6. Psicopedagogos e profesorado ¿Qué relacións?: Revisión

6. PSICOPEDAGOGOS E PROFESORADO ¿QUÉ RELACIÓNS?

   A actividade dos asesores/as psicopedagóxicos/as no desenvolvemento do currículo co profesorado e cos centros ten como punto de partida básico a idea de colaboración, aspecto que trataremos más adiante. En moitas ocasións dita colaboración semella un proceso de gran complexidade dadas as características dos implicados, do contexto... pero no caso das relacións entre o profesorado e os psicopedagogos/asesores, como son estas?

   Para coñecer máis de cheo esta relación haberá que formularse dúas preguntas: por un lado, “Qué pensan os futuros/as asesores/as dos profesores e profesoras de Infantil, Primaria e Secundaria con quen van a traballar?” e, por outro lado, “Qué pensan profesores e profesoras de asesores e asesoras?”.

 

-“Qué pensan os futuros/as asesores/as dos profesores e profesoras de Infantil, Primaria e Secundaria con quen van a traballar?”

   Considero que a percepción dos asesores con respecto ó profesorado varía en función do nivel educativo no que nos atopemos, pois o profesorado tanto de Educación Infantil como de Educación Primaria, amosan unha maior accesibilidade e flexibilidade á hora de emprender un traballo conxunto co asesor/orientador. Sen embargo, na Educación Secundaria o profesorado non semella ter tanta disposición para traballar de forma colaborativa co asesor/orientador e, incluso, atópanse con trabas xa que, en moitas ocasións, os docentes interfiren de xeito negativo nas propostas elaboradas e proferidas polo Departamento de Orientación.

 

-“Qué pensan profesores e profesoras de asesores e asesoras?”

   Para dar resposta a que sensación ou impresión predomina entre o profesorado con respecto os asesores/as, considero relevante destacar que haberá que falar de dous supostos. Por unha banda, o profesorado que considera ó asesor/orientador como punto de apoio, axuda e consulta con quen traballar de forma conxunta e colaborativa para buscar en consenso unha solución ós problemas e/ou necesidades que se presenten; e, por outra banda, os docentes que catalogan ós asesores/as como profesional ó que se recorre para que lles proporcione unha solución rápida e inmediata; digamos que é concibido como “un solucionador de problemas”.

 

   En xeral, pódese afirmar que a visión do asesor/a é máis positiva cara o profesorado que a que teñen estes últimos de cara o asesor/a, pois estes perseguen un traballo colaborativo para lograr a mellora ó considerarse como axentes da comunidade educativa que amosan unha boa disposición para tal fin. En moitas ocasións, no seo do profesorado circula a idea ou o pensamento erróneo de que o asesor/a se vai a entrometer no traballo propio o que provoca o menosprecio da súa labor, amosando suspicacia e arrogancia e impedindo que o conxunto do alumnado se beneficie do seu traballo e axuda. Egoísmo que non só afecta ó alumnado, senón tamén ó profesorado que podería contar cun profesional de apoio e axuda con boa predisposición a traballar de xeito participativo coa finalidade de conseguir o ben e a mellora de toda a comunidade educativa.

   Lorenzo (2008) considera que os principais erros da labor dos asesores/as, que acaban repercutindo en malas ou nulas relacións co profesorado e co centro, residen en:

  • Crer que a comunidade educativa coñece cómo funciona a orientación.
  • Elaborar programas sen a intervención dos profesores e xefe de estudos.
  • Entregar o PAT os profesores/as o principio de curso e esquecerse do seguimento.
  • Esperar a que demanden a súa axuda (aquí cómpre salientar o feito de que verdadeiramente importante saír o encontro).
  • Asumir funcións de outros profesionais de centro.
  • Traballar sen programas atendendo demandas espontáneas.
  • Ofuscarse con algúns profesores que non colaboran.
  • Querer atendelo todo ó mesmo tempo.

 

   O asesoramento é esencialmente unha práctica de traballo con “colegas”, pero a mesma implica un exercicio conflitivo dado a que todo ou case todo son obstáculos no desenvolvemento da colexialidade. A simetría das relacións non é algo que se poida garantir, como ocorre no caso dos psicopedagogos/asesores e profesorado, pois a pesares de poder declarar que ambos teñen o mesmo estatus, a realidade non semella así, pois en liñas xerais, o asesor/a soe considerarse nunha posición máis elevada con respecto o profesorado. Isto acaba ocasionando, na maioría dos casos, que o asesor/a se atope nunha situación de desvantaxe ó encontrar a súa actividade trabada e impedida ante a arrogancia e suspicacia do profesorado.

   Para que realmente se atopen ó mesmo nivel, sería precisa a configuración dun modo específico da interacción de asesoramento e que o axente de apoio (o asesor/a) amose unha especial disposición cara a reciprocidade; de modo que se poida chegar a unha comprensión compartida, a un consenso, que garanta a participación equitativa e a busca de solucións mutuamente satisfactorias para asesores e asesorados (profesorado, neste caso). Deste xeito, lograrase a colexialidade, un talante baseado no uso de procedementos de traballo participativos, responsables e democráticos, desenvolvendo puntos de vista negociados, que se pretende alcanzar para estes dous profesionais da educación; tendo en conta, que a colexialidade é moi importante e sería unha boa vía para a mellora das relacións sempre que se faga do xeito que se acaba de comentar, pois esta non é ningunha garantía debido a que no seu seo poden darse numerosos conflitos que desembocarán na non chegada ó punto previsto.

   O verdadeiro reto do asesor/a, tal e como afirma Rodríguez Romero (1996), é situar el apoyo escolar en el contexto de las relaciones entre colegas sin distinción de status, de tal modo que así vai gañando progresivamente credibilidade e prestixio ós ollos do profesorado e vai conseguindo a habilidade suficiente para promover o protagonismo nos verdadeiros responsables do asesoramento de forma que a colexialidade e responsabilidade se convertan en dous aspectos inseparables que outorguen ó asesoramento facilitar a capacitación do profesorado.  Isto supón iniciar procesos claros e  transparencia de responsabilidade compartida, non de dependencia, que actúe de base  para conseguir unha relación de confianza e duradeira que centre todo o protagonismo no traballo de ambos profesionais.

   O asesoramento débese configurar como unha colaboración ou interacción entre iguais, de forma que as persoas que exercen como asesores non sexan vistas e/ou concibidas como mellor preparadas que os docentes, senón como persoas que fan achegas desde un punto de vista similar ou diferente ás achegas do profesorado, pero sempre sobre a base de alcanzar a máxima complementación na busca de solucións ás necesidades xurdidas.

   Algunhas das consideracións a ter en conta para que tanto a relación entre ambos como o proceso de asesoramento teñan lugar dun xeito óptimo e efectivo son as seguintes:

-O traballo cos profesores ha de facerse de maneira sutil e respectuosa coa súa profesionalidade, personalidade, estadio de desenvolvemento e intereses, de maneira harmónica co contexto no que traballan.

-Cada centro posúe unha determinada cultura, traducida esta en posibilidades de acción específicas, unha persoal potencialidade interna de mellora, uns modos determinados de acción, uns valores propios e un momento concreto de desenvolvemento que non poden ser obviados en calquera tipo de relación profesional.

-A sensibilidade que é necesaria promover, achega as claves de comprensión para aproximarse ó centro e meterse na súa realidade, na súa linguaxe e nos elementos cos que ven e analizan a cultura profesional do mesmo. Resulta fundamental coñecer o tipo de cultura (horizontal ou vertical) que se da no centro, xa que é un factor que tamén inflúe na relación entre ambos axentes da comunidade educativa; o que, á súa vez, aporta unha idea ben clara das accións e dos seus significados, dos motivos, das orientacións... que moven tanto ó centro como o profesorado.

-Cada profesional marca unhas determinadas pautas e as traxectorias de uns e outros profesionais cambian e son distintas, aspecto esencial a respectar. Quizais este feito provoca numerosas discrepancias, puntos de vista diferentes e cambios de dinámicas; todo a través dun xogo de ambivalencia, que deriva na necesidade dun período de adaptación para coñecer a historia e o mundo de relacións do centro/institución, como ben se dicía antes.

-O asesor debe ser un axente mediador entre o coñecemento que posúe e as prácticas docentes, pois para que a difusión do seu valioso coñecemento sexa efectiva ha de ser mostrado e aplicado didacticamente na aula. Non basta con un asesoramento fora da aula, pois débese traballar de forma paralela dentro delas.

-O traballo conxunto entre o profesorado e entre estes co asesor ten que dirixirse a establecer redes, ligas e acordos de cooperación que poidan contribuír a crear novas fórmulas de aprendizaxe continuo.

   Así mesmo, Carter e Powell (1992) propoñen algúns factores para que se logre o traballo colaborativo e un asesoramento axeitado por parte dos asesores/as, os cales son:

-O tempo e o fácil aceso: o asesor/a debe participar no día a día nas actividades de apoio e nas reunións de grupo ó profesorado e na planificación e experimentación de plans e actividades docentes.

-A credibilidade: a cal determina a posición do asesor e a súa habilidade para producir impacto nos seus “colegas”. Os profesores/as precisan sentirse valorados e comprendidos no exercicio da súa actividade, ó mesmo tempo que comprenden e valoran ó asesor/a que lles axuda.

-A descrición clara do rol do asesor: define o foco do seu apoio, de modo que o profesorado xa sabe de antemán o que pode ou non esperar do asesor/a.

-O apoio administrativo e o entrenamento: o asesor/a debe aportar información e experiencia para que os docentes saiban o que lle poden solicitar.

-O apoio ó director.

-O ambiente colaborativo: o asesor/a pode ser una vía moi importante para a creación dun ambiente de traballo participativo/cooperativo, considerada esta como a súa mellor contribución para valorar e promover no profesorado tal cultura.

   O asesoramento ademais é un proceso social e, polo tanto, un proceso de comunicación, de tal modo que o asesor/a debe desenvolver habilidades de comunicación e coñecemento dos distintas sistemas que operan no centro, entre eles o profesorado. Polo tanto, é obvio que os asesores/as poñan en práctica unhas determinadas habilidades para iniciar e manter unha relación social na interacción cos docentes, das que as primordiais segundo Area e Yáñez (1990) serían: o establecemento dunha comunicación aberta, a influencia mutua, a clarificación das expectativas e a lexitimación e credibilidade do asesor/a.

 

   Quizais, como se comentaba na clase, a colaboración entre asesores/as e profesores/as poida ser unha meta inalcanzable, a expresión dun desexo, unha proposta inútil e/ou un camiño a recorrer (que implica cambios). Persoalmente avogo por isto último, por un camiño a recorrer, un longo camiño que mediante o traballo colaborativo, as ideas e coñecementos compartidos, o consenso, o optimismo, o esforzo, a constancia, o compromiso, a profesionalidade e o respecto pódese chegar a unhas boas relacións persoais e profesionais entre psicopedagogos/asesores e profesorado.  

   En definitiva, non se debe esquecer que tanto o asesor como o profesorado están inmersos nun proceso de desenvolvemento profesional similar, polo que é moi importante que ambos se autocoñezan para comprender o mundo no que traballan. Así mesmo, sería conveniente que os implicados, asesor e profesorado, adecúen as súas actuacións, dean tempo ó tempo, comprenderan o tempus de ambos (sobre todo do profesorado, se está continuamente innovando ou se permanece encerrado nunha mesma perspectiva)...todo coa finalidade de que se coñezan e propoñan directamente os posibles detonantes que propicien o cambio e a mellora da situación; actuando, deste xeito como espello no cal poder observar do xeito máis subxectivo posible o papel e as características persoais e profesionais dos dous, complementado isto coa escoita activa por ambas partes.