3.4. Modelos de Orientación e Modelos de Asesoramento: Revisión

3.4. MODELOS DE ORIENTACIÓN E MODELOS DE ASESORAMENTO

   No que respecta ós modelos de orientación cómpre facer alusión ás diversas categorías establecidas por Bisquerra (1998). Ditas categorías son:

  • Modelos teóricos: trátase de formulacións elaboradas polos teóricos que militan nas distintas correntes, como por exemplo o modelo Conductista, Psicoanalista, o modelo tipolóxico de Holland, o modelo de Gelatt, etc.
  • Modelos de intervención:

~     Modelos básicos de intervención: constitúen a unida básica de intervención. Aquí inclúense:

  • O modelo clínico: chamado tamén counseling ou atención individualizada que supón unha intervención especializada na que o orientador asume a máxima responsabilidade no proceso de satisfacción das necesidades persoais, educativas e socioprofesionais da persoa, onde o procedemento principal é a entrevista. Ten unhas fases características que son: 1. A iniciativa de solicitar axuda xorde do cliente/ 2. Realizar algún tipo de diagnóstico/ 3. Tratamento en función do diagnóstico/ 4. Seguimento.
  • O modelo de programas: é un conxunto de accións sistemáticas, ben planificadas e orientadas cara uns obxectivos claramente definidos como resposta a unhas necesidades. Dito modelo estrutúrase en: 1. Análise do contexto/ 2. Formulación de obxectivos/ 3. Planificación de actividades/ 4. Realización de actividades/ 5. Avaliación do programa.
  • O modelo de consulta: trátase dun proceso colaborativo de solución de problemas onde dous profesionais (consultante/consultor) comprometen os seus esforzos para beneficiar ós destinatarios respecto ós que teñen responsabilidade nun contexto de interaccións recíprocas. As súas fases de consulta concrétanse en: 1. Fase de entrada/ 2. Fase de diagnóstico/ 3. Fase de execución/ 4. Fase de saída.

~     Modelos mixtos de intervención: son modelos aplicados que resultan dunha combinación de modelos básicos, como o modelo psicopedagóxico.

  • Modelos organizativos: son propostas que fan nun contexto determinado nun momento dado. Estes poden ser:

~     Modelos institucionais: as administracións públicas fan as súas propostas para todo un territorio como o modelo do MEC, o das distintas comunidades autónomas...

~     Modelos particulares: están insertos no marco dun modelo institucional e baséanse na intervención dos profesionais. Por exemplo: centros educativos particulares, gabinetes privados de orientación, etc.

   En canto ós modelos de asesoramento a organizacións educativas cómpre falar de José Miguel Nieto Cano (2001), que distingue entre:

  • Modelo de intervención: A intervención define un tipo de asesoramento educativo baseado no punto de vista da parte asesora. É a que interpreta e define a realidade da parte asesorada determinando as discrepancias e aquelas actividades que van permitir solucionar os seus problemas, superara as necesidades ou compensar as deficiencias. O tipo ideal de asesor/a deste modelo é a figura de experto en base do que fai un diagnóstico do problema e propón unha solución desde o seu propio coñecemento e visión das cousas.

Segundo este modelo, o asesoramento caracterízase por relacións de xerarquía que supoñen condutas directivas da parte asesora sobre a parte asesorada. A toma de decisións arredor das accións a emprender é unilateral e exercida polo asesor, de modo que a súa pericia e prestixio profesional outórganlle poder e lexitimidade ante o profesor.

  • Modelo de facilitación:  Trátase dun tipo de asesoramento educativo que se centra na perspectiva da parte asesorada, onde o papel do asesor non consiste en diagnosticar un problema e suxerir unha solución, senón en saber como axudar ó profesor para que sexa este quén diagnostique o problema e atope a solución.

O esencial deste modelo vincúlase á autonomía dos docentes á hora de construír criterios propios de exercicio profesional, fronte a unha tarefa educativa que é ambigua e xera incerteza e inserta nun contexto de traballo colexiado e autoregulado, non xerárquico nin moi formalizado.

Neste caso, o asesor establece e sostén un diálogo sensible e mutuamente aceptado polo asesorado para crear un ambiente e uns procesos a través dos cales poida reflexionar o profesor de forma sistemática. Así mesmo, alivia ó docente a necesidade de recompilar so as evidencias, posto que actúa como un recurso de axuda. Tamén observa os procesos de resolución de problemas e actuacións, devolve información e aporta alternativas de solución de problemas, estratexias e procedementos para a toma de decisións.

  • Modelo de colaboración: Baséase na interdependencia entre a parte asesora e a parte asesorada. A toma de decisións para resolver problemas é consensuada e exercida polo asesor e profesor en condicións de igualdade de estatus e responsabilidade compartida.  

Neste modelo, tanto asesores/as como profesores/as saben que deben chegar a acordos e consensos para solucionar problemas ou satisfacer unha necesidade educativa que os co-responsabiliza. As diversas situacións que orixinen debate poden propiciar un proceso de intercambio onde os desacordos non se suprimen nin se pasan por alto, senón que se afrontan para elaborar alternativas alternativas converxentes que non supoñan problemas de interacción.  Deste xeito foméntase a comunicación constante entre dous sentidos e promóvese unha distribución de poder entre asesor e profesor na que ambas partes teñen a mesma ou similar oportunidade para influírse mutuamente.

 

    Pódese comprobar a través de todo o comentado durante esta parada que tanto a orientación, proceso de axuda dirixido a todas as persoas ó longo do seu ciclo vital para potenciar o desenvolvemento da personalidade integral, como o asesoramento, un proceso de axuda baseado na interacción profesional e orientado cara a resolución de problemas, son dous fenómenos ou prácticas distintas que se relacionan e complementan estreitamente e que resultan moi importantes xa que forman parte da realidade educativa. Polo tanto, con isto confírmase a miña percepción de comezo desta terceira parada arredor de que asesoramento e orientación non son o mesmo.