9. Oitavo sinal: Reflexións sobre o traballo elaborado: Revisión

     Logo de meses camiñando por este sendeiro, a viaxe comeza a tocar á súa fin.

     Foi unha ruta na que me iniciei bastante desorientada, sen coñecer moi ben o trazado que debía seguir, e ao longo da cal me fun atopando con diversos atrancos que ían dificultando o meu camiño. O portafolios presentábase como unha nova ferramenta coa que traballar, e aínda que en algunha materia de anos anteriores tiveramos que elaborar algún, non tiña nada que ver co que se nos esixía aquí. A súa elaboración supuxo horas e horas de búsqueda de información, de reflexións e de indagacións para ir profundizando máis e consolidando os coñecementos sobre o asesoramento.

  Aínda que o camiño ata aquí foi duro, tamén me fun atopando con diversos sinais que me foron facilitando a continuación por esta senda, e que me proporcionaron un maior coñecemento dese camiño que ía seguindo. Así pois a metodoloxía empregada, baixo o lema "learning by doing", resultou moi enriquecedora e moi produtiva pois ao ser nós os propios protagonistas activos do proceso de aprendizaxe, esta resulta verdadeiramente significativa. Ademais as aportacións da profesora e todo o traballo elaborado en pequenos grupos e a nivel de clase facilitou a tarefa que se nos propoñía.

     A miña valoración tanto da metodoloxía como de todos os contidos traballados ao longo da materia é moi positiva, pois permitíronme obter novos coñecementos e relacionalos cos que xa posuía pero que non estaban ben consolidados.

     Para rematar, como indiquei ao comezo da reflexión, esta viaxe comeza a tocar a súa fin, pero non remata aquí, pois este é un sendeiro moi longo polo que debemos seguir avanzando e afondando para que os nosos coñecementos continúen aumentando. A formación permítenos aprender, adestrarnos, capacitarnos e desenvolvernos como persoas e profesionais.  Debemos estar preparados/as para abordar os novos retos que se nos vaian presentando, e por iso debemos ter unha actitude proactiva no noso desenvolvemento profesional que nos permita seguir avanzando.