1. Análise da realidade educativa española.: Revisión

ANÁLISE DA REALIDADE EDUCATIVA ESPAÑOLA.

 

Neste punto, centrareime principalmente nos aspectos tratados e que configuraron unha pequena análise da realidade educativa en España. Para comezar gustaríame facer referencia ó contexto no que vivimos, a modernidade líquida acuñada por Zygmunt Bauman, unha sociedade de rápidas transformacións e na que se perderon numerosos costumes do pasado como poden ser os valores colectivos ou a fidelidade.

Zygmunt Bauman e a modernidade líquida

Hoxe indagarei e falarei sobre un tema que se falou nunha das primeiras sesións de clase, a modernidade líquida.

A modernidade líquida foi un tema acuñado polo sociólogo, filósofo e ensaista polaco Zygmunt Bauman, para referirse ó final da sociedade sólida. ¿Pero que quere dicir isto de sociedade sólida e sociedade líquida? A verdade é que o seu significado é máis sinxelo do que pode parecer: os sólidos, a diferencia dos líquidos, conservan a súa forma e persisten no tempo, duran; en cambio os líquidos transfórmanse constantemente, flúen. É por este motivo polo que o termo de "modernidade líquida" é o perfecto para referirse á natureza da fase actual da modernidade. Na actualidade estanse derritindo os sólidos, os vínculos entre as eleccións individuais e as accións colectivas. É por isto polo que Bauman afirma que a vella sociedade sólida, construida sobre bases estables como a familia ou o emprego, veuse abaixo, chegando a un momento no que vivimos nunha sociedade precaria, cambiante, no que valores como a fidelidade ou a duración perderon o seu significado, dando lugar a unha "sociedad líquida", que incluso se chega a denominar "sociedade gaseosa" na que os individuos flotamos á deriva.

Como opinión persoal gustaríame dicir que a sociedade líquida na que vivimos é unha sociedade de características moi negativas, pois supón a ruptura cunha sociedade colectiva para dar lugar a inha sociedad privada e individualizada, na que cada individuo tan só se preocupa da súa vida, deixando de lado os ideais comúns. Relacionando esta idea coa educación, doume conta de que estamos vivindo nun momento no que o individualismo e a ruptura cos valores de unión e solidaridade entre as persoas, pode supoñer un impedimento para implantar unha educación de todos e para todos, que resulte dunha gran calidade.

A información empregada para esta entrada foi extraída de:

http://es.wikipedia.org/wiki/Zygmunt_Bauman http://www.ucm.es/info/nomadas/19/avrocca2.pdf http://www.libreriapaidos.com/9789505575138/MODERNIDAD+LIQUIDA/

 

E nesta sociedade cambiante, en España, coma sempre, seguimos co mal costume de cambiar e modificar as leis educativas con cada cambio de goberno. Co novo goberno do Partido Popular, en España deseñouse unha nova lei educativa, a LOMCE, a cal é unha modificación da anterior LOE, na miña opinión, unha modificación a peor. Gustaríame dicir, ante esta situación  de tantos cambios de lei pasados (e seguramente futuros), que este pode ser un dos grandes problemas do sistema educativo español. E é que en vez de chegar a un consenso e crear un sistema perdurable no tempo (o que lle daría fortaleza) limitámonos a cambiar as leis cada vez que cambiamos de goberno, creando así sempre un sistema educativo relativamente novo de cada vez (o que o converte en débil).

Ademais, a LOMCE, como se observa desde o meu punto de vista no blog que no seu momento creei, supón un cambio a peor da situación que se mantiña coa LOE.

Análise LOE - LOMCE

LOE vs LOMCE 

 

Nesta nova entrada ó blog, realizarei unha pequena comparación entre a LOE e o anteproxecto da LOMCE, destacando os puntos nos que tras analizar as dúas leis na clase máis chamaron a miña atención.

 

-          Currículo.  Neste aspecto ademais dun cambio substancial nas materias que os alumnos cursarán, o aspecto que máis chamou a miña atención foi a fixación dos contidos comúns nun 65% nas CC.AA. que teñen lingua oficial e un 75% nas demais, é dicir, un 10% máis que na LOE. Isto quere dicir que se produce unha maior centralización do sistema educativo polo menos desde un punto de vista cultural e de contidos, o que na miña opinión supón un retroceso na identidade cultural gañada nos últimos anos polas comunidades españolas, principalmente por aquelas que teñen unha lingua e unha historia propia.

-          Lingua estranxeira. En relación a este punto, o que máis me chamou a atención foi o feito de que a LOMCE determina que a lingua castelá ou a lingua cooficial só se empregarán no ensino de lingua estranxeira como apoio, o cal creo que pode poñer solución ó problema que en España existe coa aprendizaxe dunha lingua estranxeira no sistema educativo: todos sabemos escribir e ler inglés, pero non temos a capacidade de entender e falar con soltura. Deste xeito favorécense os aspectos ós que ata o momento non se lles daba importancia: a comprensión e a expresión oral.

-          Avaliación. En canto á avaliación, o feito máis relevante que inclúe a LOMCE é a determinación dunha proba de avaliación que se realizará ó finalizar o terceiro curso de Primaria, que en caso de ofrecer un resultado moi negativo por parte do alumno levará á repetición de curso. Esta medida non me parece favorable, xa que o importante na etapa á que nos estamos a referir non é a realización de avaliacións que nos leven á unha toma de decisións en base a probas puntuais, senón a atención específica a cada alumno (especialmente a alumnos con problemas), creando sistemas de reforzo e de apoio que axuden a que o alumno supere os posibles problemas que atope.

-          Proba de acceso á universidade. A proba de acceso á universidade como era entendida pola LOE deixará de existir, dando lugar a unha Avaliación final de Bacharelato que será unha proba que realizarán ó finalizar esta etapa os alumnos con tódalas materias superadas. O aspecto máis novidoso en relación a este aspecto é que esta proba se realizará no propio centro, sendo calificada por expertos externos.

-          Segregación. Este foi un dos puntos que máis chamou a miña atención na LOMCE, xa que a diferenza da LOE, cando se fala da non discriminación por razón de nacemento, raza, sexo, relixión, opinión ou calquera condición ou circunstancia persoal ou social, no novo anteproxecto de lei engádese  a aclaración de que esta afirmación non será  ningún impedimento para que os centros de educación diferenciada por sexos podan recibir o seu concerto. E é que se o que se busca é unha educación sen discriminación, esa afirmación debe ser clara e concisa, sen aclaracións, polo que ofrecer concerto ós centros que segregan ós alumnos por sexos supón a mesma discriminación que separar ós alumnos por razas ou relixión, xa que ofrecer concerto a eses centros supón tirar abaixo a afirmación de falar da non discriminación.

-          Consello escolar. O Consello Escolar convértese nun órgano consultivo, perdendo gran parte da súa autoridade, as cales quedan limitadas practicamente a unha tarefa informativa, eliminando tódalas súas competencias de decisión e aprobación.

-          TIC. As TIC na LOMCE ocupan un papel importante para o desenvolvemento da calidade educativa, o cal supón unha seria contradición, xa que se o novo anteproxecto de lei supón medidas de racionalización económica (recortes) pero tamén destaca o labor das TIC como unha ferramenta para a mellora da calidade educativa, está claro que estamos a falar de cousas incompatibles, xa que recortando gastos no sistema educativo non poderemos mellorar e desenvolver a presenza e o uso das TIC nos centros.

A información empregada para esta entrada foi extraida do material de clase ademais de:

http://www2.fe.ccoo.es/andalucia/docu/p5sd9631.pdf

 

Ademais da creación da nova LOMCE, en España na actualidade estase a vivir unha situación completamente dura de recortes en educación. Esta situación observouse na materia no análise do Real Decreto-lei do 14/2012, do 20 de abril, de medidas urxentes de racionalización do gasto público no ámbito educativo. Esta medida supón un ataque á calidade da educación, ben tan desexado pola nova LOMCE (leva a palabra calidade no seu nome). E é que con estas medidas de racionalización do gasto público en educación, cométense actos como subir o número de alumnos por aula debido á non contratación de novos profesores ou o feito de cubrir baixas inferiores a dez días por profesores de disciplinas diferentes.

  Recortes

A continuación expoño o análise que o meu grupo fixo sobre o punto da Ensinanza Universitaria.

 

Análise Real Decreto-lei 14/2012, de 20 de abril, de medidas urxentes de racionalización do gasto público no ámbito educativo.

 

 

Pero non todo son datos negativos sobre a situación do sistema educativo español. Isto queda reflexado no Panorama da educación en España segundo o informe da OCDE. E é que analizando este documento na clase, descubrimos que en España existen numerosos aspectos nos que nos atopamos por riba da media da OCDE e da Unión Europea. Polo tanto, tal vez sexa pola costume humana de prestar maior atención ós aspectos negativos, pero non debemos pensar que a situación do noso sistema educativo se atopa nunha situación catastrófica, senón que debemos loitar para combatir tódolos erros e aspectos negativos. Neste blog amósase a análise do documento, e percíbese como a situación non é tan mala, pero tampouco debemos deixar que empeore, senón mellorala.

Panorama da educación en España segundo o informe da OCDE

Hoxe analizarei o informe español do “Panorama da educación” segundo o informe da OCDE. Tratarei os aspectos que máis chamaron a miña atención durante o traballo que se realizou na clase do documento, centrándome en tres dos bloques principais: a expansión da educación e os resultados educativos, o financiamento da educación e o entorno dos centros educativos e a aprendizaxe.

 

A EXPANSIÓN DA EDUCACIÓN E OS RESULTADOS EDUCATIVOS.

Formación da poboación adulta. Este é un punto que chamou a miña atención, principalmente por que igual que moitos dos que se tratarán a continuación, supoñen unha ruptura coa concepción que tiña dos datos de España en comparación a outros países. De 2000 a 2010 pasouse dun 38% a un 53% de poboación adulta con estudos superiores á primeira etapa de Educación Secundaria. Este é un dato moi positivo, pois supón unha gran evolución no referente a un aspecto  no que persoalmente penso que a maioría da poboación considera que nos atopamos nunha moi mala situación.

Ademais, un indicador da gran evolución que se está a seguir é que un 45% dos españois posúe un nivel de estudos superior ó de seus país e só un 6% é inferior. Isto viuse na clase, cando a maioría das persoas que alí nos atopábamos afirmamos estar superando o nivel de nosos país e incluso ser a primeira xeración familiar en asistir á universidade. Este é un dato que persoalmente proporcióname unha enorme ledicia, pois supón unha evolución xeracional, é dicir, aínda que pensemos que non o parece, estamos evolucionando sempre cara a mellora.

Escolarización infantil. Este é un tema sobre o cal xa tiña coñecemento, pero non deixou de chamar a miña atención. E é que en España, un país que se caracteriza por non obter os mellores resultados nas avaliacións do seu sistema educativo, hai unha taxa de escolarización en educación infantil moito maior que a da Unión Europea e a da OCDE. Ademais, países como Finlandia (famoso por ter un dos mellores sistemas educativos do mundo) aconsellan que os alumnos non se escolaricen ata os 6 anos.

E ben, se sempre se fala que a educación infantil é o piar fundamental para conseguir un bo sistema educativo, ¿qué é o que fai que en España obteñamos malos resultados e en Finlandia tan bos? A diferenza é que en países como Finlandia a educación no seo da familia antes dos seis anos é algo moi normal, sen embargo en España por diversos motivos (económicos, niveis de estudo dos pais...) isto non pode ser así. Aínda así e todo, e tendo en conta a “escusa” dos países nórdicos, creo que a taxa de escolarización infantil é un punto moi grande ó noso favor.

Acceso e titulación en Educación Terciaria.  En canto ó acceso a Educación Terciaria en España observamos dúas tendencias diferenciadas segundo falemos da universidade ou os Ciclos Formativos de Grado Superior. En canto á universidade, desde o ano 2000, observamos que partimos dunha situación de equidade en relación á OCDE e á UE, quedando rezagados ó longo da década, aínda que se observa unha recuperación nos últimos anos. Polo que se refire ós Ciclos Superiores,  partimos dunha situación de gran desventaxa no ano 1995, aumentando 23 puntos ata o ano 2012 e superando á OCDE e a UE.

En canto á titulación en Educación Terciaria, houbo un dato que chamou enormemente a miña atención:

-          Mentres que un 52% dos adultos xóvenes acede á universidade, tan só un 30% obtén a titulación.

-          O 26% dos adultos aceden ós Ciclos Superiores, recibindo a titulación un 16%.

Estes datos presentan unha gran mortalidade escolar nestes niveis, é dicir, hai un porcentaxe moi alto de alumnos que comezan a Educación Terciaria pero non a rematan.

 

O FINANCIAMENTO DA EDUCACIÓN.

Gasto público por alumno. Este indicador foi posiblemente o que máis chamou a miña atención: en España invértese un 21% máis por alumno que na OCDE e na UE. O motivo principal polo que se inverte dun xeito maior é principalmente por razóns salariais, pois como se falará posteriormente o profesorado recibe maiores retribucións en España. Pero aínda tendo en conta este dato, é un aspecto completamente positivo que en España se realice unha maior inversión en educación.

Aínda que na miña opinión tal vez este indicador esconda un certo lado oscuro: tal vez se fai unha gran inversión, pero non unha boa inversión, quero dicir, que o importante non é inverter moito, senón saber como inverter e facer unha boa xestión do capital (por exemplo, é mellor dotar un aula de dous ou tres ordenadores aos que se lles da un bo uso pedagóxico por parte dos profesores que dotala de un ordenador por alumno que a penas se usan ou non reciben todo o proveito educativo que deberían).

 

O ENTORNO DOS CENTROS EDUCATIVOS E A APRENDIZAXE.

Horas de ensino. Este é outro deses datos que resulta contraditorio. Resulta que en España temos un promedio de horas lectivos maior que na OCDE e na UE en tódolos niveis. Entón, insisto, por qué obtemos resultados tan negativos nas avaliacións do sistema educativo? Neste caso creo polo menos na miña opinión está claro: polo que se refire ó tempo dedicado á educación nas aulas, o importante non é a cantidade, senón a calidade. Ademais confío en que, especialmente nos niveis inferiores, unha gran carga lectiva resulta contraproducente, pois se ademais temos en conta que os rapaces acoden a actividades extraescolares ou academias, a fatiga que poden chegar a experimentar é inmensa.

Ratio alumnos-profesor. A ratio alumnos-profesor é un tema do que se fala moito ultimamente debido á súa subida en España. A realidade é que no informe se di que a ratio é inferior en tódolos niveis educativos á media da OCDE e da UE. Pero, sen embargo, como tódolos estudos comparados da educación, débense ter en conta as diversas realidades de cada país. Polo tanto, se temos en conta que en España existen moitas zonas como pode ser o caso de Galicia, na que hai escolas unitarias nas que hai moi poucos alumnos, entenderemos mellor cal é a causa pola que en España temos unha menor ratio alumnos-profesores.

Retribución do profesorado. O salario dos profesores tamén é maior en España en tódalas etapas, aínda que as diferenzas se reducen cando se alcanza o salario máximo. Este dato resúltame a verdade moi sorprendente, pois para nada esperaba que os profesores españois cobrasen máis que a media da OCDE e da UE. A verdade é que o salario dos profesores paréceme completamente necesario, e o feito de que supoña a principal partida dos presupostos en educación en España agrádame, pois é un recoñecemento á súa labor, aínda que todavía nos falta acadar o recoñecemento social.

Xa para rematar, despois de analizar este informe, gustaríame destacar que a percepción que recibín é que aínda que o panorama da nosa educación non se atopa entre os mellores de Europa e da OCDE, quero dicir que a situación non é tan mala como socialmente se percibe, senón que nos atopamos no camiño da mellora, polo tanto é o momento de seguir mellorando, de loitar por seguir adiante e chegar a ese lugar onde todos queremos estar; polo tanto non debemos pararnos, non debemos recortar en educación, sigamos adiante, sempre cara mellor!

 

Para rematar con este bloque, gustaríame incluír o blog no que falei sobre o debate creado na aula en relación á medida tomada en Extremadura de ofrecer 1000 euros ás persoas entre 18 e 25 anos que rematen a ESO. Na miña opinión esta noticia é un claro exemplo da situación actual do sistema educativo en España: temos unha situación problemática á que hai que poñer solución, pero implantamos unha solución, na miña opinión, totalmente precipitada e desacertada. Ademais, o abandono escolar é un dos grandes problemas cos que ten que loitar agora mesmo o sistema educativo español, pero o remedio que se ofrece en Extremadura, para min non é a solución.

Programa para reinsertar alumnado da ESO en Extremadura

Hoxe falarei sobre un tema tratado o outro día na clase e que xerou un gran debate no que se propuxeron moitas ideas e puntos de vista. Esa noticia é a do programa que se iniciou en Extremadura que consiste en dar mil euros ós mozos entre 18 e 25 anos que abandonan os estudos se rematan a secundaria.

 

http://sociedad.elpais.com/sociedad/2012/12/08/actualidad/1354978685_073187.html

 

O debate sobre esta noticia, como ten que ser nunha sociedade plural, xerou unha gran cantidade de puntos de vista e ideas ó respecto, situadas en dous grupos ben diferenciados, as persoas a favor do programa creado na comunidade extremeña e as persoas en contra. Cómpre dicir que foi un debate produtivo, xa que os dous grupos ou ideas contrarias expresaron as súas ideas cunha boa argumentación.

A miña posición, é unha posición contraria á medida tomada. Pero en primeiro lugar, gustaríame dicir que estar en contra desta medida non supón estar en contra da finalidade que se persegue, senón do medio que se emprega. É dicir, creo que todos estamos de acordo con que o problema do abandono escolar antes de rematar a ESO (un 26,5% dos españois en idade universitaria non posúe título de ESO) é algo ó que se lle ten que poñer solución, pero na miña opinión ofrecer 1000 euros ós alumnos que retomen os estudos e rematen a ESO non é a solución.

Desde o meu punto de vista, o abandono escolar débese tratar desde un primeiro momento, pois só así se evitará que se converta nun problema social, é dicir, actuar de xeito preventivo. En cambio, este programa supón intervir a posteriori do problema, o que quere dicir que non é a solución, pois suporá que o problema siga existindo obrigando a actuar de xeito reactivo, e non podemos pensar en que a solución é ofrecer 1.000 euros a tódolos alumnos que abandonen os estudos; a solución é evitar que eses alumnos abandonen os estudos obrigatorios.

Neste sentido gustaríame comentar a frase de Moreno: “El mejor euro invertido en educación es el destinado a preescolar”. E é que esta afirmación é completamente certa, pois invertir en educación desde os niveis inferiores supón sentar bos cimentos no sistema educativo, o que fará desaparecer moitos dos problemas actuais da educación en España, como pode ser o abandono escolar. É por este motivo polo que penso que a solución non é ofrecer 1000 euros unha vez creamos o problema, senón inverter eses cartos en previr ese problema.

Pero querer solucionar esta situación dun xeito preventivo, é dicir, actuando antes de que se produza  para así evitala, non quere dicir que nos esquezamos destas persoas que están a sufrir o problema actualmente como se falásemos dunha “xeración perdida”. Nada máis lonxe da miña intención. Simplemente confío en que esta xeración de rapaces de 18 a 25 anos non vive unha situación que se solucione cun pagamento de 1000 euros por rematar os estudos obrigatorios. A solución podería atoparse en promover cursos que se asimilen ós PCPIs e que ofrezan ós rapaces unha formación que os prepare para o mundo laboral e uns contidos básicos e transversais que lles podan ofrecer o título de graduado en ESO así como competencias profesionais. Pero todo o contrario está a ocurrir, pois na actualidade en vez de fomentar este tipo de programas como os PCPI, estanse a eliminar.

En definitiva, creo que este programa é precipitado, e incluso, falando sempre desde un punto de vista persoal, paréceme o xeito máis fácil de solucionar o problema. O difícil é crear as medidas que eviten eses problemas e ofrecer unha solución a eses rapaces que o están a vivir que non sexa económica, como pode ser a creación e promoción de cursos de formación básica e profesional para adultos que lles ofrezan un título que convalide a educación obrigatoria.