2. Introdución: Revisión

2. Introdución

Última actualización de en Bárbara Márquez

Unha vez máis, o percorrido pola Rede Social do Grupo de Investigación Stellae chega ó seu fin, esta vez coa materia Formación e Desenvolvemento Profesional do Profesorado impartida pola docente Lourdes Montero.

Cheguei a esta materia tras decidir realizar o itinerario escolar no 4º curso do Grao en Pedagoxía. Recordo que esta materia me tiña intrigada e un pouco atemorizada. Isto é así posto que, como dixen na miña primeira entrada no blog persoal, ao longo da carreira puidemos ver algún aspecto concreto sobre a formación pero moitas veces de xeito transversal e sobre aspectos puntuais sen profundizar en gran medida. Ademais, o feito de descoñecer o tema, xerábame curiosidade sobre o que traballaríamos ao longo do cuadrimestre e se a materia cumpriría as miñas expectativas sobre o coñecemento da formación profesional docente.

Para a miña sorpresa, tamén nesta materia como na materia de Tecnoloxía Educativa, se nos presentou unha metodoloxía de traballo e de avaliación baseada na realización dun E-portafolio. Pódese dicir que un e-portafolio é un espazo onde se poden coleccionar evidencias de diferentes procesos de aprendizaxe (vivencias, intereses, documentos, reflexións...) e que ten como característica fundamental a de ser en rede, polo que é moi doado compartir e aprender dos teus compañeiros e persoas do entorno próximo.

Esta vez, a diferenza da anterior ocasión que elaborei na Rede Stellae o meu propio aprendizaxe, tiven a oportunidade de realizar tarefas de xeito individual e de xeito grupal o que considero moi positivo e enriquecedor.

Polo tanto, a continuación explicarei a estrutura do meu e-portafolios comparándoo co crecemento dunha árbore, posto que considero que eu tamén pasei polas fases de crecemento e evolución que sofre este ser vivo. É dicir, utilizarei como metáfora o crecemento dunha árbore para explicar o meu crecemento e desenvolvemento académico e persoal en relación coa materia.

Realizarei un apartado global denominado “desenvolvemento” para referirme ás diferentes fases polas que pasei ao longo da materia. Dentro deste apartado, vou incluír outros tres subapartados denominados “plantando a semente” para referirme aos primeiros pasos en materia de formación do profesorado; “botando raíces” para facer alusión á elaboración do meu aprendizaxe despois deses primeiros momentos e, por último “chegamos á copa” para facer referencia ao final do percorrido nesta materia e ás miñas conclusións.

Métafora do meu aprendizaxe como o crecemento dunha árbore

Dicir tamén que, como xa dixen o e-portafolios consta dunha parte de traballo individual e outra de traballo grupal que irei incluíndo de forma conxunta nas fases anteriores.

A miña labor, polo tanto, nesta materia baseouse en descubrir ao profesorado da sociedade actual (identidade docente, funcións, prestixio social, malestar docente, etc) así como a formación á que se enfrontan, tanto á inicial (teoría e práctica) como á formación permanente. Para isto dispuxemos de documentación proporcionada pola docente e ademais, tivemos a oportunidade de investigar e indagar sobre outro tipo de documentación que fose relevante para esta temática.

Avancemos pois a coñecer o meu percorrido, volo presento.