de outros proxectos de cambio.
  • Facer o seguimento da posta en práctica do proxecto mediante reunións periódicas entre os docentes.
  • Maior participación do profesorado na toma de decisións.

   Dado que as estratexias non sempre garanten a mellora cómpre ter en conta as seguintes condicións internas do cambio:

-O marco ambiental: O centro educativo debe dedicar suficiente tempo a intensificar a confianza e a sinceridade entre o persoal docente, o alumnado e a comunidade, antes de centrarse nas innovacións.

-A visión compartida: Debe facerse explícita unha visión sobre o que se considera unha boa educación, xa que axuda ó centros a decidir a súa propia dirección e a desenvolver unha actitude responsable do cambio.

-A planificación conxunta.

-O liderado participativo: Os principais responsables han de crear oportunidades para que outros tamén poidan asumir funcións de liderado a partires da implicación e o fortalecemento persoal.

-A implicación e fortalecemento persoal: Os compromisos co cambio son mellores e máis efectivos cando os implicados son consultados sobre a toma de decisións e participan nela.

-A asociación: Os centros precisan de “amigos críticos”, individuos ou grupos da comunidade que lles permita aclararse e a tomar decisións en momentos puntuais e de verdadeira importancia.

-A supervisión e avaliación: O éxito da mellora da escola residen na supervisión e avaliación planificada e sistemática do proceso e resultado dos cambios.

-A identificación e solución de problemas.

-O desenvolvemento do persoal e recursos de apoio: As estratexias de desenvolvemento da escola son de moita axuda para a aula e a mellora do centro, e para lograr o cambio son necesarios recursos materiais e humanos adicionais.

-A adaptación das estruturas da xestión: Unha vez posto en marcha os esforzos de mellora, é habitual ter que reestruturar as disposicións existentes que imposibilitaban a progresiva mellora do centro.

-A creatividade: Os centros precisan flexibilidade e predisposición para facerse donos das ideas externas dentro do seu contexto e das súas necesidades.

   O cambio e a mellora supoñen á súa vez unha serie de desafíos relativos á mobilidade do persoal e dos equipos directivos, á dificultade de manter o compromiso, ás presións micropolíticas, á dificultade de vincular os resultados directos coa mellora, ó problema de manter a distinción entre os medios e o fin, ás implicacións dos proxectos, ás axendas concorrentes e ás diferenzas contextuais.

   Outro aspecto que xorde como tema de discusión a raíz da necesidade da mellora da escola, que inclusive foi unha cuestión de debate no transcurso dunha sesión de clase, é se a educación pública é ou non de calidade, pois a priori semella que se busca o cambio e a mellora é porque o que se ven facendo ata o momento non é o máis axeitado. Baixo a miña perspectiva, a educación está en crise debido os recortes pero tamén como consecuencia das numerosas leis que se veñen promulgando nos últimos anos entre os distintos gobernos do país, o que non significa que non sexa de calidade; aínda que en moitas ocasións se esperen ou poidan esperar moitas máis cousas da escola das que realmente pode ofrecer, de aí a crítica de se a educación é ou non de calidade, un tema que suscita demasiada controversia e dun xeito bastante habitual. Haxa ou non cambios, reformas, melloras... sempre hai que avogar como afirma Escudero (2002) por “Una educación pública y de calidad para todos”; sendo a clave a construción dunha boa escola sen caer en prácticas erróneas residindo na unidade e traballo real a partir do qué e porqué hai que cambiar, mediante unha construción colectiva desde distintos puntos de vista e baixo o slogan de “traballar con” no sentido de prudencia e perseveranza en vez de “intervir en”.

    Así mesmo, nos últimos anos xurdiron numerosos modelos de grande interese conceptual e práctico para facilitar o cambio educativo nos centros escolares. Deste xeito, outro dos temas clave ten que ver coa función do liderado, entendéndoo como orientación, toma de iniciativas, apoio, sostemento e dinamización de institucións e profesorado en relación con proxectos de cambio particulares ou con procesos de xeración e desenvolvemento de innovacións, os cales teñen lugar desde os propios centros de ensino e os docentes. Dita función de liderado e dinamización que precisan os procesos de cambio educativo semellan a categoría máis inclusiva na que cómpre situar o asesoramento curricular. 

   En definitiva, é moi importante nestes tempos que corren e ante a necesidade da mellora e do cambio escolar unificar os esforzos de toda a comunidade educativa para lograr un sistema educativo innovador e de calidade axustado ás necesidades do alumnado, do profesorado e, en xeral, de toda a comunidade educativa dando resposta a todos os problemas e dificultades que se presenten da mellor forma posible.