4.2. O asesor como facilitador dos procesos organizativos: Revisión

     Continuando coa miña indagación acerca da figura do asesor/a, a continuación tratarei de reflexionar sobre o papel que ten este como facilitador dos procesos organizativos.

     A teoría do cambio educativo e a consideración da escola como o centro do cambio, tiveron unha gran importancia na configuración da figura do asesor, así como nas súas funcións, ferramentas de traballo e estratexias, de cara a súa colaboración neses procesos de cambio e mellora dos centros educativos.

     Os acontecementos que teñen lugar nas institucións educativas non poden explicarse unicamente á raíz dos aspectos estruturais, pois a estrutura formal non explica por si soa o funcionamento real dos procesos educativos nin a diversidade da súa vida colectiva. Son os procesos dinámicos, destas organizacións educativas, os que pouco a pouco foron adquirindo unha notable importancia  para o estudo do que ocorre no interior das mesmas, ofrecendo así unha explicación dos aspectos que condicionan o desenvolvemento da vida organizativa. Polo tanto, é preciso ter en conta a importancia que teñen as variables relacionadas coa comunicación e a socialización dos individuos e os grupos.

     Se entendemos as escolas como un contexto onde teñen lugar intercambios sociais regulados ao mesmo tempo por unha estrutura e por un sistema de símbolos compartidos, os asesores poden contribuír a que estas organizacións escolares se coñezan, interpreten e dean significado aos acontecementos que ocorren nelas, favorecendo deste xeito os procesos de cambio e innovación. Dende esta perspectiva, as actuacións dos asesores nas institucións educativas estarán dirixidas a traballar “con” os profesores máis que a intervir “sobre” eles, é dicir, deben intentar establecer unha situación de colaboración entre iguais valorando as apartacións dende diferentes perspectivas, facilitando instrumentos de cambio, pequenas experiencias que requiran a reflexión, elaboración, aplicación e discusión de grupos de traballo arredor dos efectos que producen.

     Nesta liña, a figura do asesor pode definirse como a de un facilitador ou observador, como a persoa que guía, orienta, axuda a buscar solucións e axuda a axilizar os procesos de cambio e mellora educativa. Entendese así o asesoramento como o recurso de cambio e mellora escolar nun sentido amplo, mediante o cal se proporciona aos centros o apoio que guía e orienta o coñecemento e as estratexias precisas para que a escola poida elaborar os seus propios proxectos de cambio, así como poñelos en funcionamento e avalialos.  

     A actuación dos asesores segundo  Nieto 1992:75, ten unha influencia máis relevante para estimular aos profesores a lograr un maior auto-recoñecemento e aprendizaxe activo a partir das súas propias experiencias e das súas prácticas, co obxectivo de “propiciar que las escuelas aborden sus problemas con amplitud y claridad (soluciones creativas y consensuadas, estrategias abiertas, flexibles y adaptativas) y que seleccionen innovaciones curriculares que implican cambios en los valores organizativos del centro (relaciones colaborativas, intercambio de recursos propios en sentido amplio)".

     Como consecuencia, o asesoramento proponse como un proceso de colaboración entre profesionais que traballan en torno a reflexión crítica no deseño de plans de acción que inclúen a todos os participantes coa intención de que todos os membros analicen e adquiran unha mellor comprensión dos seus problemas, dos seus dilemas e necesidades. O asesor/a non é a persoa que soluciona as demandas de outros, senón que é o que xunto con outros, procura encontrar respostas consensuadas ás demandas que se producen.

     Os roles do asesor nun proceso de colaboración céntranse en activar o proceso, proporcionar recursos fora do alcance dos participantes, axudar aos profesores a definir as súas preocupacións, estratexias para cambiar e observar os efectos do cambio e reflexionar sobre os resultados. Finalmente, enténdese que o traballo de organización e coordinación de grupos de traballo de profesores, é tamén tarefa dos asesores tendo en conta esta concepción de colaboración no traballo.

 

                                        image